XPRESA. TALLER DE INCLUSIÓN SOCIAL

DIDÁCTICA

O (S8) concibe o cinema como ferramenta de autocoñecemento e de exploración dos sentidos e as emocións. Ese é o espírito que inspira Xpresa, programa didáctico cuxo obxectivo é impulsar a inclusión social. 

Unha das accións incluídas dentro deste programa é o obradoiro que todos os anos ofrecemos para persoas de capacidades diversas ou en risco de exclusión social, impartido por cineastas de recoñecida traxectoria. Rompendo os moldes á hora de espertar o entusiasmo polo cinema, Xpresa non se conforma con divulgar modelos de creación tradicionais, senón que aposta por lles brindar aos que participan un mecanismo a través do cal poidan experimentar e expresar o seu propio universo mediante a creación libre e estimulante de pezas cinematográficas persoais, feitas a partir da intuición previa ao aprendido. En edicións anteriores acollemos obradoiros de cineastas como Pablo Mazzolo, Jeannette Muñoz, Andrés Duque e Ainhoa Rodríguez.

Xpresa contou nos últimos anos coa colaboración de asociacións locais, como é o caso, nesta edición, da Asociación Galega de Asperger (ASPERGA) e a Fundación de Adultos Discapacitados da Coruña (ADCOR).

TALLER XPRESA CON TÂNIA DINIS

NOSTALXIA DA IMAXE

Esta acción de curta duración pretende explorar o cruzamento de varias artes, como a fotografía, as artes multimedia, as artes escénicas e o cinema. Abordaranse temas como a intimidade e a memoria, traballados desde os fundamentos da linguaxe teatral e os procesos de interpretación. Reorganizaranse, revisitaranse e manipularanse experimentos artísticos, nun exercicio de recoñecemento da idea da imaxe como experiencia do efémero do tempo e a memoria. O obxectivo será a construción de narracións breves, a partir de documentos visuais, obxectos, rexistros de imaxes reais, colaxe ou fragmentos sonoros. Os participantes deberán traer un ou varios obxectos asociados ao seu universo afectivo familiar (unha imaxe, fotografía, documento, historia, recordo ou outro obxecto material ou inmaterial da súa elección). 

SOBRE TÂNIA DINIS

A memoria propia e allea e as súas confluencias, reais ou imaxinadas: ese é o corazón do traballo da portuguesa Tânia Dinis. Desde 2011, Dinis desenvolve unha obra na que investigación e creación apertan as mans a través da súa escavación incesante de arquivos familiares, tanto persoais como anónimos. Un traballo que se prodigou tanto por formatos expositivos como de performance e tamén en forma de películas que constrúe a partir de filmacións propias en Super 8 e colaxes con materiais (buscados ou atopados) como películas, cartas, fotografías, diapositivas e obxectos de todo tipo. Destacan na súa filmografía as curtametraxes Não são favas, são feijocas (2013), premiada en varios festivais de cinema; Arco da Velha (2015); Laura (2017), premio á mellor curtametraxe en Arquivo em Cartaz – Festival Internacional de Cinema de Arquivo; e Armindo e a Câmara Escura. Colaborou con varias institucións, como Cineclube & Filmoteca de Montemor-o-Novo, o Porto/Post/Doc, o Festival Internacional de Documentários de Melgaço, o ZOOM en Barcelos ou o Family Film Project do Porto. Así mesmo, realizou obradoiros educativos con arquivos familiares para nenas e nenos como actividade educativa en festivais de cinema.