PABLO AGMA. RETORCER A LITURXIA

Xuñ 4, 2026 | Destacados, Entrevistas

Este xoves Pablo Agma presenta a súa film performance Niño monaguillo y sus pecados dentro da noite de Desbordamentos dedicada a Sinais. Aquí o artista galego (que xa nos visitara con Hombre de palo) ábrenos unha porta ao seu proceso creativo.

Pódesnos falar sobre a imaxinaría católica e sobre a figura do acólito? De onde sae ese interese teu?, que é o que te atrae dese mundo?

Vén de varios ámbitos e lugares; o máis claro, a vida mesma. Crieime nese contexto. Ía todos os domingos á misa co meu avó e asistía a miúdo o sacerdote na eucaristía como acólito. Forma parte da miña educación persoal e visual. Alén diso, interésame porque é un mundo tremendamente teatral, cos seus personaxes, vestiarios, rituais, sons… Hai unha dimensión escénica moi forte.

No iconográfico, interésame moito tamén como a arte católica se relacionou co corpo e co erotismo. Hai unha contradición moi potente entre unha cultura que reprime ou xulga o desexo e, ao mesmo tempo, unha imaxinaría chea de corpos expostos, cristos nus, santos en éxtase, en ocasións deliberadamente erotizados como ocorre tan a miúdo con san Sebastián… Lembro empezar a descubrir a miña sexualidade tamén a través desas imaxes e o erróneo que se sentía.

A peza é moi persoal, aínda que se constrúa dende unha certa autoficción. Rememora esa parte da miña vida e tamén un tempo en que o xuízo sobre a homosexualidade estaba moi normalizado (eu mesmo estaba contaxiado diso). Igualmente, lembro con cariño esa época e certo desfrute en ir á igrexa e axudarlle ao cura. Creo que a performance retrata esa complexidade de contradicións entre a tenrura e o medo, a culpa e o gozo, e todo isto artélloo a través do personaxe-acólito, que agora asiste os proxectores que convocan a imaxe.

A peza está dividida nunha sorte de capítulos; pódesnos falar da súa estrutura?

Está estruturada segundo o proceso confesional da relixión católica, mais retórceo. Interesábame usar ese esqueleto, mais levándoo a un final ambiguo, buscando sobre todo unha liberación visual e unha sensación celebrativa.

O núcleo da peza é o segundo acto, «Algarabía», que se chama así pola acumulación de voces que soan en off e que por momentos impiden que se oian unhas a outras. Sobre este conxunto de voces hai unha que predomina, unha especie de confesión. Gusto de pensar que aquí se activa unha dimensión mental do filme, que a imaxe se xera non só na pantalla, senón tamén na mente do espectador.

O primeiro acto, «Los santos patrones», é a antesala da confesión: un exame de conciencia, unha mirada ao pasado, ao lugar familiar… Está filmada na igrexa á que ía de pequeno en Vigo. Comeza como unha descrición pausada do espazo, mais transiciona a un flicker catártico observando estas iconografías relixiosas cargadas de erotismo.

O terceiro acto, «Acto de satisfacción», toma o seu título da parte final do proceso confesional. É unha maneira menos habitual de se referir á penitencia e elixina polo seu ton ambiguo. A imaxe do boneco a arder pode remitir a un castigo, mais, ao intervirse a proxección con vidros, ese lume abstráese e transfórmase noutra cousa, un espectáculo de luces, case unha festa.

A performance conxuga imaxes filmadas con intervencións en directo. Pódesnos falar da decisión de as levar á performance e do aspecto formal da peza?

Niño monaguillo foise xestando de maneira bastante impulsiva, hai máis de tres anos, a partir de pequenos xestos: primeiro apareceu o texto de «Algarabía», despois a estatua dun anxiño descabezado que atopei nun cemiterio de Madrid, logo empecei a experimentar rachando a emulsión da película… Nalgún momento fun unindo todos eses materiais, que estaban atravesados por obsesións comúns e por un momento en que eu estaba moi metido en procesos terapéuticos que me facían mirar cara ao pasado e preguntarme quen era e por que.

Ao principio concibín a peli como unha obra de cinema instalado, mais probando as manipulacións en directo empezou a interesarme a semellanza estrutural entre a liturxia e o acto de proxección. Ambos organizan unha experiencia sensorial nun espazo-tempo separado do cotián; teñen un poder de convocatoria, dirixen a atención dun grupo e fan que unha imaxe apareza ante este. Tamén cobrou sentido a relación entre a pantalla e o altar. Nos dous casos hai unha frontalidade, unha imaxe elevada e unha serie de preparativos necesarios para esta se manifestar.

Hai unha condición ritual inherente ao cinema, moi próxima á experiencia cerimonial, e eu tratei de potenciar esa dimensión a través das imaxes, da estrutura narrativa e da propia posta en escena en directo. Cando estreei a performance en La Casa Encendida, había un confesionario a soster os loops de «Algarabía» e contei co acompañamento en directo de LeChatelier, a compositora da música do filme, que aprendeu a tocar o órgano para a ocasión. Cando a mostrei na Filmkoop de Viena, fixen unha introdución en que se proxectaban sombras de como cargaba e enfiaba o celuloide no proxector. Para min este filme non ocorre só na pantalla. Complétase no espazo, integra o público e sucede tamén na interacción cos aparellos e os elementos escénicos. Traballala en vivo era o xeito de levar a idea ata o final.

PUBLICACIÓNS RECENTES