ASÍ É eSe8 LAB: FORMACIÓN, APOIO E IMPULSO Á CREACIÓN

Dec 1, 2022 | Destacados, Novas

Nace eSe8 LAB, un proxecto que se apoia na dilatada experiencia desenvolvida neste campo polo (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña con tres proxectos previos, de formación, titorización e residencias artísticas, englobándoos e dotándoos agora dunha nova dimensión. 

Trátase de INPUT – Xornadas de Tutorización e Asesoramento Personalizado de Proxectos Cinematográficos en Desenvolvemento, BAICC – Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica e PARAÍSO – Aula de Formación para Estudantes Universitarios de Belas Artes, todos impulsados pola Asociación ese8 no contexto da Mostra, que ao longo das súas trece edicións se converteu en punto de encontro internacional de importantes cineastas e profesionais da creación cinematográfica contemporánea.

Estas iniciativas acollen a partir de agora, a través do ese8 LAB, un maior número de proxectos, autores e profesionais abrindo a participación a procesos e desenvolvementos que inclúan a coprodución con outros países, o que mellorará cualitativa e cuantitativamente a repercusión das mesmas e a súa transcendencia no panorama internacional.

INPUT: MÁIS PROXECTOS PARTICIPANTES E AUMENTO DO EQUIPO ASESOR 

INPUT é un espazo de titorización e asesoramento personalizado de proxectos cinematográficos en desenvolvemento que xurdiu en 2017 da colaboración entre a Fundación Luis Seoane e o (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico. A través dela ponse en contacto a varias autoras con profesionais de prestixio internacional do ámbito do cinema e da arte, con quen poder discutir acerca dos seus proxectos, desde o estado de escritura e desenvolvemento ata o de distribución. O obxectivo destas xornadas é impulsar a profesionalización dos nosos creadores potenciando a formación, vertebración e creación de redes dentro do sector cultural no noso país.

Ao longo destas 5 edicións, 15 proxectos seleccionador en convocatorias abertas foron beneficiarios, proceso que lles abriu as portas a novos éxitos como: ser incluídos en espazos profesionais de desenvolvemento, a obtención de fondos, premios e estreas en festivais internacionais. 

SÓS, de Nico Fernández Millán; RESERVA, Gerard Ortín; REUNIÓNIlán Serruya; EL MÉDICO CURA, de Maider Fernández Iriarte; CANDO TODO UN ANIMAL, de Ángel Filgueira; NESE MOMENTO O AMOR FOI ESCURO E SÓ PUIDEN CHORAR, de Aldara Pagán; o POSSIBLE FILM, de Luis Lechosa, son soamente algúns exemplos.

A raíz do nacemento do ese8 LAB un maior número de cineastas poderán beneficiarse de INPUT, aumentando os proxectos en desenvolvemento que se seleccionarán a través dunha convocatoria aberta, así como no número de profesionais da programación, distribución e produción cinematográfica que os asesorarán. 

BAICC, AS ÚNICAS RESIDENCIAS ARTÍSTICAS INTERNACIONAIS DE CREACIÓN CINEMATOGRÁFICA DE ESPAÑA

BAICC – Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica son hoxe en día as únicas residencias internacionais destas características existentes en España. En 2017 puxéronse en marcha, impulsadas polo (S8), Acción Cultural Española (AC/E) e o Liaison of Independent Filmmakers of Toronto (LIFT). 

Os resultados da residencia, na que se produce unha peza audiovisual rodada en formato analóxico (16mm, 8mm ou super 8), estréanse cada ano no (S8), o que dá a oportunidade á súa autora ou autor de presentar a súa obra ante o público e os profesionais internacionais asistentes á Mostra. O (S8) xera así o seu propio contido, ao acoller o desenvolvemento do proxecto, apoiar o seu financiamento e programar a peza resultante destas residencias. Á vez, potencia e apoia os novos talentos, tanto economicamente como na súa traxectoria futura, dándolle un crédito como parte da programación do festival cara ao que miran cada ano centos de entidades, eventos e profesionais de todo o mundo.

Nesta edición, de entre 14 proxectos presentados á convocatoria pública aberta o pasado xuño, foi seleccionado o cineasta Álvaro Feldman e premiado para desenvolver o seu proxecto Torontontero. Nel, o Feldman, busca o desenvolvemento dun dispositivo -instalación e performance-, non só dunha película, senón dunha obra de moitas maneiras de ser que rompe co liñal e temporal do cinema. Deste xeito, propuxo fabricar un mecanismo que posibilite proxectar en ambas direccións, así como explorar as posibilidades do copiado óptico para conseguir unha diversidade de estruturas. 

Con elas, Feldman está a construír unha película, filmada entre Canadá e España, o máis reversible posible, que poida verse en ambas as direccións simultaneamente, cara adiante e cara atrás.

NOVAS RESIDENCIAS EN COLABORACIÓN CO BALTIC ANALOG LAB DE RIGA, LETONIA

Para fortalecer a actividade formativa, o impulso á creación e o desenvolvemento do talento emerxente, o ese8 LAB amplía estas residencias a Europa. Con esta intención, nace a colaboración co BALTIC ANALOG LAB de RIGA, un colectivo de artistas e un filmlab con sede en Riga, Letonia, que ten como obxectivo producir, ensinar e inspirar a un público proporcionando un espazo para a creación, a aprendizaxe e a formación.

Estas novas residencias entre España e Letonia, que darán como resultado novas coproducións internacionais, xa están en marcha, inauguradas polas cineastas Helena Estrela (co seu proxecto Hot sun, late light) e María Pipla (co seu proxecto As time bends). Tanto Feldman como Estrela e Pipla formaron parte da programación da última edición do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña, e volverán facelo no 2023 cando estreen mundialmente as súas últimas pezas no marco do festival.

“PARAÍSO” CHEGA A OUTROS PAÍSES EUROPEOS

O (S8) abriu en 2021 un novo espazo ao ensino e á nova creación desde a perspectiva da formación artística, incidindo no enfoque multidisciplinar e libre das Belas Artes: “Paraíso”. Unha alianza coa Universidade que nace coa idea de sinalar e abrir novos camiños no futuro da imaxe en movemento. Na próxima edición da Mostra incorporaranse novas facultades de BBAA e Escolas de Arte do ámbito europeo ademais das de Salamanca e Pontevedra participantes en pasadas edicións.

Todas elas formarán parte dun encontro internacional entre o alumnado e profesionais internacionais do sector e da docencia, onde se falará de como se está tratando a ensino da arte e a imaxe en movemento e cales son os retos de futuro. Así mesmo, ampliaranse as sesións abertas ao público de traballos realizados polos estudantes como parte da programación do (S8,) tal e como viña realizándose nos últimos anos. Cabe destacar que grazas ao ese8 LAB, “Paraíso” incluirá a partir de 2023 sesións de titorías personalizadas. A Mostra quere servir como un espazo iniciático a través do cal penetrarse no contexto do cinema e brindarlles un espazo de creación e liberdade. 

eSe8 LAB conta co financiamiento do ICAA – Dirección General del Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales. Financiado pola Unión Europea – Next Generation e o Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia.

PUBLICACIÓNS RECENTES