María Palacios Cruz. Extraendo as perlas da colección LUX

Xuñ 5, 2019 | Entrevistas


LUX é unha organización vital para o cinema experimental, non só no Reino Unido, senón tamén en Europa. A súa orixe é a coñecida London Film-makers Co op, que foi o punto de partida dunha das esceas de vangarda máis ricas e activas da historia, un núcleo efervescente de pioneiros e artistas sen comparación que hoxe seguen en circulación a seguen a inspirar cousas novas. Hoxe, LUX conta cunha das coleccións máis vastas de cinema experimental de Europa, e é unha fonte fundamental no eido da súa proxección e difusión. Este ano convidamos a María Palacios Cruz, delegada de LUX, para presentar no (S8) unha selección de traballos de LUX: unha particular mirada a unha vasta colección, dunha riqueza que queda reflectida nas palabras de Palacios: «A colección é tan grande que é inabarcábel. Non hai ninguén dos que traballamos en LUX que coñeza todos os filmes que temos. Benjamin Cook, que é o director, leva en LUX desde o 1997, en snin sequera el coñece todo o que temos». Neste sentido, en relación cos autores estrela de LUX, os pineiros da Co op, Palacios conta: «Hai que facer un esforzo para rascar máis alá, para evitar ir contando sempre a mesma historia. […] No fondo decátaste de que hai como un 10% da colección que son os filmes que están sempre en circulación».
Cóntanos tamén como traballar en LUX fixo evolucionar a súa perspectiva e abriu os horizontes a unha nova faceta do catálogo: «Para min, desde que comecei a traballar en LUX, o que realmente cambiou foi descubrir o traballo das mulleres da London Film-makers Co op, sobre todo nos anos 80 e 90, que eu non coñecía en absoluto. Coñecía o traballo de Lis Rhodes, o de Annabel Nicolson, as mulleres que formaron parte de Shoot, Shoot, Shoot!, pero non coñecía a Alia Syed, Ann Rees-Mogg, Sandra Lahire, Jayne Parker… vexo que estar en LUX e coñecer mellor a colección tamén fixo cambiar o que eu mesma programo».
No momento de deseñar un programa para o (S8), todo isto que Palacios conta tivo un peso e unha influencia: «Quería evitar propoñer un programa como de “grandes éxitos”, que é o que querería un distribuidor. […] Para min era importante tentar atopar un ángulo. Eu nunca programo de maneira temática: traballo moi de preto cos artistas, case todos os meus programas parten dun filme ou dunha persoa, entón comezo a construír desde aí. Mentres pensaba como responder ao voso convite, que era un convite moi xeneroso, pensei no filme de Ann Rees-Mogg, do que tomei o título, esa idea de que “nada é algo”, de poñer o foco en xestos pequenos, e non só iso, senón tamén pensando en filmes menos vistos, que poidan parecer quizáis máis fráxiles aínda».
Ademáis da feliz coincidencia de que, por pura intuición, a selección contase con dez filmes (para festexar os dez anos da Mmostra), Palacios Cruz conta cómo máis alá destes descubrimentos da colección, quixo incorporar voces máis novas e actuais do catálogo, equilibrando a selección con cinco filmes «históricos» e cinco máis recentes, e estabelecendo unha conexión entre eles. Perlas que brillan cunha sinxela complexidade, e das que poderemos gozar este sábado.

PUBLICACIÓNS RECENTES