JORGE SUÁREZ-QUIÑONES RIVAS. O PODER CURATIVO DAS IMAXES

Xuñ 1, 2022 | Destacados, Entrevistas

  • Healing Ray é a performance que o artista, cineasta e arquitecto residente en Madrid Jorge Suárez-Quiñones Rivas, canda a música Ylia, vai presentar na sección Desbordamentos e que inclúe tres proxectores de 16mm e son creado en directo. Falamos con el de calma interior, de cinema analóxico, de filmar curativamente e de raios e tronos, entre outras cousas.

Primeiro que nada, cóntasnos como xurdiu a idea de Healing Ray? Interésame saber que te levou a investigar sobre o poder curativo das imaxes.

Botando a vista atrás e considerando mesmo as miñas primeiras obras, son consciente de que o meu traballo ten moito que ver coa experiencia do presente, entendida como consciencia do «aquí e agora». Coa perspectiva que dá o paso do tempo, vexo agora as miñas obras en vídeo, sobre todo a terna que forman Yohei, Amijima e Gimcheoul, como películas que poñen en evidencia a dificultade da experiencia do presente, pois o pasado e o futuro se mesturan decontino, afectando tanto a imaxe como o son. 

Ao empezar a traballar en Super 8, o propio proceso de filmación converteuse en si mesmo nunha práctica activa de consciencia do presente, pois dalgunha maneira a montaxe na cámara así o esixe. Sen eu me dar de conta, a filmación e a relación co mundo a través da cámara tornáranse prácticas de meditación e, xa que logo, prácticas potencialmente curativas para min mesmo. Empecei a pensar entón en como incluír neste proceso curativo todos os demais axentes involucrados: as persoas filmadas e as persoas que reciben as imaxes durante a proxección. 

O primeiro paso foi condensar, nunha bobina de 16mm, un acto curativo. Guillermo Pozo (que está presente en todas as miñas películas) e eu temos algo de experiencia desde hai xa varios anos en terapias de mobilización de enerxía, en primeiro lugar como receptores e máis tarde como practicantes. El aceptou que eu o filmase a realizar unha sesión de autocuración. Esta bobina de Ektachrome montada na cámara, cortesía de Pablo Useros, foi a miña achega á obra colectiva de retratos que xurdiu do obradoiro que estaba a impartir na escola LAV naquel momento, Bloques de presente condensado. Converteuse nun Healing Portrait que serviría de base para Healing Ray, da que agora forma parte.

Neste punto, tendo filmado xa un pequeno ritual que dera como resultado unha «curación efectiva» (por mínima que fose) para o Guillermo (el sándase a si mesmo) e para min (a través do acto meditativo da montaxe na cámara), pensei en amplificar o proxecto. Imaxinábame, por unha banda, involucrando máis persoas nas prácticas curativas, de maneira que o Guillermo puidese interactuar, sandando e sendo sandado por outro ser. Aquí é cando Mireia Ferri, amiga común coa que temos compartido experiencias vencelladas á curación, entra en Healing Ray, formando parte das bobinas central e final do proceso de sete bobinas que conforman a primeira parte do Reel A

Por outra banda, matinaba en que forma terían as imaxes capaces de dar como resultado algunha forma posible de curación para o público. Xaora, eu confiaba en que simplemente visionar filmacións de actos de curación puidese ter un efecto positivo nas persoas receptoras das imaxes, mesmo que fose como parábolas. Pensei entón que, se xa contaba co contido curativo, o que faltaba eran as formas curativas: filmar «curativamente» a curación. Tirei de novo da miña experiencia persoal e propúxenme traducir en formas fílmicas algunhas prácticas de psicoterapia experimentadas en primeira persoa como paciente, como EMDR (desensibilización e reprocesamento por movementos oculares) ou EFT (técnicas de liberación emocional). Sempre tivera a intuición de que estas terapias tiñan unha posta en escena moi precisa e susceptible de ser traducida en variables formais de ritmo, cor, movemento, velocidade de filmación, duración… Así que a Bolex se converteu no instrumento ideal para condensar, fotograma a fotograma, estas variables e así poder revivilas ante outras persoas, confiando en que un certo grao de curación, por mínimo que fose, puidese ter lugar. Xurdiu así a Reel B de Healing Ray.

