PHILIPP FLEISCHMANN

PROGRAMA

Sala (S8) Palexco | Sábado 4 de xuño | 12.30 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

UNTITLED (GENERALI FOUNDATION VIENNA)
Philipp Fleischmann | 2015 | Austria | 16mm | 1 min

Un retrato á maneira de Fleischmann da agora desaparecida Generali Foundation de Viena cando xa estaba pechada. Como a maioría das obras do autor, esta non é unha encomenda da institución, senón que máis ben traballa nos intersticios da oficialidade. 

MAIN HALL
Philipp Fleischmann | 2013 | Austria | 35mm | 5 min

Main Hall pode ser entendida como unha dupla intervención sobre o mito do cubo branco. Por unha banda, no seu irónico comentario ao transformar o espazo nun obxecto de arte, xesto tan autorreferencial que fai que, en efecto, na obra de Fleischmann o espazo se mire a si mesmo. Por outra, no seu interior xace un intento, carente a conciencia de ironía, de contemplar o espazo, que desempeñou unha función tan destacada no discurso da arte, de novo dunha maneira da que nós, como humanos, non seriamos capaces sen a existencia dun medio como o cinema analóxico. (Alejandro Bachmann)

MUMOK KINO
Philipp Fleischmann | 2017 | Austria | 35mm | 2 min

O mumok kino, deseñado polo artista Zeimo Zobernig e o arquitecto Michael Wallraff, contén no mesmo edificio unha caixa negra (sala de cinema) e un cubo branco a modo de galería e recinto para eventos. Nos seus 80 segundos de duración, a película de Fleischmann amosa o camiño/transición entre un espazo e outro, ambos culturalmente cargados de significado.

THE INVISIBLE CINEMA 3
Philipp Fleischmann | 2018 | Austria | 35mm | 1 min

Concibido polo cineasta Peter Kubelka como unha «máquina de visionamento» que non debe distraer, na que só o filme proxectado debería «ditar completamente a sensación de espazo», a historia do Invisible Cinema pasou por varias localizacións e aparencias (con instalacións máis ou menos ambiciosas, foi construído en 1970 en Nova York, logo en Viena en 1989 e máis adiante remodelado nese mesmo sitio en 2003) sempre consonte a máxima minimalista de ser unha caixa completamente negra, sen superficies reflectantes a excepción da pantalla. Con ese mesmo sentido de austeridade visionaria, no cal o respecto por unha arte de luces e sombras dá paso a unha experiencia de visión sen igual, é co que Fleischmann parece sintonizar, como unha sorte de cineasta-médium. Metade fantasmagoría, metade plano en movemento, The Invisible Cinema 3 é unha inmersión rápida de 43 segundos na escuridade total dun edificio cuxa única distracción vén marcada por unha serie de puntos brancos oscilantes (as luces da sala) que desfilan polo cadro cara arriba e cara aos lados. O resultado é unha miniatura fría e hipnótica, unha tallada de realidade non mediada que guinda sobre o espectador unha chuvia de preguntas sobre a natureza do cinema como medio, poderosa de máis como para saírmos da sala ilesos. (Pablo Marín)

AUSTRIAN PAVILION
Philipp Fleischmann | 2019 | Austria | 35mm | 4 min

Filmada no pavillón nacional que lle dá nome, nos Giardini della Biennale en Venecia, esta curtametraxe de catro minutos rexistra a singular planta interior e exterior, obra do arquitecto Josef Hoffman, a través de tres cámaras planas asentadas sobre un limiar e un arco de 25 pés de alto capaz de tomar unha vista de case 360 graos do espazo mediante a exposición manual dunha tira de película de 35mm de lonxitude equivalente colocada en paralelo á curvatura da estrutura. O resultado é unha especie de rexistro do pavillón e os seus arredores suspendido verticalmente, que capta unha larga franxa dos muros baleiros deste espazo, claraboias, follaxe exterior e fontes de luz diversas, conseguido a través do que parece ser, a simple vista, unha serie de movementos de cámara continuos e en curvatura ascendente. (Jordan Cronk)

UNTITLED (34BSP)
Philipp Fleischmann | 2021 | Austria | 35mm | 5 min

Neste traballo, encomendado para a 34 Bienal de São Paulo, Fleischmann responde á arquitectura do pavillón de Ciccillo Matarazzo, creando para isto o seu traballo máis expansivo, no que percorre o edificio desde a súa planta baixa, rodeada polo Parque Ibirapuera, ata o seu tellado. (Bienal de São Paulo)

PHILIPP FLEISCHMANN

ALÉN DO FOTOGRAMA

Queda claro que a calidade maquinal do cinema fai que sexa este un medio, como a fotografía, que ve cousas que o ollo humano non pode aprehender. Porén, os marcos polos que se dá por suposta a verdade absoluta do que producen as máquinas fotográficas e cinematográficas están constrinxidos polos límites da técnica e polos preceptos cos que se utiliza. Malia os avances tecnolóxicos, o principio practicamente non variou. Só desde os ámbitos da arte contemporánea e do cinema experimental se desmentiu a neutralidade do invento, ou se tentou imaxinar novas maneiras de o empregar para captar e transmitir o mundo a través del. 

