- Ata o 10 de xuño está aberto o prazo para inscribirse e participar desta oportunidade única para producir unha obra en formato analóxico en Toronto (Canadá).
Por sétimo ano consecutivo poñemos en marcha as Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica – BAICC, en colaboración con Acción Cultural Española (AC/E) e Liaison of Independent Filmmakers of Toronto (LIFT). O obxectivo, invariable desde a primeira edición en 2017, é axudar a crear novos camiños para creadores emerxentes, facilitando lazos de intercambio cunha institución de relevancia internacional como é LIFT.
A convocatoria permanecerá aberta ata o 10 de xuño. Poderán participar todas aquelas persoas nacidas ou residentes en España, cunha traxectoria artística acreditada, que desexen realizar un proxecto audiovisual en formato analóxico (35 mm, 16 mm, Super 16 mm, 8 mm ou Super 8 mm).
Antes do 30 de xuño coñeceremos o nome da persoa seleccionada, que participará nunha residencia de entre 4 e 6 semanas ininterrumpidas en Toronto (Canadá). Toda unha oportunidade tamén para descubrir novas contornas de traballo e intercambiar experiencias profesionais. O resultado dos seus traballos estrearase na próxima edición do (S8) XV Mostra Internacional de Cinema Periférico de A Coruña.
BAICC é un proxecto de eSe8_LAB financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU como parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais, grazas ás axudas a Laboratorios e Incubadoras de Creación e Desenvolvemento de Proxectos Audiovisuais. Conta co apoio de Acción Cultural Española (AC/E) e LIFT-Liaison of Independent Filmmakers of Toronto.
> Accede aquí ás bases da convocatoria e ao formulario para participar en BAIC 2023.