ABRE UNHA NOVA CONVOCATORIA DE INPUT, QUE CUMPRE DEZ ANOS APOIANDO O DESENVOLVEMENTO DO CINEMA MÁIS VANGARDISTA E ARRISCADO DO PAÍS

Abr 7, 2026 | Destacados, Novas

O programa escollerá catro proxectos con vocación artística que recibirán unha titorización especializada durante o (S8) 2026 optando ás bolsas ELIXIR en lembranza de Amy Halpern.

As titorías de INPUT teñen lugar durante o festival (S8), na Coruña. FOTO: A. Morandeira

Apoiar e impulsar proxectos cinematográficos de calidade, cunha mirada singular e unha clara aproximación artística. Ese é o obxectivo de INPUT, o espazo de titorización e asesoría de proxectos cinematográficos do eSe8_Lab que este ano cumpre a súa décima edición e acaba de abrir o seu prazo de presentación.

Dos proxectos candidatos, escolleranse catro que recibirán unha mentorización personalizada na XVII edición da Mostra Internacional de Cinema Periférico, a cargo de profesionais de prestixio internacional que serán anunciados nas próximas semanas. Durante dous días —o xoves 4 e venres 5 de xuño— as catro persoas convidadas reciben asesoramento en torno ao proceso creativo e como mellorar a súa obra, localizar fontes de financiamento e ata deseñar a distribución máis apropiada das súas pezas. Esa axuda prolóngase durante varios meses con titorizacións online ofrecendo un seguimento ao proxecto.

Consolidado como o programa de desenvolvemento de proxectos máis arriscado e orixinal da cinematografía estatal, INPUT conta co apoio de​ Acción Cultural Española – AC/E e a Fundación Luis Seoane. Dende o 2025, ademais, inclúe as bolsas ELIXIR en lembranza de Amy Halpern, e que supoñen un apoio directo de 700€ ao que poden optar os proxectos seleccionados. Esta axuda entregouse por vez primeira o ano pasado a iniciativa da familia da artista estadounidense a quen se lle dedicou un foco no (S8) uns meses antes do seu falecemento.

Cuando toco un animal, de Ángel Filgueira (2023) e Crías de Xiana do Teixeiro (2026)

DEZ ANOS DE INPUT

Con INPUT, a aposta do (S8) é clara: cultivar e arroupar un cinema nas marxes cunha difícil acollida nos circuítos convencionais pola súa orixinalidade e radicalidade, pero que aquí atopa o ecosistema adecuado para asentar as súas bases e materializarse en películas. É o caso de Cuando toco un animal, de Ángel Filgueira (2023), que pasou polo INPUT de 2020 e foi estreada no D’A – Festival de Cine de Barcelona. Tamén Crías de Xiana do Teixeiro (2026) recibiu unha titorización, no seu caso en 2019, presentándose este ano en sección oficial dentro do Festival de Málaga.

Ademais de ser seleccionadas en festivais internacionais, as películas que pasan por INPUT é habitual que sigan unha traxectoria de crecemento e consolidación, recibindo axudas de organismos oficiais como o ICAA e AGADIC, ou de creación contemporánea, como o IVAM de Valencia. E por suposto, en moitos casos regresan ao (S8) para ser proxectadas dentro da sección Sinais de películas contemporáneas ou nas film performances de Desbordamientos.

Este 2026 son varios os autores e autoras que pasaron por INPUT e que teñen pezas seleccionadas na XVII edición do (S8), como Orisel Castro,Nicole Remy, Luís Lechosa, Raffaella Rosset, Beatriz Freire ou Pablo Agma. Tamén se estreará a película Urgencia de mediodía, de Daniela Delgado Viteri

Diferentes momentos de INPUT. FOTOS: A. Morandeira e María Messeguer

ATA O 27 DE ABRIL

O prazo para presentar propostas á X edición de INPUT remata o próximo 27 de abril. As persoas candidatas deben ser maiores de 18 anos e ter unha obra cinematográfica en desenvolvemento.

Os seleccionados recibirán aloxamento e unha axuda de manutención durante os días da titoría na Coruña e o traslado ata a cidade dende territorio español. Para defender o seu proxecto deberán de enviar un dosier en castelán e inglés que non supere as 5 páxinas en cada idioma (10 en total) cos seguintes detalles:

  • Sinopse (máx. 1 páxina).
  • Teaser, se o hai (máx. 3 minutos de duración).
  • 2 fotogramas do proxecto ou imaxes que o representen.
  • Bio da persoa solicitante con enlace á súa web (máx. 1 páxina).
  • 1 fotografía da persoa solicitante.
  • Email e teléfono de contacto.

Podes consultar aquí as BASES e acceder ao fomulario.

INPUT é unha actividade organizada polo eSe8_Lab. As titorias presenciais teñen lugar durante a Mostra de Cinema Periférico que celebra a súa XVII edición na Coruña entre o 2 e 7 de xuño, co patrocinio da Concellería de Cultura e Turismo do Concello da Coruña e o apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), a Deputación da Coruña, o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), Acción Cultural Española (AC/E) e a Fundación Luis Seoane.

PUBLICACIÓNS RECENTES