O (S8) CELEBROU CON NOTABLE ÉXITO A VOLTA ÁS SALAS DE CINE PROXECTANDO 130 FILMES NA SÚA DUODÉCIMA EDICIÓN

Xuñ 17, 2021 | Novas

  • O festival combinou nesta edición dual contidos propios para difundir a creación cinematográfica en todo o mundo coa recuperación e celebración do cinema como unha experiencia colectiva na sala de cine.
  • Público de máis de 100 países distintos seguiu a Mostra a través da rede, entre eles Estados Unidos, Irlanda, Arxentina, México, Alemaña, Francia, Brasil, Italia, Reino Unido, Chile, Colombia, Perú, Xapón, Portugal ou Canadá, entre outros moitos.
  • A décimo terceira edición do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña celebrarase entre o 27 de maio e o 5 de xuño do próximo ano 2022.

Hai uns días o (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico puxo fin á súa duodécima edición, que se celebrou de novo nun formato dual no que se combinaron contidos propios e exclusivos creados para a difusión a través da rede e se recuperou a presencialidade en sala de cine. Preto de 30.000 persoas foron público da Mostra nestas dúas modalidades, esgotando na súa totalidade todas as entradas para as sesións presenciais na Coruña.

Ademais de poder contar de novo na cidade con convidados internacionais como Tomonari Nishikawa, Giulia Mazzone, Chiara Marañón, Dietmar Schwärzler, Giuseppe Spina, Mariana Hristova, Deborah S. Phillips, Jean-Claude Rousseau ou James Edmonds, o (S8) sumou máis de 75 persoas acreditadas que se achegaron ao festival dende lugares como Oporto, Cáceres, Barcelona, Sevilla, Madrid, Cuenca, Gijón, Bilbao, Burgos ou Valencia.

Aínda que a Mostra continuará nas próximas semanas coa súa actividade utilizando a creación cinematográfica como motor de inclusión social no obradoiro XPRESA, a organización comeza dende hoxe a traballar xa na décimo terceira edición do (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña, que se celebrará entre o 27 de maio e o 5 de xuño do próximo ano 2022 para converterse de novo en epicentro da creación cinematográfica de vangarda.

O acerto do formato dual

Por segundo ano consecutivo, a Mostra celebrouse nun formato dual co que quixo reivindicar o seu espíritu divulgativo chegando a todos os os rincóns da rede con contidos en galego, castelán e inglés. Froito disto desenvolvéronse contidos online como Camera Obscura (con Jodie Mack, David Domingo, Pablo Marín, Juan Sebastián Bollaín ou o especial adicado ao laboratorio PLAT de Val del Omar), Sinais (Helena Girón e Samuel Delgado), Sinais en curto (Alberto Gracia, Sol Mussa, Xacio Baño, Marta Valverde e Eloy Domínguez Serén), Desbordamientos – film performance, a conferencia “Val del Omar. Una aprojimación ou o Observatorio – encontros profesionais que se difundiron a través da web do (S8) e canles como Youtube, Facebook, Instagram e Twitch. Todos eles chegaron a máis de 100 países distintos de todo o mundo, entre os que se atopan Estados Unidos, Irlanda, Arxentina, México, Alemaña, Francia, Brasil, Italia, Reino Unido, Chile, Colombia, Perú, Xapón, Portugal, Canadá, Países Baixos, Austria, China, Finlandia, Suíza, Suecia, Bélxica, Uruguay, Ecuador, Bolivia, Corea do Sur, India, Rusia, República Checa, Cuba, Rumanía, Grecia, Hungría, Noruega, Puerto Rico, Marrocos, República Dominicana, Turquía, Australia, Costa Rica, Croacia, Malaisia… etc.

Xa na cidade da Coruña e intentando aglutinar os nomes máis atractivos do cinema de vangarda contemporáneo, a programación do (S8) reuniu na Coruña a cineastas veteranos con novos talentos, como sucedeu coa cineasta alemá Deborah S. Phillips, o británico James Edmonds, o xaponés Tomonari Nishikawa ou os sevillanos Juan Sebastián Bollaín e Bruno Delgado Ramo. A film performance, un dos buques insignia da Mostra, volveu protagonizar as noites na Fundación Luis Seoane con “A noite berlinesa” a cargo de Phillips e Edmonds, con Las Synergys, con Esperanza Collado e con Helena Girón e Samuel Delgado como protagonistas dos Desbordamientos.

