BOLSAS eSe8_LAB
Xorden como apoio á realización de proxectos fílmicos na modalidade de premio económico, para facilitar aos nosos creadores e creadoras a produción e internacionalización dos seus proxectos nunha institución de prestixio internacional e o intercambio con outros autores no contexto da Unión Europea.
As Bolsas ese8_LAB están financiadas pola Unión Europea – NextGenerationEU como parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais, grazas ás axudas a Laboratorios e Incubadoras de Creación e desenvolvemento de proxectos audiovisuais.
Para fortalecer a actividade formativa, o impulso á produción e o desenvolvemento do talento emerxente, o (S8), a través de ese8_LAB puxo en marcha estas bolsas artísticas en Europa. Con esta intención, nace a colaboración co BALTIC ANALOG LAB (BAL) de RIGA, un colectivo de artistas e un filmlab con sede en Riga, Letonia, que ten como obxectivo producir, ensinar e inspirar a un público proporcionando un espazo para a creación, a aprendizaxe e a formación.
Tras un proceso de selección, a Mostra outorgou na edición de 2022 dous premios para a realización de dous proxectos fílmicos baixo a modalidade de bolsa artística no BAL de Riga.
Esta colaboración entre o (S8) en Galicia e o BAL en Riga (Letonia) deron como resultado novas coproducións internacionais, inauguradas polas cineastas Helena Estrela (co seu proxecto Hot sun, late light) e María Pipla (co seu proxecto As time bends). Tanto Estrela como Pipla formaron parte da programación da edición do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña 2021, e volvérono a facer no 2023 cando estrearon mundialmente estas dúas pezas, resultantes das Bolsas ese8_LAB, no marco do festival.
PREMIOS eSe8_LAB
No pasado 2023, a Mostra lanzou cinco premios INPUT ao desenvolvemento, de 600€, que se concederon a cinco dos participantes nas Xornadas INPUT 2023 como un impulso final; e un premio INPUT á creación dotado con 3.000€, para a finalización dun proxecto e a súa posterior estrea na próxima edición do (S8) 2024.
Á conclusión do proceso de INPUT – Espazo de titorización e asesoramento de proxectos cinematográficos en desenvolvemento 2023, despois da última titoría online que mantiveron titorxs e titorizadxs, contactouse cxs titorxs desta edición, Albert Alcoz, Cloe Masotta, Giuseppe Spina, Helena Girón, Jessica Sarah Rinland e María Cañas, para realizar unha valoración final. Satisfeitas todas as partes do bo nivel dos proxectos participantes así como dos avances no proceso, acordouse estender o noso apoio aos proxectos de Nicole Remy, Beatriz Freire, Louise Martin Papasian e Celeste Rojas Mugica, Carmen Pedrero, Álvaro Gómez Pidal e Pablo Agma.
O proxecto de Nicole Remy, Con cierta luz, titorizado por Albert Alcoz, recibíu o premio á creación INPUT 2023, de 3.000€. E o resultado foi estreado en primicia na edición do (S8) 2024. Todos os demais, foron beneficiarios de senllos premios INPUT ao desenvolvemento, de 600€, para continuar traballando nos seus proxectos. Dous deles, Pablo Agma (con Hombre de palo) e Beatriz Freire (con Téxtil en el medio fílmico) tiveron tamén a súa estrea mundial no (S8) 2024.
En 2024 foron Daniela Delgado Viteri, Raffaella Rosset, Manuel Mateo Gómez e Bárbara Guerrero González as beneficiarias que recibiron este pulo económico aos seus proxectos para a súa finalización: 4 premios eSe8_LAB ao desenvolvemento dotados cunha cantidade de 700€. O traballo resultante de Daniela Delgado Viteri será estreado na edición (S8) 2026 na sección Sinais Latinoamérica baixo o título Pompa y circunstancia.
eSe8_LAB é un proxecto da Asociación Cultural sen ánimo de lucro eSe8, que se desenvolveu no marco do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, grazas á co-financiación da Unión Europea – NextGenerationEU como parte do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia a través do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais ICAA e que, actualmente, recibe o apoio da Axencia Galega de Industrias Culturais da Xunta de Galicia – Agadic.
BOLSAS ‘ELIXIR’ EN HONOR DE AMY HALPERN
A presenza de Amy Halpern no 2022 marcou un antes e un despois na historia do noso festival e de todos os que participaron nel naquela edición, logo da cal, apenas dous meses despois, ela finaría. O seu legado persoal coñéceno aquelas que lembran as súas inspiradoras conversas (con practicamente cada persoa do público e do equipo). Delas saíron novas creacións que se presentaron nos anos seguintes. A súa masterclass segue a ser visitada na nosa canle de Youtube e das súas películas presentadas na Coruña quixemos quedar con ‘ELIXIR’, porque era para ela “unha carta de amor”. Ademais, na alquimia e o misticismo, o elixir da vida era concebido como unha panacea, unha sustancia capaz de curar todas as dolencias e enfermidades. Sexa para salvar do esquecemento os seus dons e a súa luz, sexa para sandar as eivas nas políticas culturais no apoio a cineastas experimentais emerxentes, hoxe presentamos baixo ese nome estas bolsas para o desenvolvemento de 4 proxectos cinematográficos.
Foron a súa familia e amizades quenes quixeron unir forzas para que desde o (S8) puidésemos manter o apoio que nos últimos anos viñemos brindando, non sen esforzo, a aqueles proxectos que apostan por un cine de creación en formato analóxico. Ao premio BAICC (Becas Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica), súmanse este ano estas catro bolsas ELIXIR ao desenvolvemento, de 700€, que se concederán aos catro participantes das Xornadas INPUT 2025 como un impulso para a finalización dos seus proxectos.
Á conclusión do proceso de INPUT – Espazo de titorización e asesoramento de proxectos cinematográficos en desenvolvemento 2025, despois da última titoría online que mantiveron titorxs e titorizadxs, contactouse cxs titorxs desta edición, Beli Martínez, Byron Davies, Raquel Scheffer e Catarina de Sousa para realizar unha valoración final. Satisfeitas todas as partes do bo nivel dos proxectos participantes así como dos avances no proceso, acordouse estender o noso apoio aos proxectos: ‘OH MONO, ADIÓS’, DE PAOLA BUONTEMPO; ‘VÊHTIHIO’, DE VIOLETA SARMIENTO; ‘DE LA NOCHE A LA MAÑANA’, DE ORISEL CASTRO; e ‘¿QUÉ ES UNA MONTAÑA?’, DE FRAN RODRÍGUEZ CASAL. Todos eles, foron beneficiarios de senllas bolsas ELIXIR en honor de Amy Halpern, para continuar traballando nos seus proxectos.
O eSe8_LAB agradece a Nancy Halpern Ibrahim e Mahmood Ibrahim, así como aos seus familiares e amizades a xenerosidade para poñer en marcha esta bolsa de apoio a cineastas emerxentes. Seguiremos traballando para manter no tempo este ‘Elixir’, e con el, o espírito da nosa querida Amy, cineasta e educadora.