Jean-Louis Comolli, en «Technique et idéologie», aborda desde unha perspectiva teórica e histórica esta cuestión da cámara en canto «aparello que estrutura a realidade da súa inscrición [a do cinema]», segundo cita no seu ensaio, no cal analiza diferentes textos: «Proponse así a noción de “aparello de base” (Baudry): como a cámara, en efecto, é o aparello que fabrica o visible consonte o sistema da perspectiva monocular que rexe entón a representación do espazo, hai que buscar nela, para o conxunto do material cinematográfico, a perpetuación dese código representativo e da ideoloxía que este nutre (ou prolonga). Tendo en conta que a peza mestra da fabricación do filme (a cámara) cae baixo o dominio desta ideoloxía, custa ver, efectivamente, como podería aspirar a película a escapar dela». 

O austríaco Philipp Fleischmann leva uns anos empeñado na tarefa de escapar deste código representativo do cinema, na procura da expansión do visible que as máquinas prometen. Un labor que realiza precisamente a partir da creación de «aparellos de base» ad hoc. Esta inspiración veu da man da súa formación no cinema experimental; en concreto, coas prácticas fotograma a fotograma de referentes austríacos como Peter Kubelka, Kurt Kren e Peter Tscherkassky. Este encontro con outras formas de pensar o material, especificamente o material analóxico, foi un paso máis alá ao desmontar esa mesma unidade de base, o fotograma. Na súa entrevista con Jordan Cronk para Film Comment, Fleischmann explica: «Devecía por atoparme á fin eu mesmo con esta unidade esencial do cinema. Aínda que, cando finalmente tiven unha tira de película virxe nas mans, mirei para ela e me preguntei: onde están eses fotogramas dos que fala todo o mundo?». Os famosos fotogramas son, pois, produto da cámara. No seu manifesto The Analog Filmstrip, Fleischmann fala así deste achado: «As cámaras de cine de produción industrial veñen cunha serie de características prefabricadas que determinan como se entende que debe representarse filmicamente a realidade circundante. Un aspecto central constitúeo a división da tira de película en 24 fotogramas por segundo, para permitir unha representación continua supostamente neutral da realidade na proxección. Pero e se este proceso intrinsecamente problemático non segue os nosos desexos? Se non nos interesa traballar co concepto da reprodución, senón que, máis ben, nos intriga probar e explorar outras conexións e manifestacións visuais?». Máis adiante di Fleischmann neste mesmo texto: «Agora vexo necesario separar a tira de película da cámara tradicional. Desde o meu punto de vista, hai un espazo entre os polos opostos que veñen dados por unha reprodución mecánica relativamente exacta da realidade (cámara) fronte á abstracción visual completa (sen cámara). Un espazo no que a política da representación descritiva semella negociable. Só o medio do cinema analóxico abre este espazo. Un espazo de negociación». 

Con este espazo de negociación na mente, Fleischmann produciu desde o ano 2013 unha serie de películas nas que rexistra, nesa tira de película desencadeada, diversos espazos dedicados á exhibición de arte. Para o facer, recorre a cámaras que el mesmo deseña e constrúe e que beben do principio da cámara estenopeica (tendo como precedente cámaras como a de Paolo Gioli). Cámaras que se adaptan aos edificios, os abranguen en lonxitude e presentan un retrato case abstracto deles. De resultas do seu funcionamento, que deixa de lado a tracción e a exposición consecutiva de fotogramas, o espazo transfórmase en tempo: a tira de película na súa totalidade absorbe o espazo nun mesmo instante. Nada se move durante a toma de vistas, que non é consecutiva senón simultánea: toda a tira de película se expón á vez. Tanto o tempo como o movemento son ilusións que crea o paso da película polo proxector de cine. As cámaras en si son esculturas, distintas en función do lugar que retratan. 

A ruptura ideolóxica na obra de Fleischmann non vén só deste uso do cinema analóxico, senón tamén dos edificios que elixe retratar. Lugares como o Pavillón Austríaco da Bienal de Venecia e a Generali Foundation de Viena: espazos museísticos que ditan como ha de ser exhibida e experimentada a arte. Lugares que rara vez lle deixaron ao cinema traspasar as súas portas e que dalgún xeito, no seu hermetismo e elitismo, son tamén prolongacións de modos de pensamento hexemónicos como o patriarcado. Tamén somete a exame habitáculos especialmente pensados para o visionamento de películas, como o Invisible Cinema 3, deseñado por Peter Kubelka, ou o mumok kino, do artista Heimo Zobernig e o arquitecto Michael Wallraff. Os espazos non son neutrais. «Estou interesado nos espazos expositivos que son en si mesmos unha declaración ideolóxica», di Fleischmann na súa entrevista con Cronk. «Isto fíxome pensar moito en como a arquitectura non só crea espazo, senón que tamén pode ser vista como unha máquina que dirixe a luz, a percorre e lle dá forma, un pouco como unha cámara cinematográfica. Esta relación é algo que quero explorar coas miñas películas e a través delas: a conformación da luz como acto político consciente».

O traballo de Fleischmann amplíase tamén ás instalacións que versan, así mesmo, sobre a representación e o material cinematográfico. Diversas composicións escultóricas construídas con proxectores e dispositivos que non só nos permiten ver o que nos «traduce» o proxector, senón tamén a propia tira de película. Maneiras posibles de que o cinema se introduza na galería. No caso da que forma parte do programa desta edición, Untitled (at large) (2020), o dispositivo que percorre a película fóra do proxector é a mesma cámara deseñada por Fleischmann para filmar o MACRO, o Museo de Arte Contemporánea de Roma. O que pasa polo proxector e polo dispositivo é esa mesma película. 

Liberada do fotograma, a obra de Fleischmann alcanza novos dominios do pensamento cinematográfico asociado aos seus materiais e dispositivos e literalmente ocupa e reclama espazos para o cinema. 

Elena Duque.