Mércores 30 de setembro. A realidade no artificio: Erina, Castro, Cinquemani, Sheu y Nishikawa

Set 30, 2020 | Artigos

O mércores desdobrámonos entre a programación en liña e o encontro na sala de cine. Na rede, o Especial Sinais en Curto vén hoxe por partida dobre: por unha banda Area Erina e por outra as xemelgas Lara e Noa Castro. A terceira Flor do día ocúpase de diversas naturezas mortas. E, finalmente, o Camera obscura de hoxe céntrase no traballo do xaponés Tomonari Nishikawa. Namentres, na nosa programación presencial, atopámonos na sala do CGAI para ver xuntos o Camera Obscura de hoxe e recuperar o do luns dedicado a Amy Halpern.

Collage, parte del trabajo plástico de Area Erina

Arrancamos coa artista galega Area Erina, cuxo traballo se centra na reciclaxe de materias de naturezas diversas. Nos seus traballos recentes no eido das artes plásticas conflúen diapositivas, negativos, pintura, obxectos e materiais varios. E no ámbito audiovisual, imaxes atopadas de distintas procedencias, en collages que combinan a experimentación visual coa busca de implicacións reivindicativas.

A vella e o deserto, Lara y Noa Castro

Seguimos con Lara e Noa Castro, irmás ferrolás que tiveron un temperán e frutífero encontro co audiovisual. Poderemos ver a peza O ollo cobizoso (2017), que fixeron con apenas 18 anos, e o seu último traballo A vella e o deserto, ambos os dous filmados en vertical. Entre eles, unha evolución creativa que as levou dende a espontaneidade dun rexistro artellado mediante a intelixente montaxe de imaxe e son, na súa primeira peza, ata unha obra onde se impoñen, sempre dende a mesma espontaneidade, o simbolismo e a posta en escena.

Wasteland No.2 Hardy Hearty, Jodie Mack

A flor do día #3 titúlase Natureza morta, e reúne tres películas (presentadas dende o Mirador de San Pedro) que dalgún xeito se relacionan con este xénero pictórico no que, decotío, vemos vexetais, foitas, flores ou animais mortos dispostos nunha composición orquestrada. A película de Shiloh Cinquemani, Narcissi, axústase á simplicidade dun vaso con flores sobre unha mesa, aportando dinamismo á composición estática a través de achegamentos e afastamentos da cámara e de cambios na luz para culminar nunha vibrante pílula cinematográfica. Erica Sheu traballa en Transcript a partir da impresión de luz dunha natureza morta floral: o cianotipo, neste caso cargado de significación sentimental. Trátase de trazos sensibles sobre un papel que a autora pon en paralelo cunha serie de cartas de amor do seu pai, nunha película cuxa delicadeza e minimalismo en azul remiten tamén, dalgún xeito, á concentración estética e significativa dunha pintora. Os bodegóns do filme de Jodie Mack son ramos, follas e pétalos de flores conxelados que se van desfacendo en time lapse e mutando nas súas formas. Coma a meirande parte do traballo de Mack, os refugallos da sociedade de consumo, os materiais máis vulgares, sométense a unha ollada que os torna, por unha banda, en obxectos artísticos, e que nos invita, por outra, a reflexionar sobre os nosos modos de vida.

Pódese pensar o traballo de Tomonari Nishikawa, obxecto desta Camera obscura, tamén dende a perspectiva deunha natureza morta, dun conxunto de frescos de lugares desnaturalizados e situados fóra do seu contexto mediante o uso do dispositivo cinematográfico. Son lugares que Nishikawa debulla fotograma a fotograma con diferentes estratexias, en películas que serven como punto de partida a unha reflexión arredor das posibilidades da mecánica e a óptica da cámara. Veremos as súas películas Market Street, 16-18-4, Shibuya – Tokyo e Amusement Ride, que nos levan de San Francisco a Xapón nunha viaxe pola que nos guiará a entrevista na que puidemos conectar a súa oficina na Universidade de Binghamton (Nova York) coa Coruña.

PUBLICACIÓNS RECENTES