PAOLA GUZMÁN FIGUEROA. OS FÍOS VISIBLES E INVISIBLES

Xuñ 5, 2026 | Destacados, Entrevistas

A artista colombiana residente en Helsinqui Paola Guzmán Figueroa fálanos da súa performance Trazos generacionales, na cal tece un relato íntimo cruzado polas liñas migratorias e os lazos familiares entre mulleres.

Na túa performance chama moito a atención o simbolismo de elementos como a auga. Pódesnos falar disto?

Eu son de Bogotá, unha cidade situada a aproximadamente 2600 metros sobre o nivel do mar, rodeada de montañas, onde os corpos de auga non forman parte da paisaxe cotiá. O río máis próximo leva moitos anos contaminado, así que durante a miña infancia tiven moi pouco acceso a el. Para moitas persoas en Bogotá, o mar é algo distante, case descoñecido.

O meu primeiro achegamento ao mar foi en 1993, cando a miña familia e mais eu migramos a Venezuela, á illa Margarita. Foi un intento de migración que non resultou como esperabamos e retornamos a Colombia tres meses despois por mor da situación política do momento.

Anos despois, cando migrei a Helsinqui aos 21 anos, foi a primeira vez que vivía fóra da casa e tamén a primeira vez que habitaba tan preto do mar, á beira dun porto. Curiosamente, o meu irmán tamén migrara a Vigo, en España, unha cidade portuaria moi ligada ao océano, mentres que a miña irmá vivía en Maputo (Mozambique). Os tres irmáns, separados por xeografías moi distintas mais unidos pola auga.

Por iso, no meu traballo a auga non aparece só como un elemento visual ou poético, senón como unha memoria viva. Acompañou as nosas migracións familiares dende o inicio e, co tempo, converteuse nun símbolo de conexión, distancia, desprazamento e pertenza. Dalgún xeito, aquilo que noutro tempo foi descoñecido terminou uníndoos.

É moi fermosa a imaxe das catro xeracións de mulleres a trenzaren o cabelo. Pódesnos falar da importancia dese xesto e do teu traballo co pelo na tira de celuloide?

O feito de migrar a un país tan afastado e distinto de Colombia foi unha parte central desta exploración. A distancia levoume a mirar as miñas orixes e os vencellos familiares dun xeito moito máis consciente. Tamén hai unha reflexión importante sobre a familia e o xénero. Na miña familia sempre predominaron as mulleres, así que a miña obra tamén busca exaltar o rol da miña avoa, que agora é bisavoa, e, ao mesmo tempo, recoñecer esa presenza matriarcal e a importancia das mulleres dentro da nosa estrutura familiar e tamén na sociedade.

Esta performance e a acción de trenzarmos o cabelo xurdiron como un acto de celebración: o nacemento da cuarta xeración de mulleres na miña familia e, á vez, o reencontro familiar logo de moitos anos de separación. A miña nanita, a miña avoa, como primeira xeración; a miña nai, como segunda; a miña irmá e mais eu, como terceira; e Catalina, como cuarta xeración. E é moi bonito pensalo agora que estou neste festival: Catalina naceu en Galicia, en Vigo.

Para min era importante que existise un xesto compartido entre nós, unha acción feita coas nosas propias mans, onde puidésemos construír algo xuntas e deixar unha pegada física e simbólica entre os nosos corpos.

Verbo do cabelo, como che comentaba, cheguei a Finlandia aos 21 anos e, vivindo por vez primeira lonxe da casa, tiven o impulso de o cortar dunha forma radical. Foi case un xesto de transformación, moi semellante ao cambio que estaba a atravesar na miña vida ao mudarme a un país tan distinto. Gardei ese cabelo sen saber moi ben por que. Tempo despois decidín sacalo e comezar a experimentar con el como material artístico.

Malia o cabelo non ser un obxecto vivo, o seu crecemento e persistencia convérteno, para min, nun portador de memoria, situado entre o biolóxico, o ritual e o simbólico. Co tempo decateime de que o meu cabelo compartía unha linguaxe moi próxima á do celuloide: ambos son liñas de tempo, superficies que gardan pegadas, historias, presenzas e a memoria dun momento vivido.

Sobre a presentación da performance, a acumulación das capas da imaxe parece evocar tamén as capas de cariño e coñecemento que se acumula a través das xeracións. Podes contarnos como xorde a idea do traballo multiproxector e como é o teu proceso nese sentido?

O uso dos tres proxectores xorde como unha forma de expandir esta historia e a súa dimensión emocional. Para min, é case coma se os tres proxectores formasen un só corpo expandido. O proxector central contén o corazón da peza: as imaxes máis ligadas a esta historia familiar, que non seguen necesariamente unha orde linear ou narrativa tradicional, senón que funcionan máis dende a memoria, que aparece de xeito fragmentado, intuitivo e emocional.

Os dous proxectores laterais, que funcionan en loop, para min son case coma dúas mans que sosteñen esa imaxe central, a acompañan e dialogan con ela. As súas capas visuais expanden os significados e permiten que as imaxes se atopen entre si de maneiras inesperadas.

Interésame moito como, a través da superposición, aparecen novas lecturas e emocións que quizais unha soa imaxe non podería conter. É case coma se esas capas funcionasen como unha pel ou unha memoria compartida, onde sentimentos, lembranzas e conexións entre xeracións comezan a saír á superficie dunha forma máis intuitiva que racional.

Por último, é moi interesante a imaxe da muller que suxeita unha tira de película que parece saír da cámara/proxector, como unha especie de ligazón entre a realidade e a imaxe filmada. Pódesnos falar disto?

Si, cando filmei esas imaxes por vez primeira foi durante unha residencia en Finlandia. Estaba soa e sentín unha necesidade moi forte de que o meu propio corpo tamén estivese presente dentro da imaxe, mais sen abandonar a cámara, coma se dalgún xeito seguise atada a ela. Esa conexión era tan forte que tamén a levei comigo ao lago máis próximo e filmei mentres eu mesma entraba na auga.

Esa imaxe simboliza xustamente esa unión entre o meu corpo, a imaxe creada e a memoria que queda plasmada no material. Hai algo nesa conexión física que me interesa moito, porque fai visible ese vencello entre quen lembra, quen filma e a imaxe mesma. É case coma un cordón, unha ponte entre a experiencia vivida e o seu rexistro.

Tamén sinto que funciona como unha especie de arraigamento á memoria, a aquilo que estou tentando contar ou evocar a través da peza. Aínda que poida parecer un xesto narrativo, para min termina movéndose cara a un lugar moito máis abstracto.

PUBLICACIÓNS RECENTES