A MOSTRA (S8) REAFIRMA A SÚA POSICIÓN COMO REFERENTE INTERNACIONAL DE CINEMA DE VANGARDA NUNHA EDICIÓN RÉCORD

Xuñ 15, 2023 | Destacados, Novas

Máis de 8.000 persoas puideron desfrutar dunha edición na que proxectamos máis de 180 filmes dunha ducia de países, entre os cales 25 foron estreas internacionais e 41 en España, e cinco film performances inéditas que protagonizaron a sección Desbordamientos. 

Entre os momentos máis destacados da Mostra, a experiencia do cinema de “luz sólida” de Anthony McCall e a estrea en España da obra de Barbara Sternberg que encheron as sedes da Filmoteca de Galicia, Palexco e a Fundación Luis Seoane dun público procedente do resto do estado e de fóra das nosas fronteiras. 

Fieis ao noso compromiso de potenciar o talento emerxente, na sección Sinais amosamos o máis relevante do noso cinema peninsular. Ademais, a Mostra ampliou a sección Paraíso, dedicada ao alumnado de Belas Artes, e o espazo de titorización de proxectos INPUT. 

O domingo 4 de xuño, o (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña puxo fin á súa décimo cuarta edición, logo de dez días de proxeccións e actividades nun total de oito espazos da cidade: Filmoteca de Galicia, Palexco, Domus, Fundación Luis Seoane, Afundación, Atalaya, os Xardíns de Méndez Núñez e o Hotel Eurostars Atlántico. Todas elas foron visitadas por máis de 8.000 persoas, convertendo un ano máis A Coruña nunha cita imprescindible do cinema de vangarda e nun referente para novas e novos creadores do cinema contemporáneo, cun importante incremento nesta edición dun público novo e que participou moi activamente. 

No cincuenta aniversario do seu falecemento, o mundo onírico, idealizado e soñado do pintor coruñés Urbano Lugrís inspirou a imaxe da Mostra. Outro gran referente nesta edición foi o precursor do cinema underground e experimental Iván Zulueta, a quen este ano dedicamos un extenso ciclo. A/Z: Zulueta inédito” protagonizou a sesión inaugural e continúa como programación estendida da Mostra na Filmoteca de Galicia durante todos os venres do mes de xuño. Toda unha oportunidade para visionar o legado fílmico do mítico cineasta que non saíra á luz ata que foi recuperado por Filmoteca Española. 

Tamén nesta edición, volvemos reunir cineastas de relevancia mundial como Anthony McCall, Barbara Sternber, John Price, Hangjun Lee, Helga Fanderl ou Benjamín Ellenberger. Tamén nos acompañaron máis de 60 profesionais procedentes de países como Arxentina, Francia, Chile, Brasil, Alemaña, República Checa, Corea do Sur, Portugal, Italia, Reino Unido, Canadá, Italia ou os Estados Unidos, así como tamén de moitos puntos de España como Madrid, Navarra, Asturias, Canarias, Cataluña, Andalucía ou a Comunidade Valenciana, entre outros. 

Entre os momentos máis impactantes para as persoas asistentes, a clausura a cargo do británico Anthony McCall, de visita por primeira vez no noso país no marco dun festival de cinema, que impactou ao público cunha posta en escena dos seus traballos de “luz sólida”. Tamén gozou dunha magnífica acollida o cine de superposición de imaxes, de investigación do mundo visual, emocional e intelectual que trouxo ao (S8) a canadense Barbara Sternberg. Os dous cineastas colgaron o cartel de aforo completo nas sedes da Filmoteca de Galicia e da sala (S8) Palexco. 

Film performances: un imprescindible del (S8)

A film performance, un dos nosos buques insignia, deixounos tamén este ano grandes momentos, como a homenaxe aos faros, inspirada na Torre de Hércules, deseñada en exclusiva para o (S8) polo cineasta canadense John Price, e na que contou coa intervención sonora en vivo de Torso, o proxecto de música electrónica do multiinstrumentista galego Ibán Pérez. Ademais, os dous programas cos filmes de Price encheron as nosas salas de proxección. 

