PROPIEDADES DE UNA ESFERA PARALELA, proxecto seleccionado BAICC 2020

Set 23, 2019 | Artígos, Novas

Valentina Alvarado é a autora de PROPIEDADES DE UNA ESFERA PARALELA, proxecto finalista de BAICC 2019. A comisión de valoración integrada por un representante de cada unha das tres entidades responsables da convocatoria, Liaison of Independent Filmmakers of Toronto-LIFT, (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña e AC/E-Acción Cultural Española, decidiu que esta proposta fose a seleccionada para ser desenvolvida durante catro semanas en Toronto nesta terceira edición de BAICC – Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica 2019.

A peza a desenvolver durante a residencia consiste nunha filmación en 16mm onde se trazan reconstrucións de paisaxes -ou ideas de novos lugares- a partir de filmacións tipo postal da contorna próxima (neste caso en Toronto) onde a través dun cristal que se disporá fronte á lente e diante da paisaxe ocorren intervencións plásticas, tropicalizando a contorna invernal canadense. A peza xoga coa idea de construír outros novos posibles paisaxes desde unha distancia climática, xeográfica, emocional. O filme estará acompañado dunha peza sonora feita con gravacións de campo en Canadá e en Venezuela e está concibida para proxectarse en monocanal en 16mm.

O Comité de Valoración considera que PROPIEDADES DE UNA ESFERA PARALELA de Valentina Alvarado é o proxecto máis completo en termos de pensamento formal e conexión persoal; un proxecto con alma, luminoso, cunha gran resonancia visual e emocional. Destaca especialmente a súa proposta de intervir visualmente a paisaxe nevada de Toronto e a adecuación aos tempos e ao espazo que ofrece a residencia.

PROPIEDADES DE UNA ESFERA PARALELA será estreada mundialmente na undécima edición do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña, que se celebrará do 29 de maio ao 7 de xuño de xuño do 2020.A través dunha práctica artística multidisciplinar Valentina Alvarado Mato (Maracaibo, Venezuela 1986) explora a hibridación das diversas linguaxes plásticas que utiliza -collage, cerámica, fotografía e filme analóxico- para elaborar discursos vinculados á memoria e á identidade despregada en xeografías inacabadas. A súa obra establece un diálogo constante entre o dixital e analóxico onde o poético e o político forman parte importante da súa proposta artística. Licenciada en Deseño Gráfico pola Universidad del Zulia, onde foi profesora na Facultade de Artes Experimentais, múdase no 2014 a Barcelona onde realiza un Master en Creación Artística Contemporánea na UB. Participou en diversas exhibicións colectivas entre Maracaibo, Caracas, Barcelona, Berlín, Miami e Londres. Historial de navegación foi a súa primeira exposición individual (Backroom Caracas, 2014). En 2016 participa na exhibición El pueblo – Searching for Contemporary Latin America no Festival Oberhausen (Alemaña). As súas pezas fílmicas presentáronse en festivais como Antimatter Film Festival, International Film Festival Rotterdam, Festival Punto de Vista, entre outros. No 2017 obtén a bolsa Fundación Guasch Coranty. Actualmente cursa o doutoramento Estudos Avanzados Producións Artísticas na UB. Vive e traballa en Barcelona onde é artista residente en La Escocesa – Fábrica aberta de creación analóxica.

PUBLICACIÓNS RECENTES