BAICC – BRUNO DELGADO RAMO. DIARIO DE EXPEDICIÓNS PORTUARIAS

Mai 31, 2022 | Artigos, Destacados

  •  En setembro de 2021, Bruno Delgado Ramo viaxou a Toronto para traballar nas instalacións do LIFT (Liaison of Independent Filmmakers of Toronto) no seu proxecto Frame Manoeuvres to Port, seleccionado para gozar da Residencia Artística Internacional de Creación Cinematográfica que promove o (S8) canda AC/E e o LIFT. Estas son algunhas das súas notas de exploración e recoñecemento da zona portuaria da cidade canadense durante a súa estadía.

A primeira visita ás Port Lands (o porto de Toronto e inmediacións) fíxena a pé. Durante a andaina entendín que, se tiña intención de realizar varias expedicións dese tipo (nas que non ía só a unha localización, senón a varias nunha mesma xornada) e ademais levando os equipos, que sumaban un peso considerable (Bolex H-16, xogo de lentes, matte box, trípode pesado), debía dispoñer de vehículo. Conseguín unha bicicleta de segunda man a través de Kijiji, un portal de anuncios clasificados. A primeira visita a pé ás Port Lands tamén me levou a comprender outro factor importante sobre o desenvolvemento do proxecto: o porto de Toronto estaba en horas baixas, aparentemente en declive. Só localicei a fondear un barco de tipo industrial e a área portuaria estaba ateigada de edificios comerciais e complexos de vivendas de luxo novos ou en construción. A case totalidade das embarcacións eran deportivas. Esta primeira impresión verbo do estado do porto de Toronto terminouse de confirmar cando comecei a monitorizar a actividade e movementos de grandes embarcacións a través do portal marinetraffic.com. Neste web os datos de posición actualizados da maioría das embarcacións, que deben ser públicos, visualízanse sobre un navegador xeográfico. Durante os primeiros días, e en vista desta imprevista inactividade do porto de Toronto, analicei os movementos dos barcos ampliando a miña zona de estudo alén da baía de Toronto. Descubrín dúas zonas de intensa actividade: a baía de Hamilton e a canle de Welland. Hamilton é o porto principal do lago Ontario. Está no extremo máis occidental do lago, a 70 km de Toronto. Á baía os barcos acceden a través da breve canle de Burlington. 

Pola súa banda, a canle de Welland conecta o lago Ontario co lago Erie. A embocadura da canle que dá ao Ontario sitúase na beira sur do lago a 130 km por estrada de Toronto. Durante este proceso de investigación e monitorización tamén reparei en que, así como en España os prácticos do porto de cada cidade se agrupan en pequenas empresas, no Canadá o fan en macroempresas que dan servizo a varias cidades. Nas cidades españolas polas que pasei desde o comezo do proxecto, A Coruña, Bilbao ou Sevilla, as lanchas dos prácticos eran doadas de localizar, así como as súas instalacións, xa que a información da empresa de practicaxe de cada porto está publicada nas súas respectivas páxinas web . No Canadá atopeime cun panorama totalmente oposto. De feito, en marinetraffic.com non figuraba ningunha información sobre as embarcacións de practicaxe no Canadá.

[…] 

Na primeira viaxe á baía de Hamilton explorei principalmente a canle de Burlington e inmediacións. Trátase dunha canle de lonxitude relativamente curta con peiraos en ambos os laterais, só un dos cales é de acceso público. Tres pontes de tráfico rodado superan transversalmente a canle. Dúas delas son de grandes dimensións e de altura impoñente. A máis antiga delas consiste nunha ponte levadiza, lift bridge, de dimensións moito menores. A plataforma elévase paralela á superficie de auga da canle a través de dúas torres. Estes movementos de ascenso e descenso ocorren cada vez que unha embarcación de suficiente envergadura ten que navegar a través da canle. Durante as filmacións explorei distintas posibles relacións visuais e estruturais entre os procedementos ensaiados coa Bolex e os movementos da plataforma da ponte e os correspondentes contrapesos. Tamén achei no peirao da canle diversos elementos portuarios cos que puiden traballar; por exemplo, unha escada. Desta primeira viaxe en diante comecei a desenvolver unha montaxe na cámara na que intercalaba os rexistros en localizacións coas imaxes tomadas na sala de LIFT. 

As viaxes que realicei ao longo da canle de Welland foron as máis esixentes: trátase dunha canle de 43 km; a estación de tren máis próxima, a de St. Catharines, localízase a 10 km dela e moitos tramos da beira da canle non son accesibles debido a que está valada a unha distancia considerable. Se ben a información sobre os horarios de paso de cada embarcación por cada esclusa se pode consultar diariamente, esta é sempre inexacta. Así, á exploración da paisaxe xuntábanse o cálculo e a predición da situación dos barcos. As pontes levadizas que atopei na canle permitíronme continuar as indagacións que realizaba en Hamilton. 

Paralelamente a estas dúas expedicións a Hamilton e ás outras dúas á canle de Welland, levei a cabo varias á zona portuaria de Toronto e outra á illa de Ward.

Bruno Delgado Ramo

PUBLICACIÓNS RECENTES