ARSENAL
PROGRAMA
Sala (S8) Porto | Sábado 4 de xuño | 18 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.
I CHANGE I AM THE SAME
Alice Anne Parker (Severson) | EUA | 1969 | 16mm a vídeo | 1 min
Unha curta hilarante sobre unha muller e un home en distintas fases de nudez, con cadansúas prendas e coas do outro. Ti coa túa roupa. Eu coa miña. Ti coa miña. Eu cos teus calzóns. Ti sen nada. Eu coa túa roupa. Ti coa miña roupa interior. Eu sen nada. Ti cos teus calzóns. Eu coa miña roupa interior. Ti sen nada. Eu sen nada. Ti coa túa roupa. Eu coa miña.
HER MONA
Klaus Telscher | Alemaña | 1992 | 16mm | 7 min
A ampla obra de Klaus Telscher revela diferentes tendencias estilísticas; alén de mordaces parodias, hai tamén unha cara poética, evocadora e autobiográfica. En Her Mona, Telscher puxo unha Mona Lisa masculina nun penedo, diante dunha fervenza, e simplemente lle chamou «festival da canción».
LOOSE CORNER
Anita Thatcher | EUA | 1986 | 16mm | 10 min
Podemos fiarnos do que vemos? En Loose Corner hai xente que desaparece, unha muller transfórmase en dúas, un can medra de tal xeito que se torna máis grande que unha persoa. Loose Corner é unha bolsa de sorpresas consistentes en efectos ópticos que se concentran no recanto baleiro dun cuarto: un conxunto de ilusións que enganan o ollo e que se serven de persoas e obxectos como accesorios. (Anita Thatcher)
WATERFALL
Corinne e Arthur Cantrill | Australia | 1984 | 16mm | 18 min
Un aspecto crucial da cinematografía paisaxística radica na busca de formas de expresión experimentais que permitan rexistrar o paso do tempo e a luz e as cores alternas do espectro cromático e os matices lumínicos. Igual que nun soño lúcido, os movementos da auga que se presentan na cinta de separación tricromática Waterfall fúndense nun espazo metafórico de transformación constante, que transcende o real e fai palpable a forza desatada da natureza. Trátase dunha das películas máis famosas dos Cantrill e ofrece unha experiencia visual única grazas á magnífica forma que ten de entrelazar forma, tema e aparato.
NOTES ON THE PASSAGE OF TIME
Corinne e Arthur Cantrill | Australia | 1979 | 16mm | 13 min
Notes on the Passage of Time, estudo dunha separación en tres cores realizado en Pearl Beach, intercala tres segmentos temporais: os intervalos da separación cromática, a mudanza das estacións e o transcurso do día. A medida que a mesma escena se reproduce de maneira efémera, os elementos móbiles dan lugar a unha impresión de transitoriedade, mentres que os inmóbiles transmiten unha sensación de durabilidade. O paso do tempo faise, así, visible e palpable.
STILL LIFE
Jenny Okun | Reino Unido | 1976 | 16mm | 6 min
Volvendo sobre o tradicional tema pictórico do bodegón, esta cinta estuda a transformación dunha imaxe que pasa do negativo en cor ao positivo en cor nunha mesma película. O bodegón pintouse en negativo de cor durante a filmación e despois a película exposta procesouse e imprimiuse en negativo de cor. (Jenny Okun)
«Still Life constitúe un exemplo de como se poden combinar a teoría e a didáctica cunha riqueza sensual nunha película estrutural; así, tanto a curiosidade como a cognición racional se ven satisfeitas» (Christine Noll Brinckmann).
HOME WHEN YOU RETURN
Carl Elsaesser | EUA | 2021 | Vídeo en alta definición | 30 min
A película, que xira arredor do pasamento dunha parente, conxuga un percorrido polo seu fogar baleiro cun melodrama amador producido na década de 1950, para evocar, así, unha vida e una época perdidas no tempo.
As películas melodramáticas dos cincuenta que realizou a cineasta amadora Joan Thurber Baldwin proxéctanse psiquicamente na casa na que a miña avoa criou sete cativos, durante o proceso de limpeza e posta á venda da residencia logo de ela morrer. A cinta, que mantén as estruturas narrativas do melodrama, a miúdo centradas no varón mesmo cando a película trata dunha muller, pídelle ao espectador, como di Thurber na introdución, que lles preste atención ás periferias. (Carl Elsaesser)
ARSENAL
CARTA BRANCA: RETORNO A NÓS MESMOS
Desde a súa fundación no ano 1963, o Arsenal ocupouse de forma crítica da historia do cinema e a evolución actual do medio e nesa traxectoria foi representando os discursos contemporáneos que teñen lugar na sociedade, reflexionando sobre eles e contextualizándoos. Tras sesenta anos de labor no cinema e en festivais, o Arsenal conta cuns fondos cinematográficos que abranguen 10 000 títulos; trátase dunha expresión dos impulsos históricos vencellados ao cinema político e de vangarda, pero tamén se achega unha visión da diversidade do traballo fílmico contemporáneo.
Erika e Ulrich Gregor, fundadores do Arsenal e do Foro Internacional do Novo Cinema, alargaron considerablemente a historia do cinema da Alemaña de posguerra, abordando tanto o xeito de ver os filmes como o discurso que rodea este medio. O Foro e o Foro Ampliado representan unha reflexión sobre o medio cinematográfico, o discurso socioartístico e un sentido particular da estética. Con estes programas, organizados polo Arsenal e presentados no marco da Berlinale, preténdese ensanchar a idea do que é o cine, poñer a proba os límites do convencional e abrir perspectivas que axuden a comprender o cinema e como se relaciona co mundo dunha maneira nova.
