Laura Moreno Bueno, actual residente da quinta edición das Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica BAICC, xa está mans á obra no Liaison of Independent Filmmakers of Toronto (LIFT), grazas á colaboración entre o (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, Acción Cultural Española (AC/E) e o LIFT. A residencia apoia a realización dunha nova obra cinematográfica en formato analóxico por parte de creadores nados ou residentes en España. O traballo realizado na residencia estrearase na próxima edición do (S8), que se celebrará do 27 de maio ao 5 de xuño de 2022 na Coruña.
Chegada a semana pasada, Moreno Bueno estará en Toronto até o 14 de marzo de 2022 para traballar no seu proxecto Sound of Images. A peza consiste no desenvolvemento dunha performance cinematográfica en 16mm que utiliza micrófonos fotosensibles para crear unha banda sonora a partir do xogo de cores e sombras que se proxectan sobre a pantalla, xerando unha experiencia sinestésica. O seu proxecto explora a transfiguración das cores da cidade en sons, descubrindo como soa Toronto a través dos ollos en lugar dos oídos.
Laura Moreno Bueno (1995, España) crea películas e videoinstalacións audiovisuais. Investiga a transformación dos códigos audiovisuais dos medios dixitais e analóxicos. O seu traballo explorou os límites da paisaxe, a relación entre o corpo e a cámara e o corpo como forma de creación/comunicación. En 2021 iniciou a residencia «El sonido de las imaxes» en Hangar-Casa Velázquez, onde fabricou micrófonos fotosensibles que converten a luz en son.
A residencia de Laura Moreno Bueno é posible grazas ao apoio de Acción Cultural Española (AC/E) e o Liaison of Independent Filmmakers of Toronto (LIFT.
Acción Cultural Española (AC/E) é unha axencia estatal para a promoción da cultura. Impulsa o sector creativo e cultural español a través dun amplo programa de actividades, fomentando a internacionalización dos profesionais da creación, con iniciativas como as residencias de artistas. Os proxectos apoiados por AC/E subliñan a diversa contribución española á cultura global, así como as recentes achegas do talento español nos principais campos creativos.
O Liaison of Independent Filmmakers of Toronto (LIFT) é a principal organización de produción e educación dirixida por artistas de Canadá, dedicada a celebrar a excelencia na imaxe en movemento. O LIFT existe para proporcionar apoio e estímulo aos cineastas e artistas independentes mediante un acceso alcanzable a equipos de produción, postproducción e exhibición; desenvolvemento profesional e creativo; talleres e cursos; encargos e exposicións; residencias de artistas; e unha variedade doutros servizos.