- Proxectaranse máis de 60 pezas do arquivo persoal do artista que non saíran á luz ata que foron adquiridas por Filmoteca Española, no seu esforzo por preservar e difundir o patrimonio cinematográfico do noso país.
- O ciclo “A/Z: Zulueta inédito”, comisariado por Josetxo Cerdán e Miguel Fernández Labayen, inaugurará esta XIV edición do (S8) e estenderase máis alá das datas do festival.
Iván Zulueta na rodaxe de Arrebato (1979)
O arquivo fílmico inédito de Iván Zulueta inaugurará a décimo cuarta edición do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, o venres 26 de maio. Será a primeira dun total de sete sesións que dedicaremos a proxectar o legado do mítico cineasta. Materiais fílmicos rodados entre os anos 30 e 80 do século pasado, vinculados á súa vida persoal, aos movementos culturais do noso país durante a Transición e á vangarda cinematográfica, que foron adquiridos en 2021 por Filmoteca Española e estruturados, tras un profundo traballo de investigación e conservación, no ciclo “A/Z: Zulueta inédito”. Unha proposta comisariada por Josetxo Cerdán, exdirector de Filmoteca Española e catedrático de Comunicación Audiovisual da Universidade Carlos III de Madrid, e Miguel Fernández Labayen, vicedecano do dobre grao de Periodismo e Comunicación Audiovisual na Universidade madrileña.
O ciclo que poderá verse na Coruña inclúe, entre outras pezas, películas familiares e primeiros rexistros e curtametraxes de Zulueta, filmacións de festas con amigas e coñecidos que reflicten o ambiente cultural da Movida a finais dos setenta -entre as que figuran imaxes dunha das primeras manifestacións en España en apoio aos dereitos das persoas LGTBI-, e materiais inéditos rodados durante a creación da súa longametraxe Arrebato, un dos filmes cume da cinematografía española. Materiais que se crían perdidos ou dos que non se tiña constancia da súa existencia, e que permiten ampliar o coñecemento sobre un dos creadores imprescindibles do cine español.
Fotogramas dos filmes incluídos no ciclo A/Z: Zulueta inédito
Cineasta, debuxante, ilustrador, realizador, decorador, actor e fotógrafo, Zulueta desafiou as barreiras entre as disciplinas artísticas, movido sempre pola súa paixón pola imaxe, case sempre, en movemento. Precursor do cinema underground e experimental no noso país, Iván Zulueta foi protagonista e fonte de inspiración da nosa primeira edición, en 2010. Agora, catorce anos despois, acollemos este programa de Filmoteca Española, co fin de reivindicar a figura dun artista que abriu novas oportunidades e linguaxes. Referente da modernidade artística da España da liberdade, no (S8) sabemos que Zulueta é aínda un tesouro por descubrir.
O ciclo “A/Z: Zulueta inédito” desenvolverase ao longo da Mostra e continuará durante todo o mes de xuño como parte da programación estendida do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico na Filmoteca de Galicia.
Apoios do XIV (S8)
Nesta décimo cuarta edición do (S8) Mostra de Cinema Periférico seguimos contando co apoio do Concello da Coruña, o Consorcio de Turismo e Congresos, a Deputación da Coruña, a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), Acción Cultural Española (AC/E) a través do seu Programa de Internacionalización (PICE), e a Fundación Luis Seoane; e coa colaboración de Afundación – Obra Social ABANCA.