ENTREVISTA A LAURA MORENO: V PARTICIPANTE DAS RESIDENCIAS ARTÍSTICAS BAICC

Abr 12, 2022 | Destacados, Entrevistas

Laura Moreno Bueno xa concluíu a súa Residencia Artística Internacional de Creación Cinematográfica BAICC grazas á colaboración entre o (S8), Acción Cultural Española, AC/E e o LIFT. Esta residencia apoia a realización dunha nova obra cinematográfica en formato analóxico por parte de creadores nados ou residentes en España. O traballo realizado na residencia estrearase na próxima edición do (S8), que se celebrará do 27 de maio ao 5 de xuño de 2022 na Coruña. Á conclusión da súa estancia en Toronto, Laura fálanos da súa experiencia no LIFT e dos detalles do traballo que poderemos ver en estrea mundial durante o (S8) XIII Mostra Internacional de Cinema Periférico:
 
Poderías realizar unha pequena introdución do teu proxecto ‘O SON DAS IMAXES’ e contarnos como foi o proceso de creación no LIFT de Toronto?

O proxecto consiste en traducir as imaxes a sons por medio duns micrófonos fotosensibles. Ao proxectar a película, estes captan a luz e tradúcena a son dependendo das cores e a intensidade de luz. Isto permíteche ‘escoitar as imaxes’ ou crear sons con elas. A idea é facer unha proxección onde se escoiten os sons que crean as imaxes que rodei en Toronto e xogar con eles para crear unha peza sonora desde a imaxe. O proceso de creación foi moi entretido e máis facelo en LIFT que teñen de todo e son persoas estupendas, sempre andan trasteando e con algo entre mans, así que se aprende moito tamén. 
 
– Como foi a acollida que tiveches entre a comunidade de cinema experimental de Toronto e que sensacións destacarías de estar a traballar nun espazo como o LIFT? 
Pois cando cheguei estaban a reabrir todo de novo pola covid, así que parece que non había tanta oferta como adoita haber. Pero Toronto é unha cidade moi xenuína neste aspecto porque hai moita xente facendo cousas e moi interesada pola cultura e a arte en xeral e, a pesar de ser unha cidade grande, síntese esa comunidade, hai moitas conexións entre todo o que rodea ao cinema. Traballar en LIFT foi unha experiencia marabillosa, alí todo o mundo fai películas e interésanse polo teu proceso e por axudarche en todo o que necesitas. Desde o momento que chegas, es un membro máis desa comunidade e o espazo de LIFT convértese un pouquiño na túa casa. Agradécese unha residencia así, ir facer unha película a un lugar onde se dedican ao cinema. Parece unha obviedade, pero non sempre pasa. 

– No (S8) dedicámoslle unha especial atención á creación cinematográfica en tempo real nas súas diferentes formas, como o filme performance ou o cinema expandido. Poderías falarnos da túa experiencia e interese neste terreo?

Creo que son outras formas de mirar o cinema. No meu caso deime conta que penso en sacar as películas da pantalla de cinema convencional cando fago pezas que non foron concibidas desde a transmisión dunha mensaxe ou narrativa. Paréceme interesante como podemos percibilas por medio doutros sentidos, ao final son estímulos que nos chegan tan só por reconfigurar o espazo ou a posición do espectador por exemplo, e que cambian a experiencia. A min interésame moito pensar como se pode sentir a partir do corpo e a desorientación ou excitación das percepcións. Moitas veces saio deste tipo de proxeccións sen entender moi ben que vin, e iso paréceme marabilloso, atender un pouco menos á razón.

– Cales son os estímulos que impulsan a túa obra artística actualmente e que papel xogan os procesos do cinema analóxico? 

(bufff que pregunta máis difícil) Os estímulos son moitos e variados pero non sempre sae algo deles. Sempre hai algo rondando na miña cabeza ao redor da codificación e descodificación da linguaxe e as súas formas. Como transformar certo ecosistema de percepción dun medio a outro. Interésame esta tradución de imaxe a son e de analóxico a dixital. Creo que utilizar película depende moito da natureza do proxecto, hai veces que non é necesaria. Pero a verdade é que o proceso ten algo moi interesante que engancha porque podes facer mil cousas con ela. Moitas veces atópaste con imaxes que se crean de forma azarosa e transforman unha película e eses xogos non ocorren co dixital. De momento ata que se acaben as latas que teño na neveira seguirei xogando con elas.

– En que parte do proceso se atopa o proxecto nestes momentos e cales serán os seguintes pasos a seguir?

Agora estou a traballar en EQZE onde me ceden material para terminar a peza. Estou a terminar de decidir a montaxe final, que como señora indecisa, é ardua tarefa. E empezarei a probar como se configura a proxección porque cada día cambio de idea. Gustaríame xogar co son en directo, pero veremos se son capaz, porque os micrófonos que fixemos son algo complexos para tratar en vivo cunhas imaxes con tanta información. Pero tentarase…

PUBLICACIÓNS RECENTES