RICHARD TUOHY & DIANNA BARRIE

PROGRAMA

Sala (S8) Porto | Xoves 2 de xuño | 20 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

ETIENNE’S HAND
Richard Tuohy | 2011 | Australia | 16 mm | 13 min. 

Un estudo do movemento dunha man inqueda. Feito dunha toma de cinco segundos. O son está construído a partir dunha vella canción tradicional francesa reproducida por unha caixa de música a corda. (Richard Tuohy) 

VALPI
Richard Tuohy, Dianna Barrie | 2019 | Australia | 16 mm | 9 min.

Unha cidade de ladrillo, folla de lata e táboas, esgazada por movementos tectónicos e en pendente cara ao mar. 

GINZA STRIP
Richard Tuohy | 2014 | Australia | 16 mm | 9 min. 

O Ginza da fábula e da lembranza. É a primeira película que terminei usando a técnica chromaflex, desenvolvida por nós. Que vén a ser un procedemento de revelado de cor á man que permite que unhas áreas seleccionadas da película sexan positivo de cor, negativo de cor ou branco e negro. (Richard Tuohy)

BLENDING AND BLINDING
Richard Tuohy, Dianna Barrie | 2018 | Australia | 16 mm | 11 min.

Pantallas e particións; fiestras e persianas; cuadrículas, curvas e arcos. Tres pobos, un país: Malaisia. (Richard Tuohy e Dianna Barrie) 

IN AND OUT A WINDOW
Richard Tuohy, Dianna Barrie | 2021 | Australia | 16 mm | 13 min.

A nosa fiestra dianteira, de dentro cara a fóra. Filmada durante o confinamento por covid. (Richard Tuohy e Dianna Barrie)

TINY COLLISIONS
Richard Tuohy, Dianna Barrie | 2022 | Australia | 16 mm | 10 min.

Un estudo en staccato de accións e inter-accións da rúa. Persoas e vehículos nos seus desprazamentos cotiáns resultan atomizados en fragmentos de luz fluída, sombras, ángulos e inercias, reiterando e desarmando a creación de movemento a través de fotogramas estáticos que é a esencia do cinema. Filmada en dez cidades de catro continentes. 

RICHARD TUOHY & DIANNA BARRIE

A URDA E A TRAMA

Toda película é unha sorte de patchwork construído con retallos filmados ou creados á man, «cosidos» a través da montaxe. No caso das películas de Richard Tuohy e Dianna Barrie, porén, o proceso aseméllase máis ao da tecedura dun tapiz: eses retallos capturados, no canto de se xustaporen, entrecrúzanse como a urda e a trama nun tear, fabricando así (coa intervención da máquina) un conxunto de imaxes e motivos só posibles por medio dun paciente traballo artesanal. Todo empeza coa recolección de imaxes no mundo: moitas das súas películas parten da observación dos lugares e os seus ritmos. Un gran número delas poderían ser contempladas como cadernos de viaxe ou «sinfonías de cidade». Mais o simple vaise transformando en complexo grazas a un pensamento cuxa clarividencia formal identifica e illa os padróns composicionais, cinéticos, cromáticos e rítmicos do filmado. Eses padróns convértense así en materia prima para ser procesada pola maquinaria analóxica, configurando obras complexas e sofisticadas arredor de temas en aparencia sinxelos. 

Algunhas das estratexias formais que empregan son a repetición e as variacións (recursos profusamente utilizados na música), a sobreimpresión de imaxes, a colaxe feita a partir de dividir o cadro en seccións mediante a optical printer e o traballo fotograma a fotograma. Procedementos cuxa combinatoria infinda foron perfeccionando e dominando e cuxos matices se refinan en cada novo exercicio. 

A obra de Tuohy e Barrie tamén se pode ler como unha conxunción de intereses heteroxéneos: a estrutura musical de moitas das súas películas (Barrie provén do campo da música abstracta) convive co traballo gráfico dos elementos do cadro (as liñas, as zonas de luz e de sombra, a direccionalidade dos movementos). Tanto Barrie como Tuohy, ademais, estudaron filosofía. E certamente o desdobramento da realidade que propoñen, esa visión alén do evidente propiciada pola reelaboración posterior, pode conectarse co pensamento filosófico. Novas formas de pensar o mundo emerxen do cinema analóxico, que xera os achados e accidentes propios dun traballo orgánico e manual que sempre comporta certas doses de imprevisibilidade e sorpresa. O coñecemento íntimo da maquinaria e dos procesos fotoquímicos, como se ve, é un dos piares fundamentais do seu cinema. 

