
Desde o presente xoves 4 ata o luns 29 de abril estará aberta a Convocatoria de INPUT 2024 – Espazo de titorización personalizado de proxectos cinematográficos en desenvolvemento.
INPUT é unha das principais liñas de traballo de eSe8_LAB, o noso espazo de impulso, apoio, investigación e desenvolvemento de proxectos cinematográficos, mediante o que os e as autoras teñen acceso a profesionais de prestixio internacional do ámbito do cinema e da arte, con quen poder discutir acerca dos seus proxectos, desde o estado de escritura e desenvolvemento ata o de distribución. Trátase de titorías individuais e personalizadas, onde os e as autoras comparten os seus procesos creativos que son analizados polas súas mentoras/es para buscar novas vías ou impulsar as xa existentes.



A presente edición de INPUT 2024 poderá acoller 4 proxectos e 4 profesionais de prestixio internacional para asesoralos. A finalidade deste programa é apoiar proxectos cinematográficos de calidade, dando a oportunidade ás súas autoras de repensar o seu proceso creativo, mellorar a obra, localizar fontes de financiamento e lograr a distribución máis apropiada das pezas.
INPUT conta coa participación de LAV – Laboratorio Audiovisual de Creación e Prácticas Contemporáneas, e o apoio da Fundación Luis Seoane.
