UN ESPAZO MENTAL

PROGRAMA

Sala (S8) Porto | Mércores 1 de xuño | 18.30 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

BREATHING EXERCISES
Blanca García | España, Reino Unido | 2021 | Super 8 | 3 min 

Un terapeuta que tiven aprendeume que contar ata catro ao inhalar e ata seis ao exhalar era o método biorregulatorio máis efectivo para combater a ansiedade. De marzo a agosto de 2020 collín a miña cámara mentres repetía estes exercicios, filmando durante as inhalacións. Primeiro como un intento de soportar as cousas tentando rexistrar a calma no medio da crise global, que á metade da bobina se tornou nun diario de como eses mesmos exercicios de respiración se converteron nunha práctica de rehabilitación tras unha doenza e hospitalización repentinas. (Blanca García)

ALLURES
Jordan Belson | 1961 | EUA | 16mm | 7 min

Jordan Belson, pioneiro da animación experimental e o cinema expandido, conxuga en Allures varios intereses: todo o aparato espiritual oriental tan en voga nos sesenta (ioga, budismo, misticismo, meditación) coa fascinación pola ciencia, do micro ao macro (das estruturas moleculares ás viaxes espaciais). Coa cosmoxénese como tema e o poder hipnótico das mandalas como inspiración, Allures é unha das primeiras películas nas que Belson abandona a animación tradicional para experimentar animando enteiramente con luz, inspirado polos seus célebres concertos Vortex no planetario de San Francisco. 

TIGRE DEL CARBÓN
Azucena Losana | 2022 | México, Arxentina | Super 8 a dixital | 5 min

Tigre del Carbón é un lugar imaxinario no mapa dos afectos, onde conviven os tejocotes, as laranxeiras e as ameixeiras. Unha illa e un val ao que se ascende por escalinatas de todas as épocas. (Azucena Losana)

PÀI-LA̍K Ē-POO
Erica Sheu | 2020 | EUA, Taiwán | 16mm | 2 min

Unha media lúa no ceo azul. Unha ofrenda calada conecta o mundo intanxible coa terra física. Unha elexía para a avoa da cineasta. (Erica Sheu)

COMFORT STATIONS
Ojoboca | 2018 | Alemaña | 16mm | 26 min

Comfort Stations consiste nun conxunto de imaxes e sons atopados canda unhas instrucións escritas que configuran unha especie de test psicolóxico. Os participantes deben abrirse a experimentar estes eventos con todos os seus sentidos. Síntanse libres de participar, pero, por favor, lembren tratar estas experiencias con precaución.

LUGANO MENTAL
Sergio Subero | 2021 | Arxentina | 16mm | 5 min

Que é Lugano, que é Mataderos, que é Madero? As conexións mentais arrastran unha cuestión de memoria, o cal implica tamén unha cuestión de esquecemento, na medida en que só mediante o esquecemento activo pode facerse a pasaxe para que permanezan. Villa Lugano, situada ao sur de Buenos Aires, é o barrio que habitaron os meus avós —provenientes de Italia— tras fuxiren da segunda guerra mundial. Alí tamén se criou a miña nai e nacemos os meus irmáns e mais eu. Lugano mental é unha pegada borrosa (¿barrosa?) que tenta armar un crebacabezas con varias pezas que xa non están. É un animal que atravesa a noite cos ollos en branco; as pezas dun xogo perdido de antemán. (Sergio Subero)

MERAPI
Malena Szlam | 2021 | Australia | 16mm a dixital | 8 min

Un estudo do monte Merapi, en Indonesia, terra volcánica activa. «Máis alá da alquimia da visión, están as consubstanciais capas sociopolíticas e económicas. O monte é parte das crenzas sincréticas da xente de Xava, mais as rochas volcánicas son tamén a base da economía local; en particular, da produción de cemento e da construción. A película de Szlam fai unha chiscadela ao segundo ao presentar a concreción das rochas de Merapi, observándoas cun distanciamento case científico, coma se quixese descodificar o seu contido mineral. Aquí finalmente alcanzamos o substrato onde a espiritualidade está ancorada á experiencia terreal, e a destrución e a reconstrución, e os rituais de morte e renovación, atopan a súa manifestación concreta.» (Ela Bittencourt)

SEA SERIES 23
John Price | 2022 | Canadá | 16mm | 8 min

As Sea Series son un proxecto de longo percorrido de John Price, que leva en marcha desde 2008 e que xa conta con máis dunha vintena de impresións na cámara de diversas vistas mariñas. Delicadas impresións pictóricas que exploran as posibilidades mecánicas, fotoquímicas e ópticas do cinema. Esta entrega número 23 foi filmada na península do Iucatán, fronte ao océano Atlántico, antigo territorio maia hoxe explotado polo turismo. «Nalgún lugar entre o ceo e o inferno. Un haiku en 16mm para sinalar a ocasión.» (John Price)

UN ESPAZO MENTAL

Ver unha película é, ou pode ser, un acto meditativo. Un momento en que habitar o presente do que se proxecta na pantalla, conectar coas imaxes que se mostran ante os nosos ollos e deixarse inundar por elas. A sala de cinema é o espazo máis propicio para iso: na escuridade, comodamente sentados, ese estado de concentración convértese, ademais, nunha experiencia colectiva. Despois de sentir ese reduto ameazado polo estado mundial das cousas, que relegou o cinema a un confinamento forzoso na pantalla dos ordenadores, faise patente o necesario que é contar coa posibilidade de concentrarse e realmente poder ver películas. Pois a atención parece estar sempre atomizada nestes tempos, dividida entre mil tarefas, preocupacións e notificacións. 

