Reunión, de Ilan Serruya. Unha colección de silencios

Xuñ 3, 2019 | Artigos


En 2018 Reunión, de Ilan Serruya, foi un dos proxectos seleccionados para formar parte do noso programa de tutorización e asesoría INPUT. Un filme construído a partir dunha minuciosa búsqueda formal para abordar o persoal no cinema, que tivo a súa estrea no DocLisboa en 2018 e que, nunha operación de ida e volta, teremos a ocasión de desfrutar nesta edición da Mostra.
Por que a Illa da Reunión? Foi unha casualidade ou unha decisión intencionada?
No 2015 comecei a traballar en pequenos filmes feitos co meu propio arquivo caseiro, e neles abordaba distintos asuntos familiares resignificando e manipulando as súas imaxes. Esta aproximación ao persoal mediante o audiovisual tivo un forte impacto no meu xeito de entender e procesar a miña propia historia. No medio deste proceso autobiográfico, meu pai mudouse á Illa da Reunión. Levabamos prácticamente toda a vida sen ter relación. O nome do lugar levoume a entender a illa como unha invitación para reunirme con el, e foi un dos motivos que orixinaron esta reunión postergada.
Como foi o proceso de recompilar o material? Filmaches ao longo de moito tempo? Foi difícil poder filmar a teu pai?
Estiven un mes na illa, e realmente non tiña nin idea do que estaba a facer. Non sabía se ía ser unha longametraxe, unha curta, ou nada. Gravei obsesivamente todo o encontro e cada recuncho da illa ao que puiden ter acceso. A cámara estaba sempre presente: mentres estabamos a xantar, cando viaxabamos ou falabamos… Cando estaba eu só, gravábame a min mesmo.
Tempo despois decateime de que eu levara a cámara para que fose unha especie de mediación entre nós e alixeirase a tensión do encontro. Considero que non fun filmalo a el, senón que ambos os dous estabamos fronte á cámara –o verdedairo suxeito do filme é a nosa reunión. Neste sentido, o dispositivo foi fundamental para o desenvolvemento do encontro.
Mudou moito a idea do filme desde o primeiro momento da súa concepción? Por exemplo, na montaxe. Estaba presente a paisaxe tamén desde o primeiro momento?
Despois de filmar estiven máis de dous anos tentando darlle forma ao proxecto. Desde o principio tiven a intención de que a paisaxe contemplativa manifestase o contido dos nosos silencios. E precisamente o silencio rematou por se converter no eixo primordial do filme: decidín montalo (case) exclusivamente cos momentos nos que estamos en silencio. Non quixen recrearme nas nosas conversas sobre o pasado, senón que preferín centrarme nun presente no que a comunicación estaba rota despois de anos de ausencia e descoñecemento.
Deste xeito, a paisaxe da Illa Reunión comezou a gañar máis e máis protagonismo; é a responsable de outorgar o tempo e o espazo a cada un para que poida facerse dono da súa historia e interprete á súa maneira o que alí estaba a ocorrer.
Martes, 4 de xuño às 18:30 horas, no CGAI.

PUBLICACIÓNS RECENTES