A colección aumentou ao mesmo tempo que as proxeccións cinematográficas. A finais dos anos sesenta incorporáronse aos fondos diversas curtametraxes de cineastas latinoamericanos, para protexelas, así, das ditaduras que imperaban daquela na Arxentina e en Chile. Cando tivo lugar o primeiro Foro Internacional do Novo Cinema, en 1971, os organizadores entenderon que a súa tarefa principal consistía non só en reunir as películas para un acto de dez días de duración, senón tamén en conservar un conxunto de filmes selectos en Alemaña, co fin de que se puidesen ofrecer, en toda a medida posible, en contextos comerciais e non comerciais.
Todos os anos, os filmes do Foro arrequecen o repertorio de películas realizadas por cineastas aínda descoñecidos, para as converter en clásicos «doutro cinema», como é o caso das obras de Derek Jarman, Theo Angelopoulos, Manoel de Oliveira, Andrei Tarkovskii, Nagisa Ōshima, Jonas Mekas, Mrinal Sen, Hou Hsiao-Hsien, Ousmane Sembène, Alexandr Sokurow, Jim Jarmusch, Jacques Rivette, Claude Lanzmann, Frederick Wiseman, Yvonne Rainer, Anne Severson (Anne Parker), Safi Faye… A lista podería seguir case indefinidamente.
Nas décadas de 1970 e 1980 establecéronse fortes vencellos co novo cinema estadounidense e, xa que logo, cos representantes do cinema underground de vangarda, grazas ao traballo do Foro no Festival Internacional de Cinema de Berlín e en estreita colaboración co programa de artistas do Servizo Alemán de Intercambio Académico (DAAD). Alf Bold, en particular, aplicouse a fondo á creación dunha ampla rede e el mesmo pasou moito tempo en América do Norte, para empezar por fin a reunir unha extensa colección de películas experimentais formada por doazóns de numerosos cineastas, entre os que se contaban case todas as figuras de sona no sector, como Bruce Conner, Michael Snow, Hollis Frampton, Su Friedrich, Joyce Wieland, Ken Jacobs, Kenneth Anger e Jonas Mekas. Alén do anterior, a colección contén moitas alfaias de cineastas menos coñecidos.
Á hora de facer unha selección entre tal abundancia de películas, centreime en dous aspectos. Por unha banda, simplemente mostro algunhas das miñas favoritas; pola outra, para min era importante que as cintas interactuasen para abrir un espazo de experiencia visualmente emocionante que permitise poñer de manifesto as múltiples posibilidades expresivas do cinema experimental, de xeito que este, sen moitas palabras, puidese invocar espazos da memoria que levasen en si un momento de abraio e melancolía. O programa ten como eixo central un cuestionamento lúdico da identidade sexual e as ilusións cinematográficas; unhas capas máis profundas de percepción que nos devolven a nós mesmos e esa profusión de cor que evoca un reino sublime da memoria na súa interacción coa luz, a sombra e os sons experimentais.
I Change I Am the Same, como introdución ao programa, dá unha idea de como un filme brevísimo pode abrirlle a un o corazón e cuestionar os estereotipos de maneira festiva. A seguir, Her Mona pasa amodiño a unha tenrura, dun xeito moi persoal, na que se ve a beleza en cada rostro; dado que Klaus Telscher non é moi coñecido, parecíame importante incluílo no programa. Con Loose Corner entramos no espazo das ilusións ópticas, no cal, por así dicir, se poñen patas arriba os nosos hábitos visuais coa axuda de trucos ópticos e nos achegamos, deste xeito, ás múltiples formas de expresión do aparato cinematográfico. Pola súa vez, o proceso de separación de tres cores que Corinne e Arthur Cantrill fan entrar en xogo tanto en Waterfall como en Notes on the Passage of Time permite que se despregue un espazo case transcendente que, alén da beleza visual da imaxe, insinúa procesos de memoria, transitoriedade e transformación en capas máis profundas; cando vin Waterfall por vez primeira no ano 2018, mentres visitaba os Cantrill en Australia, fiquei enchida de abraio e deleite. En Still Life, de Jenny Okun, un tradicional bodegón serve de tema para unha transformación fílmica e cromática; a cinta reflicte sobre a mutabilidade da cor na fotografía e sobre o esquiva que é a verdade fotográfica, e, desta forma, na súa sensual riqueza vai derivando paseniño cara á última cinta de Carl Elsaesser, Home When You Return, que se estreou no Foro Ampliado deste ano e xoga, con habelencia e coñecemento preciso, cos códigos da linguaxe cinematográfica do melodrama para crear un melancólico espazo de memoria que toca, a un tempo, a reminiscencia e a interpretación.
A obra de Arthur e Corinne Cantrill chegou ao arquivo tras a estrea, en 1982, de The Second Journey (To Uluru) no Foro/Berlinale. Estes serviron para lle dar recoñecemento internacional ao seu traballo artístico, un pouco subestimado ata daquela, e posteriormente algunhas das súas películas proxectáronse e leváronse á distribución. No ano 2018 adquiríronse máis filmes; algúns foron sometidos a unha restauración dixital e traballouse nunha copia nova desa brillante cinta de separación en tres cores que é Waterfall. Loose Corner proxectouse no Foro/Berlinale en 1987. I Change I Am the Same non entrou na distribución ata datas recentes, pero Near the Big Chakra, de Alice Anne Parker (Alice Anne Severson), leva no noso arquivo desde a década de 1970; a obra experimental de Klaus Telscher, desde os oitenta; Still Life, de Jenny Okun, proxectouse no Foro/Berlinale en 1979, e Home When You Return, de Carl Elsaesser, estreouse este ano no Foro Ampliado/ Berlinale e incorporouse á nosa distribución xunto con outras obras do artista.
Angelika Ramlow.