![](https://s8cinema.com/wp-content/uploads/2022/02/M1A0268-1024x683.jpg)
A Fundación Contemporánea presenta cada ano os resultados da súa consulta anual a un amplo panel de expertos que avalían os mellores proxectos culturais do estado. Durante o últimos cinco anos, o (S8) estivo sempre presente entre os proxectos culturais máis importantes de Galicia, chegando mesmo a encabezar a lista.
A semaña pasada a Fundación Contemporánea presentou os resultados da súa consulta correspondente ao recentemente finalizado 2021. Neste informe que presentou o Observatorio da Cultura participaron 358 profesionais da cultura, dos que un 44,7% traballan nunha organización cultural pública, un 39,9% nunha organización cultural privada e o 15,5% como profesionais independentes do sector.
![](https://s8cinema.com/wp-content/uploads/2022/02/OC_2021-portada-web-1024x657-1.png)
Duplicando esforzos, na pasada edición o (S8) retomou o seu pulso presencial na cidade con invitados internacionais, sen deixar de destinar, por segundo ano consecutivo, parte do orzamento a crear novos contidos e actividades en soporte dixital, deseñados e gravados por profesionais cualificados que forman parte do propio equipo do festival, para distribuílos en aberto a través da nosa web e redes sociais a máis de 111 países, incrementando significativamente a nosa audiencia dixital (a case o dobre de países que na pasada edición).
![](https://s8cinema.com/wp-content/uploads/2022/02/M1A9764-1024x683.jpg)
Por todo este esforzo, máis que nunca, sentímonos orgullosas de formar parte de novo dos eventos culturais máis valorados de Galicia, compartindo ranking con festivais compañeiros como Cineuropa, o Festival de Cans, o Festival Sinsal, Resis ou Curtocircuíto.
De novo, a de 2021 foi unha edición difícil polo que nos alegra moito volver obter este recoñecemento a toda a dedicación que se envorca neste proxecto no labor das nosas compañeiras, a súa profesionalidade, capacidade de traballo, inventiva, creatividade, cooperación e xenerosidade extraordinaria.
![](https://s8cinema.com/wp-content/uploads/2022/02/M1A2499-1024x683.jpg)
Ademais de todas estas persoas que se deixaron a pel, a XII edición do (S8) non sería posible sen o apoio de institucións como o Concello de A Coruña, a Diputación de A Coruña, a Xunta de Galicia e o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), o programa de Acción Cultural Española (AC/E) para la internacionalización de la Cultura Española (PICE), na súa modalidade de Visitantes, así como o apoo do Consorcio de Turismo e Congresos de A Coruña, da Fundación Luis Seoane e de empresas privadas como Cervezas Alhambra ou Gadis.