Nesta edición dedicamos un espazo ao traballo da Kinothek Asta Nielsen, de Frankfurt, unha institución que dende 1999 se dedica a preservar e difundir o traballo fílmico de mulleres e persoas queer. Aínda que as obras que nos traen se moven polo cinema experimental dos anos 80 e 90 en Alemaña, as súas fundadoras, Karola Gramann e Heide Schlüpmann, decidiron nomear esta institución en honor dunha actriz de cinema mudo danesa (en cuxo traballo Schlüpmann é especialista): Asta Nielsen. Ofrecemos aquí un perfil desta esencial figura.

Na foto que acompaña estas liñas, Asta Nielsen aparece caracterizada como Hamlet nun dos seus máis famosos papeis para o cinema, no filme Hamlet: The Drama of Vengeance, de 1921. Unha curiosa estampa que desafía os roles de xénero e que fala da clase de persoa con que nos atopamos: Nielsen foi unha das primeiras superestrelas do cinema, e foi unha estrela sui géneris pola súa maneira de estar e de vivir, polas súas interpretacións de mulleres complexas e pola súa figura andróxina. Malia que esquecida durante moito tempo, é hoxe en día unha icona do feminismo, reivindicada tamén pola comunidade queer.
Asta Nielsen naceu en Dinamarca en 1881, filla dun ferreiro e dunha lavandeira. Con estas humildes orixes, Nielsen comeza a estudar teatro aos 18 anos. Mesmo a pesar de ser nai solteira en 1901, Nielsen termina os estudos e durante esa primeira década do século XX estivo de xira por Noruega e Suecia coas compañías De Otte e Peter Fjelstrup. En 1910 protagoniza o seu primeiro (e escandaloso) filme, Afgrunden (O abismo), dirixido polo seu daquela marido (casaría tres veces) Urban Gad en 1910, que a catapultou á fama en Europa e en América. Nel interpretaba unha profesora de música consumida pola paixón, papel que sentou as bases do arquetipo da femme fatale ou vampiresa, nun filme de alto contido erótico para a época. Pouco despois Nielsen asina un contrato cunha produtora en Alemaña, que é onde desenvolvería xa toda a súa carreira. En Alemaña fundou unha produtora xunto ao alemán Paul Davidson e a Urban Gad, a Film-Vertriebs-Gesellschaft, que posuía todos os dereitos europeos dos seus filmes. Cun contrato daquela millonario, Nielsen convértese na primeira estrela de cinema internacional e movería multitudes. En Alemaña alcumárona «Die Asta», marcando así a súa sona e o seu carácter inimitable. En 1921, Nielsen, a través da súa propia distribuidora cinematográfica, Asta Films, protagonizou o Hamlet antes citado, baseado nunha interpretación radical da obra de Shakespeare en que se aventura que Hamlet era en realidade unha muller travestida de home.
Nielsen é coñecida polo seu estilo interpretativo sobrio, que a afastaba das xesticulacións das estrelas mudas, pola súa profunda mirada e polo seu corpo andróxino. Capaz de expresar a máis fonda dor e a máis exaltada paixón, Nielsen interpretou papeis de mulleres independentes, complexas e donas do seu propio destino. Asta Nielsen actuou no papel de mociña, de muller de idade avanzada, de prostituta e de proletaria, de sufraxista, de muller e de home, de xitana e de esquimó, amosando sempre a mesma naturalidade ante a cámara. Fíxose famosa sobre todo polos seus filmes sobre o grande amor desgraciado, nos cales encarnou a muller que sofre, que morre ou que mata por falta de amor correspondido, como é o caso de Die arme Jenny (A pobre Jenny, 1912).
Logo de interpretar máis de setenta filmes, coa chegada do sonoro (e tamén a da súa madurez) a actriz abandona o cinema en favor do teatro. Tras o ascenso do nazismo, Joseph Goebbels ofreceulle o seu propio estudio. Nielsen contou máis tarde que foi convidada a tomar o té con Adolf Hitler, quen tentou convencela de que volvese ao cinema e lle explicou o poder político da súa presenza na pantalla. Consciente das implicacións, Nielsen declinou a oferta e abandonou Alemaña en 1936. Retornou a Dinamarca, onde escribiu artigos sobre arte e política e unha autobiografía en dous volumes.
Nos seus últimos anos, Nielsen dedicouse á colaxe e á escritura. Finou en 1972, aos 90 anos, por un accidente do cal non puido recuperarse. Foi soterrada nunha foxa común segundo o seu último desexo. Nunca vería o renacer do interese pola súa obra, que vén desenvolvéndose da man de investigadoras e programadoras dende os anos 90. E nunca vería, xaora, que hoxe en día unha cinemateca leva o seu nome en Frankfurt.