Inédita foi tamén a proposta do surcoreano Hangjun Lee, que trouxo á Coruña un espectáculo visual e sonoro no que o proxector de cinema se converteu nunha especie de instrumento musical. Ademais, o (S8) foi o escenario da estrea mundial de Torontontero, de Álvaro Feldman, o proxecto da Residencia Artística BAICC desenvolvida no LIFT de Toronto (Canadá), así como das pezas Todo va a fallar de Helena Estrela eAs time bends de María Pipla, realizadas ao abeiro das Bolsas eSe8_LAB nas instalacións do Baltic Analog Lab de Riga (Letonia). Na súa aposta polo descubrimento de creacións auténticas feitas para gozar cos cinco sentidos, Cervezas Alhambra volveu colaborar co noso festival, que forma parte de Momentos Alhambra, e durante a sección Desbordamientos puideron maridarse as súas variedades coas mellores propostas artísticas e culturais.  

Tamén este ano seguimos tendendo pontes co cinema experimental desenvolvido ao outro lado do Atlántico, coa presenza dun dos creadores actuais máis estimulantes de Arxentina: Benjamín Ellenberger, que ademais de amosar por primeira vez en España un completo programa do seu cinema realizou unha performance sensorial cos proxectores de 16 mm. 

Todo, nunha edición que ratificamos o noso carácter internacional, e na que se estrearon 25 obras a nivel internacional e 41 en España. Unha relevancia mundial que se constata tamén polo feito de que durante os dez días de festival, a Mostra Internacional de Cinema Periférico contou con programadores de festivais de todos os puntos do mapa: Avant Festival (Suecia), Porto Post Doc (Portugal), Festival de Cine Independiente de Barcelona, l’Alternativa (España), PROYECTOR de Madrid, o Festival Punto de Vista de Pamplona, Miragem – Arte Cinemática na Paisagem (Portugal), SACO (Semana del Audiovisual Contemporáneo de Oviedo), DocumentaMadrid, Play-Doc Festival Internacional de Cine, o Festival Vila do Conde, ou o EXiS (Corea do Sur). Tamén visitaron o (S8) representantes de institucións de relevancia internacional como son o Centre Pompidou de París, o CCCB Centre de Cultura Contemporània de Barcelona, Circuito Nomadica, o Instituto Cervantes ou o Círculo de Bellas Artes de Madrid. 

O (S8), faro e guía para a nova vangarda cinematográfica 

Nesta décimo cuarta edición, a nosa sección Sinais consolidouse como referente do cinema de vangarda peninsular actual. Unha vintena de creadoras e creadores do ámbito galego, estatal e portugués amosaron en primicia os seus traballos máis recentes. Entre eles, nomes do presente e o futuro do noso cinema como son Claudia Pineda, Rita Morais, Laura Moreno, Carlos Baixauli, Elisa Celda, Gadea Burgaz, Sofía Hansen, Leonor Serrano Rivas, Lucía del Valle, Ángel Montero Vázquez ou Valentina Alvarado, entre outros.

Nesta edición, a sección Paraíso deu un salto cualitativo, coa presenza de estudantes e profesorado da Facultade de Belas Artes de Pontevedra – Universidade de Vigo; da Facultad de Bellas Artes da Universidad de Salamanca e da Universitat de Barcelona, ademais da Academia de Bellas Artes de Brescia SantaGiulia, da Accademia Di Belle Arti Di Bologna;  e da Escuela Superior de Bellas Artes Nantes Saint-Nazare. 

Ademais, ampliamos o apoio ao impulso, profesionalización e desenvolvemento dos proxectos de cineastas que apostan polo uso de novas linguaxes no cinema, cunha edición récord do espazo INPUT, na que se presentaron un total de 62 propostas. As seis seleccionadas contaron coa titorización de profesionais de prestixio internacional como Albert Alcoz, Helena Girón, Giuseppe Spina, María Cañas, Jessica Sarah Rinland e Cloe Masotta. Unha actividade que se desenvolveu ao longo de tres xornadas nas sedes da Afundación Obra Social ABANCA e a Fundación Luis Seoane, e que continuarán cun seguemento en liña xa rematado o festival. 

Un ano máis, reforzamos o noso departamento de didáctica, apostando por crear novos públicos á hora de difundir a creación cinematográfica de vangarda con proxeccións organizadas para máis de 400 escolares procedentes de cinco centros educativos da cidade: o IES Urbano Lugrís, o IES David Buján, o CEIP Concepción Arenal, o CEIP Víctor López Seoane e o IES Ramón Menéndez Pidal. Para moitos deles o (S8) supuxo o seu primeiro contacto co celuloide e a súa primeira proxección en Super 8. 

