José Val del Omar, figura central do (S8) 2021

Mai 19, 2021 | Destacados, Novas

  • O festival inicia xunto a Acción Cultural Española (AC/E) un programa destinado á difusión internacional da figura do artista granadino a través de tres vías: un programa dobre, un especial en liña e unha conferencia con expertos na súa obra.
  • A Mostra, que celebra a súa duodécima edición entre o 28 de maio e o próximo 6 de xuño na Coruña, presenta hoxe a súa imaxe para este ano, baseada na relación entre o cinema e os soños e na emoción da proxección como experiencia colectiva.

O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico dá Coruña presenta hoxe un dos puntos fortes da súa programación: a estrea do programa dobre que lle dedica á figura de José Val del Omar, un proxecto de Acción Cultural Española (AC/E) comisariado polo (S8) que conta coa participación da Archivo Val del Omar. O proxecto, deseñado para a internacionalización da figura do granadino, itinerará por importantes institucións e eventos culturais do mundo ao longo do próximo ano.

José Val del Omar (Granada, 1904 – Madrid, 1982), que aúna no seu traballo poesía, técnica e mística, é unha figura histórica que formou parte das Misións Pedagóxicas, ten máis de sesenta patentes ao seu nome, inventou o cinema expandido antes de que fose acuñado ese termo, e é autor dunha das obras máis brillantes do cinema experimental mundial: o Tríptico Elemental de España, obra visionaria filmada nos anos cincuenta na que percorre o país a través dos seus elementos (auga, lume e terra). O (S8) acollerá a proxección en 35mm desta obra mestra, xunto cun programa espello deseñado especialmente pola Mostra, “Val do Omar, o cinema como elemento”, no que se rastrexa o calado atemporal das ideas de Val del Omar en obras históricas de vangarda e en pezas de novos cineastas contemporáneos como Valentina Alvarado, Antoinette Zwirchmayr, Colectivo Los Ingrávidos, Helena Girón e Samuel Delgado, Kerry Laitala, Marie Menken, Ken Jacobs, Kenneth Anger e Jeannette Muñoz. Desta maneira evidénciase a atemporalidade dos seus achados, aínda vixentes no cinema do presente. 

A programación do (S8) ao redor da obra desta figura histórica tamén terá presenza en liña a través dun dos Camera Obscura do festival, no que a Mostra porá o foco sobre unha das épocas máis fascinantes da biografía de Val del Omar: cando se instalou a tempo completo no seu laboratorio PLAT (siglas que responden a Picto-Lumínica-Audio-Tactil), onde desenvolveu importantes innovacións no campo da imaxe.

A Mostra incluirá tamén na súa programación a conferencia “Val del Omar. Unha aprojimación. Nesta sesión desenvolveranse os temas anteriormente citados (O cinema como elemento e o especial de Camera obscura dedicado ao seu laboratorio PLAT) a través das valiosas contribucións dunha serie de expertos que nos abrirán unha porta á fascinante galaxia Val del Omar:

Gonzalo Sáenz de Buruaga. Colaborador e cómplice en vida de José Val del Omar, e fundador coa filla do granadino do Archivo María José Val del Omar y Gonzalo Sáenz de Buruaga, unha figura imprescindible na preservación e difusión da vida e obra de Val del Omar.

Piluca Baquero. Directora do Archivo Val del Omar, dende hai máis de dúas décadas combina o seu labor como produtora de cine e como actual directora do Grao en Cine e Ficción Audiovisual UCJC coa xestión e o coidado da obra de José Val del Omar.

Víctor Berlín. Montador, programador, docente e xestor cultural, Berlín leva dende 2007 estudando en profundidade a vida e obra do cinemista granadino. En 2013 funda xunto a Beatriz Navas o arquivo fílmico en liña PLAT.TV, nomeado así en honor de Val del Omar.

Observatorio: encontros profesionais

O (S8) XII Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña tamén contará nesta edición cun apartado dedicado aos encontros profesionais: o Observatorio, dividido en dúas sesións. A primeira, que levará a cabo en colaboración con Proxecta- Coordinadora galega de festivais de cinema, terá por nome “Micro is big” e centrarase no presente e futuro da exhibición cinematográfica a través das voces dos responsables dunha rede de microcines autoxestionados que creceu no mundo nos últimos anos. Participarán Damien Sanville, do Close Up Cinema (Londres); Ed Halter, de Light Industry (Nueva York); Albert Triviño, de Zumzeig Cinecooperativa (Barcelona); e Xan Gómez Viñas, de Numax (Santiago de Compostela).

A segunda parte deste Observatorio, que levará a cabo coa colaboración de CREA – Asociación de profesionais da dirección e a realización de Galicia, contará con Jorge Rivero, da Coordinadora del Cortometraje Español, para dar a coñecer a plataforma Archivo del Cortometraje Español, un espazo plural, diverso e integral que persegue a promoción, difusión e visibilización da curtametraxe. De maneira paralela iniciaranse un debate e unha reflexión para detectar as necesidades e particularidades do ámbito do cinema experimental e de vangarda e poder favorecer a creación dunha rede na que tamén participen espazos, proxectos, institucións e festivais.

Imaxe: soñar cos ollos abertos, o cine como experiencia colectiva

A especie humana é a única que ten conciencia de futuro, que vive coa idea de porvir en mente. O principal mecanismo a través do que se sostén esta idea é a imaxinación, un armazón que nos remite aos soños: as imaxes xeradas pola mente, que non se rexen polas normas da lóxica do mundo. O cinema bríndanos a posibilidade de soñar cos ollos abertos, xerando unha experiencia compartida. 

Como fixeron no seu día os pioneiros do cinema co ilusionismo, a Mostra lanza a través da súa imaxe deste ano unha invitación aos soños colectivos recuperando a programación presencial nas salas de cinema. O festival remóntase ao cinema das orixes, ao milagre do cinema coloreado a man, no glorioso artificio de Méliès ou no mundo “eléctrico” de Chomón, á experiencia de todos aqueles que congregaron a un grupo humano ao redor dunha utopía fabricada de luces e sombras.

PUBLICACIÓNS RECENTES