PARAÍSO – ENCONTRO DE ESTUDANTES DE BELAS ARTES

Se entendemos que o cinema é unha arte (e así o cremos desde a Mostra), onde se han de plantar as súas sementes é entre os futuros artistas. Así nace a sección Paraíso, un encontro entre estudantes de Belas Artes que empezan a experimentar coas posibilidades da imaxe en movemento, un lugar exuberante de descubrimento no cal atoparse e recoñecerse.

EDICIÓNS ANTERIORES

O (S8) abriu en 2021 un novo espazo ao ensino e á nova creación desde a perspectiva da formación artística, incidindo no enfoque multidisciplinar e libre das Belas Artes. Unha alianza coa Universidade que nace coa idea de sinalar e abrir novos camiños no futuro da imaxe en movemento.

Así, a Mostra convidou o alumnado da Universidade de Belas Artes de Conca para participar activamente no programa, así como á Universidade de Belas Artes de Pontevedra, facendo coincidir ás novísimas artistas galegas co estudiantado artístico doutras partes do Estado, e servindo de espazo de visibilización dos seus traballos inéditos, de debate das súas visións, os seus obxectivos e as súas reivindicacións para o campo audiovisual.

Quen son? Auto-etnografías fílmicas de artista ofreceu un emotivo traxecto a través de seis películas persoais realizadas por estudantes da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo. Estas son Laura Cid Rascado, Marta Gil Silva, Valeria Martínez e Raquel Álvarez, Lili Lago, Claudia Pineda e Tamara Goberna.

O festival (S8) Mostra de Cinema Periférico quixo servirlles de espazo iniciático a través do cal inscribirse no contexto do cinema experimental. Esa mirada artística da que parten facilítalles crear as súas obras desde a liberdade da súa condición. Por iso, as súas miradas son autorais, íntimas, entenden o cinema como unha forma de coñecemento artístico equiparable á fotografía, a instalación, a performance ou a pintura: as disciplinas que tamén exploran ao longo da súa carreira universitaria. Aproxímanse á linguaxe audiovisual desde o plástico, o escultórico ou o performativo, ou se definen como videoartistas e en xeral descoñecen a escena do cinema de vangarda. Por iso esta invitación ao (S8) é necesaria e oportuna.

Tanto é así, que o resultado desta plataforma de visibilización fíxose patente na súa primeira edición na selección da curtametraxe de Claudia Pineda no 2COOL4SCHOOL do Festival de Cannes, onde presentou a súa obra EL VIAJE, inmediatamente despois da súa estrea no (S8).

O que comezou en 2021 como unha mostra/encontro entre estudantes de Belas Artes que empezan a experimentar coas posibilidades da imaxe en movemento (guiados por docentes de sensibilidade excepcional) consolidouse en 2022 como unha sección máis do (S8) e fíxoo baixo o nome Paraíso. A pasada edición de 2020 contamos coa complicidade das Facultades de Belas Artes de Vigo e de Salamanca. 

Participaron da Universidade de Salamanca coas súas respectivas pezas: María Marlen, Sara Díaz, Natalia Pérez Novo, Lidia Rodríguez González, Lydia Paredes Vázquez, Verónica Alvez e Mirian Opazo. Por parte da Universidade de Vigo puideron presentar os seus traballos: César Souto, Andrea Núñez Pidre, Candea Conde, Maruxa Alonso Gago, Elio Salgueiro, Andrea San Miguel e Clara Borrazás.

O resultado desta plataforma de visibilización está patente nos éxitos obtidos por algunhas destas pezas logo da súa Estrea Mundial no festival: O MARCO de Lydia Paredes Vázquez foi seleccionada no centro de arte contemporánea DOMUS ARTIUM para participar na Expo colectiva de estudantes de fin de grao; MEAT de Lida Rodríguez González  foi  galardoada  na XXV  Edición dos premios San Marcos como mellor obra audiovisual dun estudante de Belas Artes; RETRATOS DO SILENZO  de Miriam Opazo foi galardoada na XIII edición do certame Mocidade Crea 2022 a mellor Videocreación.

EDICIÓN 2023

Este ano o (S8) ampliará ao ámbito internacional a súa sección Paraíso, coa inclusión de alumnado de Francia e Italia. Volverán formar parte desta sección as Facultades de Belas Artes de Salamanca e Pontevedra e, esta edición, tamén se unirá o alumnado da Universitat de Barcelona. 

Todas elas traerán, a través de convocatorias abertas, traballos dos novísimos artistas, que serán presentados polos seus autores, ante unha audiencia profesional internacional na Mostra. Paraíso crea, por tanto, un contexto de intercambio entre o alumnado e estes profesionais de prestixio internacional.

Pero ademais, a próxima edición de 2023, suporá a apertura a un espazo de asesoramento profesional, no que o alumnado recibirá titorización personalizada e directa por parte de titoras de recoñecida traxectoria.