O (S8) IMPARTE OS TALLERES “CRIATURAS DA LUZ” POR CENTROS DE ENSINO ARTÍSTICO DE PORTUGAL

Dec 1, 2023 | Destacados, Novas

School Trip é o nombre do espazo de didáctica e formación que dedica o festival portugués Porto Post Doc e para o que os directores do (S8), Ana Domínguez e Ángel Rueda deseñaron e impartiron o Taller de Cinema Experimental “Criaturas da Luz”. Este taller levouse a cabo do 21 ao 23 de novembro, en varios centros de ensino secundario de Oporto e a súa área metropolitana que inclúen a formación artística: Escola da Ponte en Santo Tirso, Escola Artística Soares dos Reis e a Escola Artística e Professional Árvore.

Máis de 60 estudantes, que pertencen a unha nova xeración de artistas que non tivo contacto coa materialidade do cinema, puideron experimentar de maneira práctica a esencia da creación cinematográfica e os seus principais elementos: luz, sombra e movemento.

Un taller que buscou, en primeiro lugar, prescindir das dependencias tecnolóxicas nas que se converteu o cine, para achegar xs participantes aos procesos creativos, orgánicos e sensitivos: ao cine das ideas, do misterio do feixe de luz e do feitizo táctil, da man de Germaine Dulac, Nathaniel Dorsky, Paolo Gioli,  Ute  Aurand, Cécile Fontaine e Matthias Müller.

Os filmes destxs cineastas mostráronse en dous programas no seu formato natural de 16mm: un que se proxectou ao inicio, centrado nos tres elementos primixenios do cine; e un segundo, proxectado ao peche do taller, que amosa a mirada autoral e a creación de novas linguaxes cinematográficas.

Ademais de explorar o cine en película, e promover o contacto co dispositivo primordial do cine, familiarizándonos con conceptos como a persistencia retiniana ou as propiedades dos elementos básicos, os talleres incluíron actividades como a construción dunha cámara oscura, o rexistro fotográfico de fotogramas impresos en película ou o manexo de cámaras analóxicas. Talleres moi participativos nos que xs propixs alumnxs experimentaron con libertade, transformando o feixe de luz, xogando e intervíndoo para xerar sensacións a través das súas propiedades plásticas. Unha auténtica inmersión nas profundidades do cine da que saíron transformados e convertidos en verdadeiras “criaturas da luz”.

FILMES 

Programa 1 

-Thèmes Et Variations (Germaine Dulac, 1928) 16mm

-Calyx (Nathaniel Dorsky, 2018) 16mm

-Filmarilyn (Paolo Gioli, 1992) 16mm

Programa 2

-Four Diamonds (Ute Aurand, 2016) 16mm

-Japon Series (Cécile Fontaine, 1991) 16mm

-Home Stories (Matthias Müller, 1991) 16mm

PUBLICACIÓNS RECENTES