O SON DAS IMAXES, proxecto seleccionado – BAICC 2021/22

Out 1, 2021 | Destacados, Novas

Laura Moreno Bueno é a autora de O SON DAS IMAXES proxecto gañador desta quinta edición de BAICC – Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica 2021/22. A comisión de valoración integrada por un representante de cada unha das tres entidades responsables da convocatoria, Liaison of Independent Filmmakers of Toronto – LIFT, (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico de A Coruña e AC/E – Acción Cultural Española, decidíu que esta proposta fose a seleccionada para ser desenvolvida durante cinco semanas en Toronto (Canadá).

Moreno propón crear unha experiencia sonora, convertendo a imaxe en son con axuda de diferentes dispositivos. Trátase de proxectar unha película en 16mm, para que a partir da luz emitida polo proxector, varios micrófonos fotosensibles recollan a información proxectada e así escoitar os sons que emiten ditas imaxes. Con isto pretende responder desde unha mirada persoal e subxectiva a que soan as paisaxes de Toronto, cales son as cores que evocan os seus espazos, cal é o seu ritmo e o seu ton. Transfigurar as cores da cidade a sons, algo así como descubrir a que soa Toronto desde os ollos e non desde o oído. Como resultado: unha proxección sobre as paisaxes da cidade de Toronto, que montados segundo as súas cores darán lugar a uns sons e con iso a unha obra audiovisual completa.

O Comité de Valoración considera que O SON DAS IMAXES de Laura Moreno é o proxecto máis potente de todas as propostas de gran valor presentadas a esta V Convocatoria de BAICC, apreciando a forma en que leva o cinema expandido nunha nova dirección. A claridade nas súas descricións, que fai que o seu proceso sexa comprensible, permite visualizar a intención deste proxecto que en opinión do Comité, é perfecto para este programa de residencia.

O SON DAS IMAXES será presentada mundialmente na décimo terceira edición do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña, que se celebrará do 27 de maio ao 5 de xuño do 2022.

Laura Moreno Bueno (1995) estudou en Madrid, onde comezou o seu interese na transfiguración dos códigos audio-visuais a partir dos medios dixitais ou analóxicos. En 2017 realiza _____, unha instalación de videoarte que profunda os límites da paisaxe. En 2018 crea o colectivo Biomas, un espazo onde reflexionar sobre a relación entre o corpo e a cámara. A partir dos talleres realizados, crece o seu interese en utilizar o corpo como forma de comunicación. Este mesmo ano realiza 1b0, un proxecto colectivo onde consegue axuntar artistas visuais e sonoros, que a partir da codificación e descodificación das súas obras crean pezas audiovisuais. Tamén crea A música do paseo, unha instalación sonora na que, grazas a sensores de movementos, os espectadores crean sons no seu andar. En 2019 cursa os estudos de creación en Elías Querejeta Zine Eskola (San Sebastián), o que lle permite seguir as súas investigacións ao redor da representación corporal e profundar nos procesos analóxicos. Realiza un tríptico audiovisual en torno ao pranto, onde busca a forma de representar as bágoas a partir do movemento e a instalación III. En 2021 comeza o proxecto O son das imaxes, onde grazas á residencia de colaboración Hangar-Casa Velázquez, está a fabricar micrófonos fotosensibles que converten a luz en son, o resultado é unha instalación onde a partir de película en 16mm previamente tratada, as imaxes tradúcense en sons e xera unha experiencia sinestésica.

PUBLICACIÓNS RECENTES