SINAIS. VIVEN!

Xuñ 1, 2022 | Artigos, Destacados

Coa visión clara do cinema que nos move e da importancia de reivindicar o pasado e os creadores internacionais e darlles espazo, no (S8) tamén nos damos de conta da necesidade urxente de reunir a xente que está a crear aquí e agora e de abrir novos universos ás xeracións vindeiras (isto, a través de Paraíso). De aí vén a idea de ampliar Sinais, labor que terminou por estender a sección a tres programas ante un panorama de creación emerxente que se revelou desbordante.

Nunha primeira sesión reunimos as obras de máis arraigamento plástico e formal. No tocante ao uso do celuloide, a sesión ábrese cunha película-performance de Aura Vega: o cinema en 16mm feito sen cámara atópase aquí coa escritura e a linguaxe, para converter a anotación obsesiva en xogo abstracto. Álvaro Feldman trae dous estudos en Super 8 que nacen da experimentación con técnicas ópticas e lumínicas: por unha banda, a mestura subtractiva de cores lumínicas e, pola outra, o uso de máscaras na cámara, coas que se crea unha sorte de colaxe. Saru Miras, pola súa parte, leva o experimento estrutural de filmar fotograma a fotograma ao extremo, usando como guía métrica os quilómetros, metros e centímetros, nunha  peza que acaba por constituírse tamén en exercicio diarístico e íntimo. Miras filma en Super 8 igual que Inês Lima, creando unha obra na que o revelado artesanal e a articulación de cores das súas enigmáticas imaxes entran en sintonía coa evocación do texto. A formación fotográfica de Carla Andrade, por outra banda, lévanos a unha peza na que mestura múltiples formatos para retratar a paisaxe (en movemento e detida) e sacar á luz as súas forzas telúricas. O mar de Andrade toca coa sensibilidade acuosa das creacións de Claudia Pineda e Acacia Ojea: a primeira, experimentando (en ocasións a dobre pantalla) con imaxes subacuáticas, e Ojea coa sensorialidade á flor de pel e cos xestos humanos.

A segunda sesión segue un camiño máis emparentado co cinema de non-ficción. Desde as impresións en Super 8 que rozan o etnográfico, como é o caso da peza de Jaione Camborda Coll, unha breve visión do rural galego, e o caso de La Tarara, de Álvaro Feldman, que retrata unha familia dun barrio de Sevilla cun rexistro diarístico emocionante e emocional. Descartes, de Alejandro Alvarado e Concha Barquero, e A cinquito, con derecho a tocar, de nucbeade, indagan en episodios máis ou menos vergoñentos da historia recente: a primeira recorda a censura posfranquista da película Rocío, de Fernando Ruiz Vergara, a través dos seus descartes, e a segunda lembra a exhibición de seres humanos como fenómenos en barracas de feira. Finalmente, Helena Estrela retrata con humor as angustias da xuventude na pandemia, nunha sucesión de postas en escena que remiten ao cinema de Benning ou Lertxundi.

A última sesión vén marcada polo vídeo e o dixital e polas cores neon do noso tempo. Abrindo coa proposta performática/instalativa de Claudio Sodi e a súa película fosforescente, que desvía a mirada da pantalla para a levar ao proxector. Cores brillantes, como as de Los apellidos, de Tamara Goberna, que cun cúmulo de manipulacións de vídeo deforma a imaxe, a explota e a multiplica, nun exercicio que xira arredor da despersonalización. A idea dos rexistros clandestinos vén á mente nas pezas de María Pipla e Sol Mussa. Pipla aproveita en Metro unha cinta familiar atopada na que un erro fortuíto (gravar sen querer imaxes no metro) termina configurando un perfect film como o de Jacobs. Mussa volve mirar para os submundos e bastidores capitalistas, esta vez desde unha visión nocturna e sórdida dos camiños que segue acotío o lixo que producimos. O sentir dos tempos e o significado de crear cunha intimidade descarnada fica patente nas pezas de Marta Valverde e Claudia Negro. Valverde pon o foco na precariedade da subsistencia no mundo da arte, establecendo un paralelo co mundo da prostitución e preguntándose onde se atopa a maior violencia. Finalmente, Claudia Negro bota man dos códigos e linguaxes de Internet: as redes sociais, WhatsApp, Google e YouTube non decorren xa nunha dimensión paralela á vida, senón que son parte dela. A película multipantalla de Negro é o que máis se asemella á experiencia do mundo que temos. Desde o íntimo, fala do angst específico desta xeración, mais tamén do que vén de tempos inmemoriais: a vulnerabilidade e a forza da xuventude.

PUBLICACIÓNS RECENTES