O programa que propoñemos incide nesa idea da sala de cinema como lugar para concentrarse a través de películas que inducen á creación dun espazo mental no que só exista o aquí e o agora do que se proxecta. O cinema como bálsamo, como lugar de repouso, no cal despexar o rebumbio informativo e a abundancia de estímulos que nos rodean. Deste xeito, a sesión está pensada como unha sorte de percorrido que configura unha experiencia tras a que, esperamos, podermos saír ao mundo renovados. 

Empezamos cos Breathing Exercises da cineasta asturiana Blanca García. Unha película en Super 8 que toma de padrón a respiración como técnica para aplacar a ansiedade. García filma en planos acompasados pola duración das súas inhalacións e exhalacións, e o que captura é a natureza, a luz, a cor e diversos xestos con calmante delicadeza. Cunha invitación a sincronizar as respiracións do público coas da película, conseguimos ese estado físico e mental preciso para nos ancorarmos na proxección. Allures, de Jordan Belson, é unha película de animación que nos traslada ao espazo, nun movemento constante cara a unha especie de baleiro que aspira tamén a baleirar a nosa mente de pensamentos invasores. Belson, interesado nas filosofías orientais, ten moi presentes en moitas das súas películas as mandalas (palabra que provén do sánscrito e significa «círculo sagrado»): figuras xeométricas concéntricas que representan o universo e cuxo obxectivo é concentrar a nosa enerxía nun só punto durante a meditación. Unha vez que xa acadamos a onda anímica axeitada, entramos nunha serie de experiencias nas que a conexión coa contorna é fundamental. 

Tigre del Carbón, de Azucena Losana, funde moitos lugares nun grazas ao cinema. Losana, dividida entre a Arxentina e México, crea unha sorte de sitio imposible onde conflúen praceres e afectos, remanso de paz con plantas e animais en calada quietude antes de nos refuxiarmos da tormenta que se achega. Erica Sheu elabora en pài-la̍k ē-poo unha fermosa cápsula temporal con destino ao alén. Unha serie de imaxes do mundo exterior, a herba, as flores, o ceo, a luz reflectida, un lugar de repouso para os vivos que serve de mensaxe e conforto ante a desaparición dos seres queridos. Continuando cunha idea das imaxes como terapia, Ojoboca (Anja Dornieden e Juan David González Monroy) ofrécennos unha película «atopada» que supostamente é parte dun test psicolóxico. A función do filme é «activar os sentidos» co fin de revelar a individualidade das participantes. E, malia que o traballo de Ojoboca xogue precisamente coa idea do método científico para elaborar enxeñosas brincadeiras, as imaxes naturais do filme, captadas en macro e acompañadas dun hipnótico son (feito cunha colaxe de cancións que mencionan a palabra dream), de certo nos dan unha masaxe mental e abren as nosas canles sensoriais. O Lugano mental do cineasta arxentino Sergio Subero establece no seu título un xogo coa expresión laguna mental («lagoa mental») para formar un vencello entre a memoria e o esquecemento. Certamente iso é o que evocan os xogos entre imaxes e momentos en negro, superposicións que emulan as maneiras de obrar das lembranzas, que se confunden e se mesturan, por veces anulándose. En calquera caso, a película crea unha relación directa cun espazo interior de silencio entre as labirínticas conexións do cerebro. 

Merapi (e Altiplano) dannos o convencemento de que poucas persoas hoxe en día poden filmar a paisaxe como o fai a chilena Malena Szlam. As palabras monumental e impoñente veñen á cabeza cando nos enfrontamos á súa película sobre o monte Merapi, en Indonesia. Unha beleza estarrecedora que se xunta coa condición ameazante desa paisaxe, asentada sobre un volcán activo. A sensación de presente irrepetible, a concentración na marabilla que nos rodea, adquire un novo matiz ante o recordatorio da nosa mortalidade, que nos pon en comuñón co resto de habitantes vexetais e animais do planeta. Pecha a sesión unha película na que quedar vivir: o número 23 das Sea Series do canadense John Price regálanos dúas estampas do mar, da praia, que culminan co preguiceiro xogo na area dun neno e unha nena. A infancia como ese momento en que a experiencia directa do mundo non está mediada por pensamentos e obrigas e no que cada intre se agarra aos nosos sentidos producindo marcas indelebles: a materia da que estarán feitas as evocacións futuras. A nosa presenza plena nas butacas do cinema fica ancorada, así, neste espazo mental, lugar imaxinario no que recobrar a claridade e a lucidez que tanta falta nos fan. 

Elena Duque.