Morada Aberta é unha obra que conxuga formatos (vídeo dixital, cinema analóxico, imaxes de arquivo, intervencións en directo e un xogo de pantallas) para rearmar fronte aos nosos ollos a memoria fragmentada do saber ancestral das curandeiras, subestimado e silenciado pola historia. Nesta entrevista descubrimos as ideas e o proceso que hai detrás desta performance da man da súa creadora, a portuguesa Tânia Dinis.

Como empeza o teu interese polas curandeiras e por todo ese saber ancestral?
O meu interese xorde en gran medida da miña propia experiencia e das lembranzas da miña familia. Crecín en Seide (São Miguel), no Baixo Minho, onde era moi habitual acudir ás curandeiras como parte dun proceso de coidado e de relación co corpo, a doenza e a natureza. Meu avó é un gran coñecedor das plantas medicinais, e estas historias de meigas, de curación e de transmisión oral sempre formaron parte do meu imaxinario familiar. Eu mesma teño acudido moitas veces ás curandeiras e sigo a facelo.
A partir de aí, empecei a ver estes xestos non só como rituais populares, senón como formas de coñecemento invisibilizadas, ligadas ao traballo, á terra, á escoita e á experiencia colectiva. Interésame pensar na curación non só como un rito, senón tamén como un xesto de relación e de memoria.
Como foi o proceso de investigación? Que lugares percorriches, como foi o traballo coas mulleres que retratas?
O proceso partiu das miñas lembranzas persoais e foise ampliando a outras zonas do norte de Portugal, sobre todo ao Alto e ao Baixo Minho, a Galicia e á costa atlántica. A investigación levouse a cabo a través da convivencia e da escoita: acompañando o día a día destas mulleres, observando os seus xestos, os seus ritmos de traballo, as súas relacións coa terra, co mar e cos ciclos naturais.
O meu traballo sempre xorde moi vencellado ao arquivo, á recompilación de imaxes, obxectos, gravacións e historias. Neste caso, o arquivo tamén se construíu a través das conversas, os testemuños e o intercambio íntimo. Hai unha dimensión documental, mais tamén ficcional e poética. Non busco representar estas mulleres de xeito linear; interésame máis ben crear espazos de memoria, de presenza e de imaxinación a partir do que recollo.
Tes unha montaxe escénica moi interesante e ambiciosa. Pódesnos falar sobre o proceso de lle dar forma á performance? De onde vén a idea das pantallas múltiples e que representa? Tamén da mestura de formatos, que está moi presente noutros traballos teus.
O dispositivo escénico xorde en gran medida da idea da posta en escena como ritual. Considérome unha mediadora da imaxe e do son. Traballo as imaxes como materia viva: recórtoas, reorganízoas, proxéctoas sobre materiais transparentes, sobre o meu corpo, sobre outras imaxes. As múltiples capas visuais funcionan como capas de memoria, de percepción e de tempo.
Interésame que o público poida construír as súas propias imaxes a partir da fragmentación, da superposición e mesmo da ruptura desas imaxes. Hai un intento de desfacer unha lectura única e abrir espazo para unha experiencia máis sensorial e íntima.
As múltiples pantallas xorden dese desexo de crear diferentes planos de presenza e de facer dialogar imaxes materiais e proxectadas, pasado e presente, arquivo e corpo. A mestura de formatos tamén forma parte da miña práctica: cruzo vídeo dixital e analóxico, proxección, fotografía, son gravado en magnetófonos, materiais transparentes, cinema expandido e composición de imaxe en tempo real. Gusto desa tensión entre o documental e o ficcional, entre o que parece desaparecer e o que aínda permanece.
Que representa a inclusión do teu propio corpo en escena?
O meu corpo aparece como unha capa máis da imaxe e a memoria. Non está aí só como presenza performativa, senón como un corpo que activa o arquivo e crea relacións entre os diferentes materiais.
Interésame pensar no corpo como un lugar de transmisión: un corpo que escoita, que compón, que convoca pantasmas, lembranzas e ausencias. A miúdo, o xesto tórnase tan importante coma a propia imaxe. Ao pór o meu corpo en escena, tamén asumo unha posición persoal dentro da obra: non estou a observar esas historias dende fóra, formo parte delas. Existe un vencello íntimo e biográfico cos temas que traballo, e o corpo acaba funcionando como ponte entre o presente e aquilo que fica na memoria colectiva e familiar.





