Descubro el rayo, tus ojos tiemblan é unha invitación a mergullarse nun transo: unha serie de retratos intermitentes cuxa potencia estuda os efectos físicos da luz nas persoas retratadas e espectadoras. Falamos co seu autor, o asturiano Guillermo Braga, que nos trae esta film performance que se poderá ver por vez primeira no (S8).

Antes de máis, queríache preguntar polos retratos en que se centra a performance. Falas de «retrato psicolóxico», de cinema mudo e dos Screen Tests de Warhol, entre outras referencias. Pódesnos desenvolver isto? Como foi o traballo coas actrices e actores?
Nas imaxes para min hai ecos iconográficos e persoais do cinema, e unha disposición técnica, case fotográfica, que tira inspiración dos famosos Screen Tests (1964-1966). En esencia, a idea inicial nace polo desexo de filmar a expresividade dunha obra que se sostén só a partir dun rostro e destilar iso ata o límite.
Coas persoas participantes establecín un proceso de conversa arredor do proceso artístico para elas teren un papel activo en que facer unha achega. O obxectivo foi xerar un espazo íntimo, no cal a persoa se situaba diante da cámara nunha sala ás escuras. En posición cenital, dispuxera un conxunto de luces que eu controlaba a distancia. Propúñalles empezar mirando á cámara e pouco a pouco tentar mirar para o interior da luz. A medida que se adentran, o control do foco do ollo e a súa noción da posición da cámara, das luces e do espazo desaparecen. Aí nace un rexistro de xestos involuntarios, non contaminados pola interpretación dos actores, e relacionados cun transo que se consegue só a partir da fonte luminosa. A luz afecta física e psicoloxicamente e revela cada persoa do conxunto na súa propia individualidade.
O exercicio fílmico cruza o seu propio limiar cando o espectador, a través da pantalla, asiste ao mesmo efecto.
Como se relaciona todo isto co dispositivo do cinema, coa intermitencia e cos posibles efectos sobre o espectador?
Na imaxe aparece unha luz cegadora que de súpeto desaparece, e así constantemente. A través dese mecanismo, accedemos a unha serie fragmentada de rostros e miradas, como rexistro do que sentiron esas persoas con eses escintileos, o cal por outra banda é algo interno e inaccesible. A luz intermitente activa ocos en negro tras a imaxe que se esvaece e, cando o feixe do proxector se apaga, como espectadores, devólvenos a nós mesmos por un intre.
Os elementos que aparecen son poucos: a luz, o esvaecemento e o rostro. Aquí é onde o formato cobra un papel protagonista, xa que o medio fílmico xera unha capa de materialidade absoluta que se manifesta como sensación física da luz na película.
Tras o escintileo, por veces revélase unha postimaxe que se imprime na retina uns intres logo de desaparecer por completo. A luz intermitente fai evidente a animación do cinema, dun xeito caótico e desincronizado; é coma se a cámara se emancipase do obturador. O que o espectador pense ou sinta xa non depende máis da miña intención, senón de como encaixe a experiencia estética.
Esta obra presentouse en principio como instalación; pódesnos falar da súa adaptación a film performance?
Na instalación, o espazo permitíame xogar cun percorrido, cunha disposición envolvente e cunha escala máis grande de pantallas na sala que xogan coa intermitencia de maneira expandida. Aquí o espectador elixe o seu propio itinerario e tempo. Nesa versión, a peza estaba dixitalizada. Agora preséntase por vez primeira nunha copia positivada do formato orixinal en cor.
Creo que hai algo moi potente en asistir á proxección completa, que esixe enfrontarse a unha proposta abertamente repetitiva e á vez imposible de capturar. A banda sonora, a cargo de Guillermo Rojo, actúa de vehículo condutor desa fragmentación, e a imaxe proxectada cobra especial sentido no seu formato orixinal xunto ás máquinas de proxección, que expanden a pantalla clásica, ao servizo da experiencia desbordante. A proxección en directo e a sala de cinema incrementan a enerxía e o poder colectivo de asombrarse ante a luz, mergullarse no transo e estar máis preto da experiencia dos actores durante a gravación.