Desde o principio pensáchelo como performance? Como foi evolucionando esa idea?

O formato performativo foi aparecendo durante o proceso creativo como unha evidencia.

Ao principio, pensaba nunha proxección monocanle na que o material do Reel A (filmacións de actos de curación) se alternase na mesa de montaxe co material do Reel B (filmacións que queren sandar a través da forma). No entanto, nunca cheguei a visualizalo con claridade: só vía bloques compactos que entre si non dicían nada, nunha sucesión temporal lineal. 

Porén, si que os imaxinaba a convivir no espazo e no tempo, a dialogar como parte dunha partitura, como dúas liñas que van variando as súas interaccións, por veces máis secantes, por veces máis paralelas, cada unha sendo visible desde unha fonte de luz diferente, desde unha posición diferente, conservando dalgún xeito a súa integridade e á vez abertas a secarse. Fóronse presentando como parte dunha coreografía para ser interpretada en presente, á que se uniu rapidamente unha terceira fonte de luz, que non estivese formada por imaxes xa filmadas, senón que emitise ritmicamente partículas de cor pura en forma de intervencións e decisións tomadas en directo.

Así xurdiu unha proposta expandida, con tres proxectores que fan visibles materiais de tres orixes diferentes, que se activan en directo e interactúan entre si no tempo da proxección, organizados todos nun gradiente que vai do negro ao branco pasando polas sete cores do espectro de luz visible, ao que todos colaboran. 

Desta maneira sinto que os materiais se conservan como organismos vivos, abertos a novas posibilidades e interpretacións no presente de cada proxección. Nese sentido, a experiencia de Healing Ray no (S8) será completamente nova. 

Como entraches en contacto co traballo de Ylia e que foi o que che interesou del?

Pedro Portellano e Gonzalo de Pedro entraron en contacto comigo mentres estaban a preparar a edición 2021 do Festival de Artes Visuales Expandidas RAYO. Eu faleilles do meu proxecto fílmico sobre a curación, que naquel momento só contaba con Healing Portrait como materialización, e quixeron apoiar o desenvolvemento para a presentación en RAYO.

RAYO é un festival no que os creadores visuais traballan canda creadores do ámbito da música e do son. O Pedro tivo a xenial intuición de conectar o meu traballo co de Susana Hernández (Ylia) e mostroume a súa música. Desde a primeira escoita do seu EP Dulce Rendición sentín unha conexión especial, e puiden entender por que nos propuxera entrar en contacto.

Na súa música sentín un aspecto cinematográfico moi forte, como onírico e de soño, que convivía con naturalidade con outro lado máis enraizado á terra. Sen eu saber nada de música, conmovido polo seu traballo con texturas sonoras, imaxinaba o seu proceso semellante ao meu porque sentía que tanto ela coma min eramos conscientes de que traballabamos con materiais, a partir da fisicidade. Emocionoume especialmente cando me pareceu distinguir a súa voz nalgunhas pistas, modulada e executada e tratada de diferentes xeitos. Vin vídeos das súas actuacións en directo, rodeada de diferentes dispositivos e instrumentos, e a súa presenza transmitiume moitísima forza. Como lle dixen á Susana nun primeiro momento, desde un nivel moi subxectivo e persoal, puiden sentir unha conexión coa curación en Dulce Rendición, algo que non sei explicar pero que se manifesta en ritmos, frecuencias, tratamentos específicos do son, e mesmo no imaxinario que se crea ao ler os títulos das cancións. 

Ao revisar o noso intercambio de emails, paréceme moi profético o que lle comentei antes de me despedir no primeiro que lle enviei, pois o raio en todas as súas formas e manifestacións atravesa Healing Ray e semella que a colaboración foi bendicida desde o primeiro momento: «Comecei a escribir este email escoitando de novo Dulce Rendición, empezou a chover á metade do álbum, terminouse a túa música e comezaron os tronos, que aínda continúan. Creo que é un bo presaxio!».

Como artellastes o traballo xuntos?

