AMY HALPERN

PROGRAMA 1

Sala (S8) Porto | Venres 3 de xuño | 20 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

INVOCATION
Amy Halpern | 1982 | EUA | 16mm | 2 min

Unha escultura temporal que só existe mentres as mans a describen e, quizais, brevemente despois como imaxe remanente no ollo. (Amy Halpern)

PALM DOWN
Amy Halpern | 2012 | EUA | 16mm | 6 min

Dous palíndromos. Unha resurrección. Sen final feliz. (Amy Halpern)

FALLING LESSONS
Amy Halpern | 1992 | EUA | 16mm | 64 min.

«Unha experiencia de celebración da vida dunha sensualidade impresionante por parte dunha grande artista do cinema experimental, que se abre a unha miríade de significados. Unha montaxe rítmica de case duascentas caras, humanas e animais, que Halpern percorre verticalmente, creando un torrente de rostros que suxiren que, malia os individuos expresaren un abano de emocións, en última instancia seguen a ser enigmas» (Kevin Thomas, LA Times). Con aparicións estelares de Shirley Clarke, Michael Snow, Chick Strand, Julie Dash, William Moritz, Pat O’Neill e Neon Park, entre outros.

AMY HALPERN

FALLING LESSONS / BEIRA. UNHA SUITE DE NOVAS PELÍCULAS DE AMY HALPERN

Amy Halpern, cineasta neoiorquina radicada nos Ánxeles, é a man que está detrás dun grupo de películas engaiolantes e poderosas que aproveitan ao máximo o poder asociativo e sensorial do cinema. Halpern, que empezou a facer cine nos primeiros anos da década de 1970, utiliza a luz, os elementos (substancias e obxectos de diferentes densidades, texturas e cores) e distintas clases de seres en películas nas que hai unha especial concepción do encadre e da «posta en escena» e cuxa montaxe establece asociacións potentes e primarias. Con sensacións físicas de todos os calibres e que abranguen todos os sentidos, sinestesia, xestualidade e sensualidade conflúen en composicións que en ocasións suxiren relatos sobre a marcha. Un conxunto no que por veces intervén o son (ou o silencio) dunha forma imaxinativa e inesperada e cuxos poéticos títulos engaden unha capa máis de significado. Películas en 16mm case sempre concentradas nun único motivo, ou nun grupo coidadosamente seleccionado de imaxes interconectadas, que afunden as súas raíces na simboloxía das imaxes e no magnetismo atemporal que emanan. 

Halpern empezou a facer películas en 8mm en 1972 e mudouse aos Ánxeles en 1974, onde estudou cinema na UCLA. Alternou a súa propia práctica fílmica en 16mm co traballo noutras producións, dentro e fóra de Hollywood, en calidade de directora de fotografía e iluminadora e no ámbito dos efectos especiais. Tamén colaborou con outros cineastas, como é o caso da súa participación en películas como My Brother’s Wedding, de Charles Burnett, The Decay of Fiction, de Pat O’Neill, ou Illusions, de Julie Dash, e a principios dos 70 na compañía de sombras en 3D de Ken e Flo Jacobs, o New York Apparition Theater. Traballou, así mesmo, xunto a figuras como Shirley Clarke, Chick Strand e Barbara Hammer, e co seu compañeiro David Lebrun en diversas películas, ademais de nalgúns dos recentes light shows do colectivo de cinema expandido psicodélico Single Wing Turquoise Bird. Estudou danza, arte que practicou canda Anna Sokolow e Lynda Gudde. Tamén desenvolveu os labores de arquivista, programadora e fundadora dos míticos Collective for Living Cinema e Los Angeles Independent Film Oasis, e exerceu como profesora de cinema na University of Southern California e na UCLA, entre outros centros. 

O programa que hoxe presentamos percorre o seu cinema do pasado e do presente. Na primeira sesión veremos a súa longametraxe Falling Lessons, acompañada de dous «aperitivos»: Invocation e Palm Down. Invocation (1982) introdúcenos na sesión a través da concentración nos acenos de dúas mans que se moven, nos acariñan e nos arrastran desde a escuridade. Son as mans da propia Halpern (que ve a película como «unha escultura temporal no espazo»), que nos convidan a entrar nos seus dominios. Segue Palm Down (2012), cinta que proba o poder do cinema a partir da metraxe dunha palmeira a ser cortada contra o ceo californiano, dun azul impecable. O acto de reverter e ver a acción, na súa sinxeleza, demostra as potencias do material co que tratamos. Falling Lessons, longametraxe que completou en 1922 despois de anos de traballo (tanto na imaxe como na banda sonora), é unha obra tan misteriosa como perturbadora. A película constrúese a través de panorámicas verticais, nun incesante movemento ascendente que induce a un estado psicolóxico particular. As cores e os xestos artellan esta ascensión. Esas panorámicas non só pasan por paisaxes ou animais, senón tamén por rostros de persoas que miran á cámara, que interpelan o público e establecen certa intimidade física con el. Todo tipo de persoas, algunhas en calma, outras con expresión críptica, outras con miradas doídas, indignadas, que reclaman unha reacción. Outras que nos sorprenden, outras que sorrín. Corpos en distintos estados, peles que transmiten a súa calor e o seu pulso, que se moven ou permanecen inmóbiles. Unha secuencia percorre a película: trátase da posta en escena dun acto de violencia policial contra dúas persoas negras. O son impulsa todo isto a un nivel extraterreal. Unha colaxe sonora asíncrona, con diversos sons ambientais e súbitas explosións musicais, que por veces se engarza coa imaxe a través de inesperados playbacks dos rostros filmados con sons de películas ou outras locucións. Trátase dunha cinta que sacode a indiferenza apelando ao noso corpo, nunha posibilidade aínda non explorada dabondo polo cinema: que a conciencia política saia directamente dos nosos sentidos, que a visceralidade deixe paso á acción a partir dunha conexión instintiva co humano. Non é fútil facer constar aquí dúas das citas que Halpern inclúe na información sobre a película do seu web: Ornette Coleman, con quen tivo un potente encontro, di: «[U]nha película curativa […]. Toda a xente que sae nela parece estar núa». Chick Strand, amiga e colega cineasta próxima (Halpern é unha das mulleres de Soft Fiction), di: «[A] película máis rara que vin». 

A segunda sesión, titulada pola cineasta «Beira» (en inglés, Verge), presenta un conxunto de películas completadas antes da pandemia e durante ela. Moitas delas poderanse ver por vez primeira no mundo aquí. A maioría son imaxes e xestos únicos, unha sorte de miniaturas en 16mm. Unha cortina que se move coa brisa, as luces que proxectan as árbores atravesadas polo sol. Retratos de xente, como a súa nai, ou Jane Wodening (tamén coñecida como Jane Brakhage). Accións atávicas que nos unen con toda a historia da civilización humana. En definitiva, un ollar dentro dun universo cinematográfico e simbólico particular, o dunha artista que debería estar en calquera hipotética lista das cineastas máis influentes das últimas décadas se o seu cinema chegase antes ao noso coñecemento.