Na súa aposta polo descubrimento de creacións auténticas feitas para gozar cos cinco sentidos, Cervezas Alhambra volveu colaborar un ano máis co festival que forma parte de Momentos Alhambra. Así, a cervexeira converteu este Desbordamientos nunha oportunidade para maridar as súas variedades coas mellores propostas artísticas e culturais. Por segundo ano consecutivo, a marca prestou o seu apoio ao (S8) no marco do seu compromiso por impulsar a cultura e a promoción de experiencias únicas.

Val del Omar como figura central do festival

O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico estreou nesta edición un programa dobre arredor da figura de José Val del Omar, un proxecto de Acción Cultural Española (AC/E) comisariado pola Mostra que conta coa participación do Archivo Val del Omar. O proxecto, que conta co (S8) como motor da internacionalización do noso cine no ámbito internacional, itinerará por importantes institucións e levará a figura do granadino a diversos eventos culturais do mundo durante este 2021 e o próximo 2022.

Ademais de dedicarlle un Camera Obscura e de proxectar o Tríptico Elemental de España en 35mm xunto co programa espello “Val del Omar, o cinema como elemento”, o festival sumou tamén á súa programación a conferencia “Val del Omar. Unha aprojimaciónnunha sesión na que se contou coas valiosas contribucións dunha serie de expertos como Gonzalo Sáenz de Buruaga, Piluca Baquero ou Víctor Berlín.

Punto de encontro profesional e de nacemento de proxectos

O (S8) tamén funcionou nesta edición como punto de encontro profesional a través do seu Observatorio, dividido en dúas sesións. Na primeira, que se levou a cabo en colaboración con Proxecta- Coordinadora galega de festivais de cinema tendo como foco a exhibición de cinema en espazos autoxestionados, participaron Damien Sanville, do Close Up Cinema (Londres); Ed Halter, de Light Industry (Nueva York); Albert Triviño, de Zumzeig Cinecooperativa (Barcelona); e Xan Gómez Viñas, de Numax (Santiago de Compostela). A segunda, en colaboración de CREA – Asociación de profesionais da dirección e a realización de Galicia, contou con Jorge Rivero, da Coordinadora del Cortometraje Español, para dar a coñecer a plataforma Archivo del Cortometraje Español.

A Mostra continuou tamén colaborando coa Fundación Luis Seoane a través do programa de asesoramento de proxectos INPUT, no que tres profesionais destacados do mundo do cinema –Mariana Hristova, crítica de cinema, xornalista cultural e programadora búlgara; Chiara Marañón, directora de Contido en MUBI; e Pablo Useros, director e fundador de Máster LAV, Laboratorio Audiovisual de Creación e Práctica Contemporánea-, asesoraron os proxectos fílmicos en desenvolvemento de Lucía Vilela, Luis Lechosa e Miguel Rodríguez Pérez.

Unha conexión co fomento á creación (con especial fincapé nos formatos analóxicos) é o que prosegue a través do programa de residencias BAICC, que ten ata o próximo 25 de setembro o prazo aberto para a presentación de proxectos á súa quinta convocatoria e no que o (S8) une forzas con Acción Cultural Española e a Liason of Independent Filmmakers of Toronto. 

Apoios

A duodécima edición do (S8) Mostra de Cinema Periférico está organizada pola Asociación eSe8 co apoio de institucións coma o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA). Ademais, a invitación para a participación de Tomonari Nishikawa, Giulia Mazzone, Chiara Marañón, Dietmar Schwärzler, Giuseppe Spina, Mariana Hristova, Deborah S. Phillips e James Edmonds nesta nova edición do (S8) foi posible grazas ao programa de Acción Cultural Española (AC/E) para a internacionalización da Cultura Española (PICE), na súa modalidade de Visitantes, que facilita que as entidades e institucións culturais españolas, conten nas súas actividades e programas coa presenza en España de profesionais e prescritores culturais internacionais, a fin de coñecer de maneira directa e persoal a oferta creativo-cultural española.

PUBLICACIÓNS RECENTES