Foi un proceso moi especial. Malia xa ter moitas notas, esquemas e estruturas sobre o papel, eu aínda non comezara a filmar cando se produciu o primeiro contacto. Xa que logo, puidemos compartir todas as fases do proceso de produción das imaxes e os sons, mesmo se nos atopabamos en cidades diferentes e distantes.

A premisa que tiña na cabeza respecto ao son é que tivese un papel efectivo na curación, ao mesmo nivel que as imaxes. Que puidese inducir a un estado de calma interior, de reconexión co propio corpo e co pulso interno, de comuñón co presente. Interesábame que, na medida do posible, se puidese traballar de maneira consciente coas calidades intrínsecas das frecuencias sonoras, igual que na imaxe eu estaba a considerar as diferentes lonxitudes de onda do espectro visible da luz e a influencia das cores como formas de enerxía. Nese sentido, que a Susana puidese conversar e colaborar con investigadores do CSIC durante o proceso de produción do son foi moi enriquecedor. 

Empezamos enviando playlists, cancións e vídeos o un ao outro, compartindo referencias e ideas sobre música curativa, tratando de atopar un espectro común entre os nosos universos persoais, un certo ton arredor do cal movérmonos. A existencia de Healing Portrait tamén nos serviu de guía nun primeiro momento. Lembro que a Susana probou a colocar por riba a gravación dunha das súas últimas sesións en directo, e o resultado desa superposición de dous materiais con orixes aparentemente tan dispares foi moi emocionante, coma se posuíse xa unha certa lóxica automática.

Conforme eu ía gravando bobinas, íalle describindo os procesos de filmación e as imaxes que eu buscara (e que esperaba ter fixadas na emulsión), pois ata non estar todo filmado e revelado non poderiamos ver o resultado. A partir destas descricións a Susana empezou a traballar e a facer probas, colleitando texturas e sons, realizando gravacións de campo, pensando en posibles instrumentos e estruturas… Foi un proceso creativo moi intenso, que empezou por intercambio de emails e continuou por videochamadas, notas de voz… 

Era moi especial sermos conscientes de como as imaxes e os sons ían materializándose en paralelo e á vez entrelazados dalgún xeito. Cando terminei de filmar e por fin me chegaron reveladas todas as bobinas de película reversible, fixen un screener caseiro de todo o material en LAV. Nun timeline dixital a modo de simulación ordenei as bobinas nunha estrutura primaria de dúas pantallas e compartino coa Susana. Foi realmente emocionante cando me pasou a primeira pista de son, xa axustada e producida exactamente para as imaxes. A enerxía que se desprendía da sincronía das imaxes e os sons era indescritible. Uns dábanlle relevo aos outros, amplificando o seu poder, xerando unha verdadeira sinerxía que á vez respectaba a individualidade das fontes visuais e as sonoras, sen unha orde xerárquica entre elas. 

A partir de aí veu un traballo moi minucioso no que a estrutura xeral da proposta performativa se foi axustando en función da interacción do son, a imaxe e o espazo de representación. Era sobre todo un traballo de ritmo a partir de variables axustables: todos os instrumentos e dispositivos involucrados na xeración da música en directo, tres pantallas, tres proxectores que poden acenderse e apagarse independentemente, cola negra entre bobinas, todos os elementos do terceiro proxector, posicións posibles que podía tomar cada elemento no espazo… E por fin nos atopamos para os ensaios na Cineteca uns días antes da presentación en RAYO. Ese tempo foi esencial, pois en directo todo é máis intenso e real. Cada unha das probas que realizamos era emocionante. Tamén xurdiron reestruturacións e mudanzas importantes para acabarmos de nos axustar ao milímetro e desembocamos en algo así como unha coreografía total moi medida pero, ao mesmo tempo, aberta á sorpresa do directo, pois tanto a Susana coma min contamos con moitas variables abertas á improvisación en función da enerxía do presente. Cando chegou a presentación o 4 de xullo ante o público, coido que ambos sentimos realmente pasar pola sala o raio curativo. 

Nunca traballara deste xeito, confiando plenamente o son dunha obra a outra persoa. Agora mesmo non son capaz de entender as imaxes de Healing Ray sendo reproducidas sen a música en directo da Susana.

PUBLICACIÓNS RECENTES