OS ARTISTAS LEAH SINGER E LEE RANALDO, FUNDADOR DA BANDA SONIC YOUTH, PRIMEIRAS CONFIRMACIÓNS DA 13ª EDICIÓN DO (S8)

Mai 5, 2022 | Destacados, Novas

  • Ambos presentarán na Coruña unha sesión coas súas obras cinematográficas e a performance ‘Contre Jour’, na que Ranaldo achega as improvisacións sonoras e Singer as imaxes proxectadas, nunha espectacular posta en escena.
  • Os australianos Dianna Barrie e Richard Tuohy, dous referentes internacionais do cinema fotoquímico, súmanse tamén á Mostra de Cinema Periférico a través dun programa coas súas obras, unha film performance e un exclusivo taller no que compartirán o seu saber arredor das prácticas do cinema analóxico.
  • A sección Desbordamientos, dedicada por completo á film performance, acollerá ‘Gold film’ e ‘Healing Ray’, os últimos traballos neste campo dos artistas Deneb Martos e Jorge Suárez-Quiñones Rivas, respectivamente.

O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico celebrará entre o 27 de maio e o 5 de xuño a súa décimo terceira edición recuperando a visita de múltiples artistas internacionais á cidade da Coruña. Deste xeito, a presencialidade e a experiencia colectiva que supón o cinema en si mesmo vólvese este ano máis protagonista que nunca no (S8) combinando programas, talleres ou performances como as que hoxe adianta a organización e que correrán a cargo de Leah Singer e Lee Ranaldo; Dianna Barrie e Richard Tuohy, Deneb Martos e Jorge Suárez-Quiñones Rivas.

Deste xeito, figuras como Lee Ranaldo, fundador da mítica banda de noise rock neoiorquina Sonic Youth, xunto á súa compañeira, a escritora e artista visual canadense Leah Singer, presentarán algúns dos traballos que realizaron en conxunto desde 1991. O prato forte da súa visita é a performance Contre Jour, na que Ranaldo achega as improvisacións sonoras e Singer as imaxes proxectadas, nunha espectacular posta en escena na que o contido sonoro está intimamente ligado á forma cinematográfica. En Contre Jour, peza que busca unha forte implicación emocional do público, hai momentos nos que a guitarra queda suspendida no aire, balanceándose no baleiro. Trátase dunha contorna de luz e son aberto ao azar e á experimentación no que os artistas e a audiencia se involucran nunha experiencia inmersiva.

Ademais, Ranaldo e Singer presentarán tamén unha sesión coas súas películas, afíns ao espírito de vangarda do festival e moitas delas realizadas en formatos analóxicos. Ranaldo cita entre as súas referencias cinematográficas a Ken Jacobs (quen visitou a Mostra en 2015 e que foi o seu profesor), Jonas Mekas, Jack Smith, Andy Warhol e Maya Deren. Ademais, colaborou con cineastas como Jim Jarmusch e Olivier Assayas, entre outros, e asesorou a Martin Scorsese na súa serie Vynil

Dianna Barrie e Richard Tuohy: mestres internacionais do cinema fotoquímico

Os cineastas experimentais australianos Dianna Barrie e Richard Tuohy son dúas das máximas referencias internacionais do cinema fotoquímico. Percorreron (literalmente) o mundo mostrando as súas películas, pero tamén compartindo con varias xeracións de creadores e creadoras o seu saber arredor das prácticas do cinema analóxico, as súas maquinarias, os seus procesos de laboratorio, e todas as posibilidades creativas por explorar grazas ao seu traballo artesanal.

Nesta edición do (S8) impartirán un taller intensivo e presencial no que lles ensinarán aos asistentes todo o necesario para facer cinema en 16mm de maneira autosuficiente, pasando polos fundamentos do uso da cámara analóxica, a filmación con negativo en branco e negro, a construción dun laboratorio caseiro para revelar os negativos ou a utilizar un proxector como copiadora de contacto. As persoas interesadas en asistir xa poden inscribirse a partir do venres 6 de maio, aquí.

Ademais, o conxunto de películas que o festival seleccionou para o programa que se lles dedicará a Barrie e Tuohy proporán un percorrido polo seu traballo e construirán tamén unha experiencia con ritmos e progresións que inducen un estado hipnótico e meditativo. 

Completará esta travesía pola súa obra a proposta que nos farán chegar na sección Desbordamientos: tres film performances nas que entran en xogo outros factores que tamén incumben ao funcionamento do aparello cinematográfico, ás súas posibilidades visuais e sonoras, e ao orgánico da intervención en vivo. A “triloxía” de performances que nos presentarán –Dot Matrix, Inside the Machine e Cyclone Tracery conforman unha serie de “suites” en 16mm para ser interpretadas a dous ou tres proxectores, nas que patróns xeométricos sinxelos impresionados na película se recombinan en densas composicións sonoras e visuais.

Desbordamientos: film performance con Jorge Suárez-Quiñones Rivas e Deneb Martos

Continuando coa sección Desbordamientos, que conta coa colaboración da Fundación Luis Seoane, a Mostra achegaralle ao público tambén os últimos traballos no campo da film performance dos artistas Deneb Martos e Jorge Suárez-Quiñones Rivas.

A práctica artística de Deneb Martos céntrase na fotografía sen cámara e en cinema experimental a través de distintas investigacións en técnicas de fotograma e de quimigrama. No seu traballo, o material fílmico entra en relación directa cos rastros e pegadas físicas dos materiais cos que traballa: a propia pel humana, o viño e os compostos orgánicos arredor do seu proceso de maduración ou, como nos presentará en Gold Film, o ouro. Gold Film é unha obra que é á vez escultura, instalación, filme e performance, modelada en torno a dunha película feita e traballando directamente sobre o celuloide con finas láminas de ouro. A artista proporá neste traballo unha espectacular posta en escena que conta coas improvisacións sonoras en vivo do prestixioso músico experimental Wade Matthews, e na que o corpo e as accións de Martos entran tamén en xogo, cambiando a relación da obra entre o espazo de proxección e o público.

Pola súa banda, as experiencias vividas de forma colectiva e global durante 2020 levaron a Suárez-Quiñones, artista con formación en arquitectura, a interesarse polo poder suxestivo das imaxes en 16mm, tratando de buscar formas de crear unha experiencia de calma e sanación no espectador. Esta investigación, producida polo festival RAYO de Cineteca Madrid na súa edición do 2021,  foi o punto de conexión coa música e produtora Ylia, estudosa, en colaboración con investigadores do CSIC, das propiedades de certos sons capaces de xerar sensacións de relaxación. Así ambos nos convidarán en Healing Ray a expoñernos simultánea e colectivamente a un raio sanador de sons e imaxes.

No marco do seu compromiso por impulsar a cultura e a promoción de experiencias únicas, Cervezas Alhambra volve apoiar, por terceiro ano consecutivo ao (S8), convertendo a sección Desbordamientos nun punto de encontro no que maridar as súas variedades coas mellores propostas artísticas e culturais.

*As imaxes de Leah Singer &  Lee Ranaldo son cortesía de Zeljko Vasovic; Daniele Antonopoulos; Lucas Faria; Mar del Plata Film Festival; Leah Singer.

PUBLICACIÓNS RECENTES