FALAMOS COAS PROTAGONISTAS DA RESIDENCIA BAICC 2023/24 E O PREMIO eSe8_LAB Á CREACIÓN 2023

Abr 17, 2024 | Destacados, Novas

Latitude Mesh de Agnès Hayden e Con cierta luz (A certain light), de Nicole Remy son dous dos proxectos impulsados o pasado ano por ese8_LAB que terán a súa estrea mundial na próxima edición do (S8) 2024. O primeiro foi seleccionado nas Residencias BAICC 2023/24 para ser desenvolvido no LIFT (Canadá), mentres que o segundo recibiu o Premio eSe8_LAB á Creación e, con el, puido viaxar a NanoLAB (Australia) baixo a tutela dos prestixiosos cineastas Richard Tuohy e Dianna Barrie. Hoxe queremos compartir estas entrevistas que recollen a súa inesquecible experiencia en senllas residencias.

Consulta aquí toda a información sobre BAICC e INPUT

ENTREVISTA A AGNÈS HAYDEN: PARTICIPANTE DAS RESIDENCIAS ARTÍSTICAS BAICC 2023/24

Latitude Mesh de Agnès Hayden, foi o proxecto elixido na pasada convocatoria de BAICC – Residencia Artística Internacional de Creación Cinematográfica 2023/24 promovida polo (S8) xunto a AC/E e o LIFT.

Agnès Hayden estudou na ECAM, especializouse en Dirección de Fotografía polo Instituto do Cinema de Madrid, onde investigou as posibilidades da fotografía no medio, e realizou un máster en LAV. En setembro de 2023, Agnès Hayden viaxou a Toronto para traballar nas instalacións do LIFT (Liaison of Independent Filmmakers of Toronto), no seu innovador proxecto enfocado na investigación da emulsión fotoquímica artesanal.

Ao termo desta residencia, comparte nesta entrevista a súa práctica alí: o resultado dun diálogo entre os químicos, as súas pinceladas de emulsión caseira e a luz. Unha profunda investigación nas magnitudes físicas da película, marabillosamente expresada, que nos deixa desexosas da súa estrea mundial no (S8) XV Mostra Internacional de Cinema Periférico, que terá lugar na Coruña do 31 de maio ao 9 de xuño.

Aquí podes ler a entrevista completa a Agnès Hayden

ENTREVISTA A NICOLE REMY: PREMIO eSe8_LAB Á CREACIÓN E BENEFICIARIA DE INPUT 2023

Con cierta luz (A certain light), o proxecto de Nicole Remy, foi un dos 6 seleccionados na pasada edición de INPUT, o noso espazo de Asesoramentos de Proxectos Cinematográficos en Desenvolvemento. Tutorizado por Albert Alcoz, cineasta, investigador, programador, “Con cierta luz“, recibiu entre todos os proxectos participantes o premio á creación eSe8_LAB 2023. 

Grazas a este galardón, a cineasta puido viaxar a Vitoria (Australia), para traballar man a man con dúas dos referentes mundiais do cinema experimental, Richard Tuohy e Dianna Barrie, nas súas instalacións de NanoLab.

Se Àgnes falaba de como profundou na dimensión física da película e a luz, Nicole describe aquí a súa investigación sobre a outra dimensión física do cinema: o movemento, e como, a medida que avanzaba a súa práctica, revelóuselle a forma na que ela mesma se relaciona coa contorna e retrátaa. A non perder esta entrevista que recolle unha vivencia única neste ámbito!

Aquí podes ler a entrevista completa a Nicole Remy

PUBLICACIÓNS RECENTES