Este saber é unha das cartas de presentación de Tuohy e Barrie nas súas viaxes polo mundo «a difundiren a palabra» do cinema artesanal e analóxico. Orixinarios de Melbourne (Australia), fundaron en 2006 o xa célebre nanolab, que empezou como un laboratorio de revelado de Super 8 con sede na súa propia casa. A falta de laboratorios en Australia foi a que motivou a Tuohy e Barrie a arremangarse e poñer pé no asunto, aproveitando así ademais a obsolescencia forzada dos formatos fotoquímicos para se abasteceren de equipos de todo tipo. Unha busca que tamén deu de si a invención de técnicas DIY que difunden a través dos obradoiros que imparten por todo o mundo. Gozamos na nosa edición de 2020 dun obradoiro online con Tuohy e Barrie, que este ano por fin poderá realizarse presencialmente. En 2011 fundaron o Artist Film Workshop, laboratorio que se expande a máis membros e que é parte da rede internacional de laboratorios autoxestionados, e no que teñen lugar tamén proxeccións. Un epicentro do cinema experimental en Australia. Alén do anterior, son fundadores do Australian International Experimental Film Festival. Como axitadores da escena local, divulgadores de coñecemento e artistas internacionais, ambos levan a cabo un labor incansable arredor das posibilidades por explorar do cinema que se pode tocar. 

O conxunto de películas que presentamos (xunto coas film performances da sección Desbordamentos) propoñen un percorrido sucinto polo seu traballo e constrúen tamén unha experiencia cuxos ritmos e progresións inducen un estado hipnótico e meditativo. Etienne’s Hand (2011) toma e illa o movemento dunha man. O xesto repetido (acompañado do son en bucle tinguileante dun vello arrolo nunha caixa de música) é captado en diferentes fases, recombinado, superposto, invertido, multiplicado, nun exercicio que transcende o formalismo puro. Unha man que se abre, con todas as súas suxestións misteriosas e íntimas: o traballo manual, o aloumiño, o ademán máxico e primario. A partir do punto de acceso da man que convida, viaxamos a lugares remotos. Valpi (2019) condúcenos a Valparaíso (Chile), á beira do mar e á sombra dun volcán, coa súa particular arquitectura costa arriba en interminables ringleiras de casas multicolor. Barrie e Tuohy toman o que semella un traveling infindo sobre un coche ou tranvía e descompóñeno na optical printer en franxas horizontais. O movemento descabálgase, a paisaxe recombínase ao ritmo irregular do avance da cámara en cada sección, coñecemos ou recoñecemos o espazo que por momentos se converte en abstracción e por momentos «encaixa» nunha forma identificable. Con Ginza Strip (2014) imos ao barrio de Ginza, en Toquio. O rebumbio da xente ao pasar, os altos edificios e os letreiros luminosos mergúllannos no movemento incesante da capital xaponesa, desta volta empregando franxas verticais e diagonais que varren o encadramento e entretecen imaxes, círculos e superposicións tremelucentes, nunha impactante combinación de positivo e negativo a cor conseguida grazas a unha técnica inventada por Tuohy chamada chromaflex. Mediante ela, o positivo e negativo de cor e de branco e negro son revelados de maneira que conviven na mesma imaxe. O entrelazado funciona en Blending and Blinding (2018) en virtude das superposicións. Nesta peza, filmada en Malaisia, as franxas dunha persiana combínanse en complexo padróns con baldosas e celosías, edificios e arcos, nun xogo xeométrico que se desprega ante os nosos ollos ao mesmo tempo que percorremos a xeografía do lugar. Unha esencia arquitectónica que semella falar tamén das raíces ancestrais dunha cultura. A viaxe física houbo de ser substituída pola viaxe fotoquímico-metafísica durante a corentena: así ocorre en In and Out a Window (2021), na que o motivo principal é unha fiestra, acompañada por un tictac (que podería ser o do temporizador dun cuarto de revelado) que evoca o lento pasar do tempo. A sinxela imaxe do mundo exterior, de densa vexetación, é recortada en catro por unha fiestra desde un interior completamente negro. Esta imaxe recombínase fotograma a fotograma, xira, achégase e afástase ata se converter en abstracción, pasando da tridimensionalidade á bidimensionalidade e creando efectos estroboscópicos. Cerra o percorrido unha das súas últimas pezas, Tiny Collisions (2022), na que volvemos ao mundo exterior: as rúas de dez cidades en catro continentes son as que desta volta se entretecen no cadro formado polas hábiles mans de Tuohy e Barrie, en lúcida sintonía coas máquinas e os procesos do cinema.

Elena Duque.