INPUT – ESPAZO DE TITORIZACIÓN PERSONALIZADO DE PROXECTOS CINEMATOGRÁFICOS EN DESENVOLVEMENTO
Descrición
INPUT é un espazo de titorización e asesoría de proxectos cinematográficos impulsado polo (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico de A Coruña que conta coa participación de LAV Laboratorio AudioVisual de Creación e Prácticas Contemporáneas e recibe o apoio da Fundación Luís Seoane.
Obxectivo
A finalidade deste programa é apoiar proxectos cinematográficos de calidade, dando a oportunidade ás súas autoras de repensar o seu proceso creativo, mellorar a obra, localizar fontes de financiamento e lograr a distribución máis apropiada das pezas.
Requisitos
Ser maior de 18 anos e realizar un proxecto cinematográfico con decidida e marcada vontade artística, xa sexa unha película ou unha filme-performance. Debido ao carácter internacional da actividade, recoméndase que as participantes teñan coñecemento de inglés.
Proceso de selección
Desde o 4 ao 29 de abril estará aberto o prazo para a recepción de dossieres, que deberán incluír os elementos a continuación detallados. Toda a documentación deberá estar en castelán e en inglés e non superar as 5 páxinas:
- Sinopse: máx. 1 páxina
- Teaser, de habelo: máx. 3 minutos
- 2 fotogramas do proxecto ou imaxes que representen o proxecto
- Bio da persoa solicitante con link á súa web: máx. 1 páxina
- 1 fotografía da persoa solicitante
- Email e teléfono de contacto
O Comité de valoración decidirá que catro proxectos son seleccionados. Posteriormente, contactarase coas participantes seleccionadas para confirmar a súa asistencia a INPUT 2024, quen deberán responder antes do 6 de maio. En caso de non facelo, entenderase o seu desistimento e contactarase coas seguintes da lista de suplentes. O día 10 de maio faranse públicos os proxectos seleccionados.
Desenvolvemento da actividade
INPUT 2024 terá lugar os días mércores 5 de xuño e venres 7 de xuño. O día 5 celebrarase o acto de benvida das participantes por parte da directora da Fundación Luís Seoane, as directoras do (S8) e da coordinadora de INPUT, tras a cal as participantes terán un encontro para coñecerse e poñer en común os seus proxectos ante as titoras, nunha primeira xornada de titoría. O venres terá lugar a segunda titoría en horario de mañá. Ambas xornadas transcurrirán na Sede da Fundación Luís Seoane da Coruña.
As asistentes titorizadas recibirán unha acreditación profesional que lles dará acceso a todas as actividades e programas da Mostra.
Estancia
INPUT cubrirá os desprazamentos desde territorio español e as comidas de mediodía de todas as participantes e proporcionará aloxamento a aquelas que non residan na Coruña, durante os días que dura a actividade.
Obrigacións das seleccionadas
As participantes comprométense a facer constar nos títulos de inicio (no caso de películas) ou na documentación descritiva da obra (no caso de filme performances), que o proxecto foi seleccionado en INPUT 2024, incluíndo os logos que se lle facilitasen por parte da coordinación. Asimesmo, ceden os dereitos á Fundación Luís Seoane e ao (S8) para realizar senllas proxeccións da obra, unha vez xa fose estreada en España e/ou durante os 2 anos seguintes á súa estrea oficial.
Por outra banda, as participantes autorizan a INPUT a utilización da información referida aos seus proxectos e o seu bio, así como da súa imaxe e a dos seus proxectos para a difusión da actividade e para a súa inclusión no catálogo do (S8).
Entenderase que as participantes aceptan estas bases no momento no que postulen a súa participación.
Contacto
[email protected]