BALTIC ANALOG LAB
PROGRAMA
Sala (S8) Porto | Domingo 5 de xuño | 16.30 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.
CENTER FUGUE
Roberts Vanags | Letonia | 2021 | 16mm a dixital | 4 min
Na parede, o meu profesor de piano só tiña un cadro: un retrato de Johann Sebastian Bach. Foi mediante o seu labor creativo como cheguei a familiarizarme coa fuga, a forma máis elevada de música polifónica, que vén dada por varias voces que seguen un plan tonal determinado e por todas as cales ondean un ou máis temas. Eu trasladei este principio da ondulación e a repetición ao eido visual mediante a edición da metraxe que tomei nunha cámara Bolex de 8mm seguindo esas mesmas ideas e, ao mesmo tempo, xogando e experimentando co tempo. Somos seres céntricos nun mundo arredor do cal creamos órbitas, un mundo que se repite en distintos temas que interactúan entre si. En función do contexto, cada día sentimos o tempo dun xeito un pouco diferente; cada un de nós desde o seu propio centro; cada un ao seu ritmo. Center Fugue é una reflexión sobre a complexa relación que se establece entre o home e o espazo-tempo. (Roberts Vanags)
Henrijs Laķis | Letonia | 2021 | 16mm a dixital | 16 min
Non se concibiu para estar libre de dor.
Dor porque sen ela o humano non pode ser humano.
O ano 1922 é o que el cría. Que cren eles agora?
Chega á casa a pedir auga e a nai xa non o coñece.
Que diferenza hai?
Pasou un século e nada mudou.
PÈRE AU CIEL
Kei Sendak | Letonia | 2021 | 16mm a dixital | 5 min
Leva de media hora a unha hora mergullarse nunha paisaxe totalmente distinta cando collemos o tren. Na transformación que ten lugar no tempo entre lugar e movemento cáptase unha conversa, oída por azar, de dúas persoas que falan da familia, a relixión e a lingua. O espectador vese arrastrado a unha percepción nebulosa e esvaída do tempo e pasa por alto facilmente os detalles do Ferrocarril Nacional Belga. (Kei Sendak)
THE BEARERS OF MEMORIES
Miglė Križinauskaitė-Bernotienė | Lituania | 2020 | 16mm a dixital | 13 min
A cada momento, outra lembranza. Pero a memoria ás veces cega e o que queda tórnase borroso. (Miglė Križinauskaitė-Bernotienė)
COMPOS MENTIS
Linda Lindenberga | Letonia | 2021 | 16mm a dixital | 6 min
Compos Mentis é unha viaxe abstracta do pensamento. Por veces a cabeza toma a iniciativa e pretende distinguir ata o último detalle, mais, cando un está mentalmente canso, hai que o deixar pasar todo. Un debe separarse dos pensamentos ou do pensador, permitir que a vida flúa e simplemente vivir. (Linda Lindenberga)
THANATOPHOBIA
Ieva Balode, Michael Higgins | Letonia, Irlanda | 2022 | 16mm a dixital | 11 min
O medo ao descoñecido, o medo á escuridade, o medo ao inimigo, o medo á morte son, desde os albores do xénero humano, tanto un impulso para humanidade como un atranco. Trátase dunha forza instintiva que fixo que o home se unise en comunidades procurando seguridade e refuxio ante un perigo que axexa nas tebras; a irrevogabilidade das cousas, porén, non pode nunca evitarse. Como supera un o medo á súa propia fatalidade? (Ieva Balode, Michael Higgins)
?
Betija Zvejniece | Letonia | 2021 | 16mm a dixital | 3 min
Que farías se a mirada dun vello che dixese que ser novo é o máis vergalludo que hai? E que deberías facer se es novo pero non sabes como tomalo? (Betija Zvejniece)
THE SILVA METHOD
Mersedes Margoit | Letonia | 2021 | 16mm | 6 min
O método Silva é unha práctica de meditación curativa inventada por José Silva coa que se pretende alcanzar e manter un estado de actividade mental chamado alfa, no que a frecuencia das ondas cerebrais atinxe de sete a catorce hertzs. Dise entón que a información que recibe a mente proxectada é percibida en forma de pensamentos, imaxes, sensacións, olores, sabor e son. (Mersedes Margoite)
MATERIAL ASPECTS
Paul Kuimet | Estonia | 2020 | 16mm | 9 min
Material Aspects é un filme-ensaio que se desprega sobre a mesa dun artista da colaxe descoñecido que traballa nalgún momento de principios do século XXI. A través de diversas fontes, como extractos de arquivos, revistas, libros e fotografías, preséntase a historia da arquitectura modernista de aceiro e vidro. A película refírese ao paradoxo que Marshall Berman describiu a comezos da década de 1980: as distópicas cidades de vidro representadas na ciencia ficción soviética convertéronse nunha realidade ao outro lado da cortina de ferro, baixo as condicións da chamada economía do libre mercado. O exemplo máis coñecido é a cidade de vidro transparente que retratou Evgenii Zamiatin na súa novela de 1921 Nós, na que os seus habitantes son sometidos a constante vixilancia. O medio do filme e a técnica do fundido encadeado evocan a idea de transparencia infinita; de mirar sempre a través de algo para ver que relación garda con algunha outra cousa, sexa en forma arquitectónica, sexa en ideoloxía. Todo depende do punto de vista, da luz á que se miren as cousas. Sublíñase esta cuestión cando a voz en off da película se dirixe de súpeto ao espectador e trata de situar o seu corpo no espazo e en relación coa cinta, coa súa materialidade e coa súa estrutura en bucle. (Paul Kuimet)
REALITIS
Sintija Andersone | Letonia | 2021 | 16mm | 5 min
A busca do equilibrio nun mundo ruidoso. Unha mestura de realidade e soños. (Sintija Andersone)
BALTIC ANALOG LAB
CARTA BRANCA
O Baltic Analog Lab é un colectivo fundado no ano 2016 en Riga (Letonia), que reúne cineastas e artistas interesados no cinema e na fotografía analóxicos e ten por obxecto facer producións, achegar ensinanzas e inspirar o público facilitando un espazo para a creación, a aprendizaxe e a instrución.
O laboratorio centra a súa atención principalmente na educación e a colaboración, que se xeran mediante a realización de obradoiros periódicos dirixidos por membros do BAL e convidados estranxeiros, así como grazas á escola internacional de cinema que organiza o laboratorio. Tamén se levan a cabo proxeccións cinematográficas e actos de cinema expandido; neste sentido, o seu evento comisariado máis importante é o festival de cinema experimental Process, que ten lugar desde 2017.
Ieva Balode, comisaria deste programa, é unha das persoas que fundaron o Baltic Analog Lab e, como directora do festival Process, tamén investiga sobre novas obras fílmicas experimentais na súa rexión, tentando definir a linguaxe cinematográfica propia desa zona. Este programa abrangue traballos de cineastas experimentais consolidados que rodaron as súas películas en 16mm e 8mm, alén dunha nómina de creadores noveis que non deixa de aumentar. Moitas das cintas do programa constitúen unha meditación, directa ou metafórica, sobre as experiencias que todos vivimos durante a pandemia, o que se revela mediante a fonda autorreflexión, a ansiedade e, ao cabo, a autoaceptación que se atopan nelas. (Ieva Balode)