ENTREVISTA A ÁLVARO FELDMAN: VI PARTICIPANTE DAS RESIDENCIAS ARTÍSTICAS BAICC

Abr 11, 2023 | Destacados, Entrevistas

  • Torontontero, de Álvaro Feldman foi o proxecto elixido a pasada convocatoria de BAICC – Residencia Artística Internacional de Creación Cinematográfica promovida polo (S8) xunto a AC/E e o LIFT. En setembro  de 2022, Álvaro viaxou a Toronto para traballar nas instalacións do LIFT (Liaison of Independent Filmmakers of Toronto), para rexistrar a cidade e debuxar un todo a partir de fragmentos e repeticións en loop, experimentar co copiado óptico, descubrir aos “dinosauros que viven na escuridade” e dar forma a unha película sen principio nin fin,  a súa rumba canadense. Falamos con el de todo iso e da “tensión” cativadora do cinema expandido. O filme performance resultante desta residencia poderá verse na Coruña o próximo xuño no XIV (S8).

– Poderías realizar unha pequena introdución do teu proxecto Torontontero?

Torontonton, torontotorontoronton tero tero, torontotorontonton. Torontontero é unha película, supoño. Ben, son moitas películas nunha, ou unha mesma película que aparece cada vez de maneira distinta, unha performance, cinema expandido ou algo así. Para min é unha rumba canadense.

– Cóntanos brevemente como foi o proceso de creación durante a túa estancia no LIFT de Toronto.

En Toronto estiven a compaxinar paseos interminables para filmar todo o que  podía, mentres traballaba en paralelo coas copias dese material filmado. Desde o principio roldábame a idea de construír unha película que partindo de repeticións se multiplicara en moitas outras posibles películas, por iso filmaba en branco e negro e a coloreaba na copiadora, despois a proxección parte dun loop, un bucle que non empeza nin acaba, mostrándose distinto cada vez. Co son trato tamén de traducir eses mesmos mecanismos que rexen a imaxe e a performance que estou a preparar para pór en diálogo ambas as materias. Durante a miña estancia todos eses conceptos fóronse ordenando e desordenando na miña cabeza igual que na película. 

– Como foi a acollida que tiveches entre a comunidade de cinema experimental de Toronto e que sensacións che transmitiu o poder traballar nun espazo como o LIFT?

Fantástica! Foi unha pasada coñecer alí a tanta xente inspiradora coas que compartir este desexo obsesivo de facer películas coas mans. Acórdome de Karl, Robin e Noah, que me axudaron con todo o que necesitaba e rírmonos entre copias e revelados. De xogar ao billar con Johnny en Niagara, grazas a el tiven bici e guitarra. Britt, que foi un faro, como os que saen na súa peli. Martín e John no seu oasis, CineCycle. Madi que sempre ten os brazos abertos e dá moi bos abrazos. Angelita que me deu un fogar, Chris, Renata, Cayley e moitos outros que levo con moito agarimo no recordo daqueles días.

– O teu traballo destaca na exploración técnica e o coñecemento dos procesos creativos en soporte fotoquímico. Como influíu no desenvolvemento artístico da túa obra o teu paso polo LIFT? En que puideches profundar alí?

Pasar polo LIFT foi unha gran oportunidade para aprender sobre procesos de copiado óptico, foi un luxo traballar con esa máquina intimidante e marabillosa que é a Oxberry, Johnny dicía que as printers son como dinosauros que viven na escuridade. Puiden explorar moito esas técnicas e indagar máis no revelado, ademais de atopar miles de ideas polo camiño de como construír a performance e facer dialogar o son coa imaxe. Interésanme moito os mecanismos, as súas posibilidades e limitacións que ás veces se confunden. En LIFT atopei un espazo onde exploralas, e un tempo para reflexionar sobre os meus procesos. 

– No (S8) dedicámoslle unha especial atención á creación cinematográfica en tempo real nas súas diferentes formas, como o filme performance ou o cinema expandido. Que opinión che merece esta dimensión do cinema? Cal está a ser a túa experiencia neste terreo ao abordar un proxecto destas características? 

Creo que este tipo de pezas performativas levan a experiencia cinematográfica ao presente, fan cómplices axs asistentes, dunha vivencia única. Existe unha tensión que fai interesante todo o que poida ocorrer, e é a propia proxección e non o contido da mesma o que cobra importancia. A min permíteme pensar en todas as posibilidades que compartir un tempo e un espazo concretos con outras persoas pode ter de máxico a través do cinema. 

Até agora a miña experiencia está a ser verdadeiramente expansiva e non deixo de atopar novas posibilidades, é difícil á fin e ao cabo atopar a maneira de despregalas. Torontontero é un chiste pero tamén unha aspiración, debuxar un todo a partir de fragmentos, para experimentar unha forma múltiple e única á vez. 

– Que estímulos atopas no formato analóxico da imaxe en movemento e que crees que achega ao teu proceso de creación esta elección?

Facer películas desta maneira permíteme imaxinar. Para min, prima o proceso de facelas, máis que o resultado, estar en contacto coa materia, que tomen presenza todos os accidentes durante o camiño, é algo máxico e emocionante. Creo que ver como se moven os mecanismos da cámara ou o proxector, revelar as imaxes e que aparezan de súpeto cousas que non se esperaban ou que na cabeza dun se construíran doutra forma, produce a sensación de que a película está viva, toma as súas propias derivas e acompañámonos mutuamente. 

– En que parte do proceso atópase o proxecto nestes momentos e cales serán os seguintes pasos a seguir?

Agora mesmo estou a configurar a performance, a disposición dos proxectores e a duración do bucle, mentres, tamén vou probando co son. Espero ter pronto un esquema que equilibre un pouco todas estas tensións e así poder empezar a ensaiar os procedementos para a proxección. 

PUBLICACIÓNS RECENTES