Punto de encontro internacional para profesionais

O (S8) tamén funcionou como punto de encontro profesional a través do seu Observatorio. Nesta ocasión, puxemos o foco no traballo das editoriais que inmortalizan, a través da escritura, a historia do cine experimental e dos seus cineastas. No encontro Dar fe: como editar libros sobre cine experimental hoxe, participaron a editorial parisina Eyewash Books, comandada por Scott Hammen;  as arxentinas La Vida Útil, da man de Lucía Salas, e Caja Negra, con Pablo Marín; a revista Lumière, con Francisco Algarín á cabeza; e o colectivo editorial Stereo Editions, coa presenza de Helena Gouveia. Tamén, a editorial alemá Hatje Cantz, invitada a participar na Mostra pola recente publicación do libro Helga Fanderl. Konstellationen Super 8, que presentou no (S8) a propia cineasta Helga Fanderl. Ademais, o encontro foi acompañado dun programa,Libros a propósito de películas, películas a propósito de libros, cunha selección de filmes incluídos nos libros publicados polas editoriais presentes na Coruña. 

Outras das actividades incluídas no noso Observatorio foi a “Mesa Proxecta: a sustentabilidade nos festivais”, na que participaron representantes de FICBUEU – Festival Internacional de Cinema de Bueu e a Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, dous dos festivais integrados en Proxecta – Coordinadora Galega de Festivais de Cinema; ademais de representantes do Festival Sinsal e a coordinadora do Pacto Cultura Sustentable de Galicia, María Baqueiro

Programación estendida e novas convocatorias

A programación do (S8) esténdese máis alá das datas do festival. Este ano, coa continuidade do ciclo A/Z: Zulueta inédito de Filmoteca Española, os venres do mes de xuño na Filmoteca de Galicia. Tamén, co Xpresa – Obradoiro cinematográfico de inclusión social, Nostalxia da imaxe, da man da artista Tânia Dinis, que terá lugar o 30 de xuño e o 1 de xullo.Unha iniciativa na que utilizamos a creación cinematográfica como motor de inclusión social e que na que contamos coa colaboración da Asociación Galega de Asperger (ASPERGA) e a Fundación de Adultos Discapacitados da Coruña (ADCOR)

Ademais, ata este domingo 18 está aberta a convocatoria para participar no programa de Residencias Artísticas BAICC. Un programa para impulsar a produción dunha obra audiovisual rodada en formato analóxico en Canadá, para o que no (S8) unimos forzas con Acción Cultural Española (AC/E) e LIFT – Liaison of Independent Filmmakers of Toronto, co co-financiamento da Unión Europea – NextGenerationEU como parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais.

Apoios

A décimo cuarta edición do (S8) Mostra de Cinema Periférico está organizada pola Asociación Cultural eSe8 e conta co apoio do Concello da Coruña, o Consorcio de Turismo e Congresos, a Deputación da Coruña, a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), Acción Cultural Española (AC/E) e a Fundación Luis Seoane. Ademais conta coa colaboración de Afundación Obra Social ABANCA. 

Ademais, a invitación para a participación de Barbara Sternberg, Hangjun Lee, Enrico Camporesi, Jessica Sarah Rinland, Helena Gouveia Monteiro e Scott Hamen nesta edición do (S8) foi posible grazas ao Programa de Acción Cultural Española (AC/E) para a Internacionalización da Cultura Española (PICE), na súa modalidade de visitantes, que facilita que as entidades e institucións culturais españolas conten nas súas actividades e programas coa presenza en España de profesionais prescritores culturais internacionais, a fin de coñecer de maneira directa e persoal a oferta creativo-cultural española. 

As Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica – BAICC xorden da colaboración entre o (S8), Acción Cultural Española (AC/E) e LIFT-Liaison of Independent Filmmakers of Toronto. Están co-financiadas pola Unión Europea – NextGenerationEU como parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais.

As Bolsas eSe8_LAB están financiadas pola Unión Europea – NextGenerationEU como parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais, grazas ás axudas a Laboratorios e Incubadoras de Creación e Desenvolvemento de Proxectos Audiovisuais. Contan coa colaboración do BALTIC ANALOG LAB (BAL) de RIGA. 

Na súa aposta polo descubrimento de creacións auténticas feitas para gozar cos cinco sentidos, Cervezas Alhambra volve colaborar co festival que forma parte de Momentos Alhambra. Un ano máis, durante a sección “Desbordamientos” poderán maridarse as súas variedades coas mellores propostas artísticas e culturais. A marca presta así o seu apoio ao (S8) no marco do seu compromiso por impulsar a cultura e a promoción de experiencias únicas.

As imaxes de Urbano Lugrís pertencen á Colección de Arte ABANCA e o seu uso foi posible también grazas á colaboración da familia do artista e da Asociación Cultural O Mural. 

PUBLICACIÓNS RECENTES