Arrinca a IV edición de Xpresa: Obradoiro Cinematográfico de Inclusión Social

Xul 6, 2021 | Novas

Esta semana ten lugar a cuarta edición do taller cinematográfico de inclusión social Xpresa, unha importante aposta da Asociación eSe8 da Coruña que traballa polo desenvolvemento e transformación da nosa sociedade a través da difusión e divulgación da cultura cinematográfica desde todas as súas vertentes.

Neste obradoiro, que forma parte por segundo ano consecutivo do Programa Cultura Accesible e Inclusiva da Fundación Emalcsa, mozos e mozas membros da Asperga (Asociación Síndrome de Asperger Galicia) e da Fundación Adcor de Adultos Discapacitados de A Coruña, poderán desenvolver as súas propias facultades, o seu potencial creativo e expresarse emocionalmente da man do reputado cineasta Andrés Duque.

O taller, que se celebrará entre o martes 6 e o venres 9 de xullo na Fundación Luis Seoane, nace froito da vontade da Asociación eSe8 de ofrecer un curso que lle permita a persoas con capacidades di versas facerse con ferramentas coas que poder experimentar e expresar as súas propias capacidades. Un espazo que lles brinde mecanismos de creatividade que poidan implementar no seu día a día. Un taller no que fomentar a creación libre e estimulante de pezas cinematográficas persoais, feitas dende a experimentación;

IV edición de Xpresa: Unha película improvisada

A experimentación no cine é a forza creativa que se inxecta ás historias para que conten segredos xamais antes contados. Con este obradoiro estudarase algúns cineastas que dedicaron toda a súa vida á experimentación audiovisual e xunto a eles, poñeranse en práctica os seus achados, xerando así un material que permita construír unha película improvisada. O obxectivo deste obradoiro é que os participantes tomen conciencia da importancia desta maneira de crear, máis accesible e persoal, como xeradora de novas formas máis sofisticadas de narrar.

O obradoio Xpresa constitúe unha gran oportunidade para estes mozos e mozas de vivir unha experiencia de grande crecemento persoal ofrecéndolles algunhas chaves que axudarán nas súas futuras achegas á nosa sociedade, facéndoa máis diversa e xusta.

Sobre Andrés Duque:

Andrés Duque é un cineasta español nacido en Venezuela. O seu traballo sitúase na non-ficción española cun forte carácter ensaístico. A súa primeira película Ivan Z é un retrato do cineasta de culto Iván Zulueta. As súas obras obtiveron numerosos premios e recoñecementos en festivais de cine de todo o mundo (Punto de Vista, Cinéma du Réel, Dokufest, D’A, Unicorn Awards, Premios Goya) e foron exhibidas en centros culturais como o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (MNCARS), o Museo de Arte Contemporánea de Moscú (GARAGE) e o Museo do Hermitage en San Petersburgo, entre outros. Conta con máis de 15 anos impartindo obradoiros e clases en diferentes escolas de cine de Europa e Latinoamérica con especial atención no cinema de vangarda e documental.

PUBLICACIÓNS RECENTES