O (S8) CONCEDE OS SEUS PREMIOS eSe8_LAB: CINCO PREMIOS AO DESENVOLVEMENTO E UN PREMIO Á CREACIÓN

Dec 1, 2023 | Destacados, Novas

Desde a Mostra traballamos ano tras ano en mellorar e incrementar o apoio a aqueles proxectos que apostan por un cine de creación en formato analóxico. Ao premio BAICC(Becas Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica), súmanse este ano cinco premios INPUT ao desenvolvemento, de 600€, que se concederán a cinco dos participantes nas Xornadas INPUT 2023 como un impulso final; e un premio INPUT á creación dotado con 3.000€, para a finalización dun proxecto e a súa posterior estrea na próxima edición do (S8) 2024.

Á conclusión do proceso de INPUT – Espazo de titorización e asesoramento de proxectos cinematográficos en desenvolvemento, no pasado mes de outubro, despois da última titoría online que mantiveron titorxs e titorizadxs, contactouse cxs titorxs desta edición, Albert Alcoz, Cloe Masotta, Giuseppe Spina, Helena Girón, Jessica Sarah Rinland e  María  Cañas, para realizar unha valoración final. Satisfeitas todas as partes do bo nivel dos proxectos participantes así como dos avances no proceso, acordouse estender o noso apoio aos proxectos de Nicole Remy, Beatriz Freire, Louise Martin  Papasian  e  Celeste  Rojas Mugica, Carmen Pedrero, Álvaro Gómez Pidal e Pablo Agma.

O proxecto de Nicole Remy, “CON CIERTA LUZ”, titorizado por Albert Alcoz, recibirá o premio á creación INPUT 2023, de 3.000€. E o resultado será estreado en primicia na próxima edición do (S8) 2024. Todos os demais, serán beneficiarios de senllos premios INPUT ao desenvolvemento, de 600€, para continuar traballando nos seus proxectos.

Todos eles, xunto a BAICC, suman un total de 7 premios eSe8_LAB concedidos durante este ano 2023. Un ano récord no apoio de proxectos cinematográficos de creación artística e independente.

eSe8_LAB é un proxecto da Asociación Cultural sen ánimo de lucro eSe8, que se desenvolve no marco do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, grazas á co-financiación da Unión Europea – NextGenerationEU como parte do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia a través do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales ICAA.

PUBLICACIÓNS RECENTES