Proxectaranse quince películas realizadas expresamente para o (S8) que exploran a artesanía cinematográfica, a experimentación formal e a nostalxia do desarraigo.
Na súa aposta por impulsar a produción de cine de vangarda, a XVII Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña volve incluír o encontro Paraíso no seu programa. Nel, proxectaranse quince películas con vocación artística creadas especificamente para o (S8) nas facultades de Belas Artes das Universidades de Vigo, Salamanca e a Complutense de Madrid. Esta iniciativa, que cumpre a súa sexta edición, está organizada polo eSe8_LAB, o laboratorio do festival dedicado á investigación e desenvolvemento de proxectos cinematográficos dando, aos estudantes, a oportunidade de participar activamente nun festival de cine.
PONTEVEDRA, O FOTOGRAMA EXPANDIDO
Da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, no campus de Pontevedra, amosaranse seis obras nas que o protagonista é o fotograma expandido e certo regreso á fisicalidade, ao xesto manual. Entre elas están Xogando ao agocho (2026), de Naiara Vila Canle, onde evoca un proceso inestable no que o humano defínese e desdebúxase. Tamén Santiamén (2026), de Claudia Fandiño Moldes, unha saturación visual e sonora na que experimenta con debuxos da infancia. E Oda á extinción (2026) de Isabella Moreno Rueda, quen imaxina unha fin do mundo na que o virtual consume á humanidade saturando a imaxe de materia.
As outras tres pezas que chegan desde Pontevedra son Transmisión (2026) de Xulia García Pintos, unha obra onírica cunha moza atrapada entre frecuencias de radio; o ensaio existencialista Persistencia do baleiro (2026) de José García Estévez e Isabella Moreno Rueda; e A viaxe do tolo (2026), unha peza de stop motion creada por Raúl Díaz Alonso. Todas estas películas foron impulsadas coa complicidade de Xisela Franco, cineasta, docente e colaboradora de Paraíso dende os seus inicios, quen define estes encontros como un fogar ao que se chega para «atopar o cine que sempre estará por facerse».
MADRID, ENSAIO FÍLMICO
Trala súa estrea na edición 2025 da Mostra, este ano volve a sumarse a Paraíso o Grado de Bellas Artes da Universidade Complutense de Madrid. A encargada de seleccionar as obras que serán proxectadas foi a docente Noemí García Díaz, quen detecta nos traballos do seu alumnado unha busca da esencia para elevala ao universal a través do xesto creativo. O resultado son catro ensaios que incorporan formas fílmicas como a animación, a performance, a apropiación de imaxes ou a resignificación dos códigos do videoclip.
En Las chicas como ella (2026), Zoila Electra intervén memorias dixitais dunha infancia atravesada pola violencia doméstica e de xénero. Petra Moreno Portales aprópiase do estudo Animals in Motion realizado por Eadweard Muybridge no séculos XIX para crear I Love You (2026), mediante unha fusión de estéticas e códigos de programación. Luz (2026), de Evelyn Andrea de la Vera-Ovinolavera Cevallos, explora a identidade como un territorio mutante, e Suelo (2026), de Clara Tomme Rivera, constrúe cunha proposta visual e sonora o que considera o paso cara a morte.
SALAMANCA, CONXURAR A NOSTALXIA
A memoria e o desarraigo son o eixo sobre o que xiran as cinco producións presentadas polo alumnado do Grado de Bellas Artes de la Universidad de Salamanca. En Era (2026), Olga Sofía Escobar Fajardo, constrúe un relato a base de fragmentos inconclusos para evocar a memoria difusa da súa Venezuela natal. A perda do modo de vida e da lingua, neste caso de Asturias, é a protagonista de Puxa que espanta (2026), de Silvia Alonso Díaz. Julia Battaner Egoscozábal, pola súa banda, intenta crear unha peza epistolar coas resistencias da súa propia familia en 7 pasos para una carta (2026).
Chus Domínguez, docente que coordina a participación desta universidade no (S8), destaca como en todas estas pezas conxúrase a nostalxia polo fogar perdido, xa sexa unha casa, un país ou un idioma. As outras dúas que presentarán en Paraíso son Falso azafrán (2026), de Sara Fénix, e zungwang (2026), de Juan Sebastián Ortega Bolaños.
Paraíso celébrase o venres 5 de xuño ás 11 horas na Filmoteca de Galicia. O acceso, como ao resto de sesións do (S8) é libre ata completar aforo. Trala proxección, haberá un coloquio cos autores e autoras, que terán a oportunidade de asistir ao resto de sesións da Mostra para descubrir o máis destacado do cinema experimental contemporáneo. A súa formación completarase coa asistencia á Masterclass da Kinothek Asta Nielsen e un Encontro Paraíso na última xornada do festival, onde poderán conversar co resto de artistas e programadores internacionais.
A Mostra de Cinema Periférico celébrase entre o 2 e 7 de xuño de 2026 na Coruña. Está organizada pola Asociación Cultural eSe8 e conta co patrocinio da Concellería de Cultura e Turismo do Concello da Coruña e o apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), a Deputación da Coruña, o Instituto de la Cinematografía en das Artes Audiovisuales (ICAA), Acción Cultural Española (AC/E) e a Fundación Luis Seoane.





